Anova e EU apuran os prazos para estudar o encaixe de CxG na coalición

Díaz, Beiras e Bascuas CC-BY-SA Praza Pública

Ás 23:59 deste venres expira o prazo para rexistrar coalicións electorais para os comicios do vindeiro 21 de outubro. E todo semella indicar que a que se vén dando en chamar "fronte ampla" ou, nalgúns ámbitos, "Siryza galega", apurará ao máximo ese límite temporal antes de pasar pola xanela das autoridades electorais. A decisión de Compromiso por Galicia de apostar por unha incorporación á alianza acordada por Anova e Esquerda Unida acelerou aínda máis o ritmo das "intensas" conversas dos últimos días, ás que na noite deste xoves se engadiu, segundo fontes da negociación, a "complexidade" dunha "incorporación de última hora" á que, non obstante, non se lle pecha a porta.

Cobra forza a posibilidade de que as negociacións continúen tras o rexistro da coalición de EU e Anova

Tras esta última mudanza de escenario o coordinador de CxG, Xoán Bascuas, apelaba na mañá do venres a EU e Anova a "pronunciárense" sobre a posible confluencia como paso previo a "falar" de facer parte da "coalición técnica", isto é, de rexistrárense conxuntamente ante a Xunta Electoral, con independencia de que as conversas continúen nos vindeiros días tanto a nivel programático como no ámbito da conformación das candidaturas. Neste sentido Bascuas amósase aberto a "valorar" o programa no que xa traballan as formacións que lideran Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras, partindo da base de que a súa postura non é "inamovible" e, polo tanto, hai lugar ao acordo.

É precisamente a posibilidade de continuar as conversas alén da propia xornada do venres a que cobra forza a medida que se achega o prazo final. Mentres que algúns representantes de EU como o seu responsable de organización, Jorge Gil, ven complicado que CxG poida chegar a "compartir obxectivos políticos" como facer "unha aposta completamente de esquerdas, unha fronte anticapitalista" coa que Anova "coincide totalmente", outros voceiros da formación, caso do seu responsable de comunicación, César Santiso, concordan con que "os dous piares" da coalición son Esquerda Unida e o grupo de Beiras, o que non impide que, unha vez pechada a alianza, poidan continuar os contactos con CxG e outros colectivos para posibles integracións.

Tampouco dende Anova se pechan as portas. Mentres traballan con EU no peche de cuestións técnicas como "documentos e protocolos", outros membros da formación traballan "a tope" no posible encaixe de Compromiso. Para Anova non hai lugar a "vetos, nin duns a outros nin doutros a uns", ilústrase dende o entorno de Beiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.