Falece aos 73 anos quen foi dirixente fundamental na reconstrución do socialismo galego dende 1998, tecendo o proxecto galego para o partido que desembocou na chegada de Touriño á presidencia en 2005
O Congreso Nacional Extraordinario celebrado polo PSdeG en Ourense en outubro de 1998 virou, co tempo, en histórico para a formación. Naquel conclave Emilio Pérez Touriño, antigo secretario xeral de Infraestruturas de Transporte do Ministerio de Obras Públicas e deputado no Parlamento dende un ano antes, remudou o daquela alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, na secretaría xeral do partido. Impuxérase co 60% dos votos a Miguel Cortizo, que formara parte da dirección dun Vázquez que dimitira polo mal resultado das eleccións galegas de 1997, con Abel Caballero como candidato á presidencia da Xunta.
O equipo de Touriño púxose á fronte do partido cun obxectivo claro: dotalo dun proxecto galego. Ir alén dunha agregación de liderados locais, pero tamén engrandecer o "G" da sigla, afastarse do sucursalismo e achegarse ás teses de quen defendía que, para poñer fin ao fraguismo e chegar a gobernar, cumpría máis PSdeG e menos PSOE en Galicia. Un dos dirixentes fundamentais no artellamento daquel proxecto que procuraba equilibrar socialdemocracia e galeguismo, o que sete anos despois desembocaría na chegada de Touriño á presidencia da Xunta, foi Antón Louro, que vén de falecer aos 73 anos.
Como secretario de organización daquel novo PSdeG, Louro exerceu de armadura do socialismo galego que quixo gobernar. De armadura en canto estrutura e protección, tamén na súa acepción de elementos que constrúen -naquel caso, reconstrúen- de armazón que permitiu aos socialistas pasar do fracaso de 1997 -cando o BNG os superou por primeira vez- ao seu segundo mellor resultado histórico en 2005, previo ascenso en 2001 nuns anos que lles serviran, ademais, para gañar amplas cotas de poder municipal.
Besteiro despide a "un bo amigo, socialista de raza" e "clave para acadar un goberno socialista na Xunta"
Cando botou a andar o Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta, Louro xa non dirixía a sala de máquinas do partido. Pasara ao Congreso dos Deputados, onde exerceu como parlamentario por Pontevedra e tamén como coordinador da representación do PSdeG na Cámara Baixa. Tras esa etapa exerceu como delegado en Galicia do Goberno que presidía José Luis Rodríguez Zapatero e despois como cabeza de cartel do PSdeG en Pontevedra (2011), onde xa fora concelleiro en coalición co BNG en 2007. Como tenente da alcaldía do goberno municipal encabezado polo Bloque pechou a súa longa traxectoria na primeira liña política.
O pasamento de Louro foi recibido con fonda tristura no PSdeG. "Un bo amigo, un socialista de raza que axudou a escribir as mellores páxinas do socialismo galego recente, axudando a transformar Galicia desde todos os ámbitos nos que colaborou e sendo clave para acadar un goberno socialista na Xunta", salienta o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, quen tamén evoca a súa "proximidade, o seu sentido do humor" e unha "serenidade que o facía todo máis doado"