Apagón informativo con amparo legal sobre as listas de espera do Sergas

Mosquera, este xoves en Ourense coa xerente da área sanitaria, Eloína Núñez © Xunta

Recortes sanitarios, agora tamén na información. O pasado 31 de marzo o Servizo Galego de Saúde non publicou un informe trimestral das listas de espera dos seus hospitais. Como informa este xoves o Faro de Vigo ese apagón informativo supuña rachar o procedemento iniciado nas últimas semanas do fraguismo, asentado durante o mandato do bipartito e continuado durante boa parte do mandato de Alberto Núñez Feijóo. O recorte de transparencia non é, nin de lonxe un acto improvisado. É, como adiantou Praza Pública en maio de 2013, a aplicación dun dos preceptos da denominada lei de garantías, a norma que facilita o trasvase de pacientes da sanidade pública á privada e que o Goberno galego está agora a despregar.

Tras a nova publicada polo xornal vigués a conselleira de Sanidade foi cuestionada ao respecto. Durante un acto público en Ourense a prensa preguntoulle a Rocío Mosquera a razón pola cal o pasado marzo o seu departamento non acudiu á cita coa información sobre as listas de espera. Segundo Mosquera estas listas "íbanse publicar en marzo", pero finalmente non foi así porque un informe da Asesoría Xurídica "dixo que non podíamos publicalos, porque era período electoral".

Mosquera asegura que non publicou as listas o 31 de marzo "porque era período electoral", aínda que un só día antes aínda non o era

Se ben é certo que o 31 de marzo era xa formalmente período electoral non o é menos que só vinte e catro horas antes non o era aínda, toda vez que ese día, precisamente, foi no que se convocaron formalmente as eleccións municipais do pasado 24 de maio. Deste xeito, o Sergas podería evitar a colisión co período electoral difundindo os datos na xornada previa, o 30 de marzo, día no que a propia Mosquera, como o presidente e o resto de conselleiros, tivo unha apertada axenda por tratarse das últimas horas nas que as inauguracións eran legais. A titular de Sanidade, nomeadamente, realizou unha visita coa prensa ás obras do hospital de Vigo.

Os datos das listas deixan de ofrecerse trimestralmente e só se publicarán dous meses ao ano

Deste xeito, Rocío Mosquera evidencia que en marzo non informou como correspondía. "Así que nos imos adaptar á lei de garantías", isto e, pasar a ofrecer a metade de información. "Pasamos a cumprir a nova lei, que recolle que as listas de espera e de demoras, entre outas, se publicarán dúas veces ao ano, unha a 30 de xuño e outra a 30 de decembro". O cambio de criterio foi xustificado polo PP durante o trámite parlamentario da lei como unha forma de que "as listas de espera pasen a un segundo plano", un xeito de proceder que, segundo os conservadores, é "valente".

A nova norma permítelle á Xunta evitar o peor dato de cada ano, o do terceiro trimestre, que recolle o incremento na demora durante o verán

Ademais da consecuencia máis evidente, que haberá menos información ca antes, o novo sistema permítelle ao Executivo galego evitar ofrecer o que historicamente é o peor dato das listas de espera cirúrxicas de cada ano, o do terceiro trimestre. Esta información, que era ofrecida a finais de setembro, sempre veu amosando un notable incremento das demoras por mor da menor actividade dos hospitais nos meses de verán, provocada polos peches de camas e a non substitución do persoal durante as súas vacacións.

Con esta nova decisión Sanidade dá un paso máis na redución da transparencia da súa xestión. Así, no último ano ocultou ata en dúas ocasións o dato global de espera, que inclúe o hospital concertado vigués de POVISA, líder en agarda e lastre do conxunto do sistema. Asemade, o Sergas tamén evitou informar con detalle sobre canto persoal traballa nos hospitais durante o verán, a respecto do número de xubilacións na sanidade pública ou en relación ás mortes por infarto en Lugo, entre outros datos.

Mosquera, este xoves en Ourense coa xerente da área sanitaria, Eloína Núñez © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.