O Senado aprobou este martes a Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais. A Cámara Alta non introduciu cambio ningún ao texto proposto polo Congreso, polo que o trámite lexislativo da norma finaliza con esta votación e entrará en vigor nos vindeiros días.
Proposta polo PSOE no Congreso, a medida foi apoiada polo PP no Senado, pero tamén por Ciudadanos, que amosara as súas dúbidas nun principio, e tamén por Compromís, PdeCat, PNV e ERC. Tan só Unidos Podemos e as súas confluencias, entre elas En Marea, votaron en contra.
A norma permitirá aos partidos políticos elaborar perfís ideolóxicos da cidadanía con información tirada de páxinas web e redes sociais, así como enviarlle propaganda electoral por medios electrónicos (SMS, WhatsApp, correo-e e mensaxes privadas a través das redes sociais) sen o seu consentimento previo.
A norma aprobada no Senado permitirá aos partidos elaborar perfís ideolóxicos da cidadanía con información tirada de sitios web e redes sociais
Este tipo de prácticas está prohibidas para as empresas e comunicacións comerciais, pero os partidos incluíron unha excepción especial na lei para poder facelo en períodos de campaña electoral. Expertos e xuristas denominárono como a legalización do "Cambridge Analytica español", en referencia ao escándalo de uso de información privada con fins partidarios e electorais por parte desa consultora.
Algunhas das prácticas son as que protagonizou Donald Trump para chegar á Casa Branca. Outras, en cambio, supoñen para moitos expertos unha novidade ou mesmo ir alén do escándalo de Trump e Cambridge Analytica:
1. Elaborar perfís ideolóxicos dos votantes
Os partidos políticos (pero tamén as coalicións e agrupacións electorais) poderán utilizar ferramentas para rastrexar a actividade dos cidadáns en redes sociais e páxinas web. Desa información poderán tirar aquilo que lles pareza relevante a nivel político e elaborar perfís ideolóxicos: cales son os problemas que máis che interesan, a que partidos apoiaches no pasado ou que é o que che fixo variar o sentido do teu voto nun determinado momento. Se está nas redes, os partidos poderán recompilalo.
Da información que obteñan das redes poderán tirar o que lles pareza relevante: os problemas que che interesan, os partidos aos que apoiaches
O perigo que supón a creación desa base de datos é o punto que provocou que múltiples xuristas e organizacións de defensa dos dereitos dixitais carguen contra a lei. Carlos Sánchez Almeida, avogado experto en Internet e director legal da Plataforma en Defensa da Liberdade de Expresión (PDLI) explica que "os datos que tes en calquera rede social pódense monitorizar, pódense cruzar para crear bases de datos moi completas". "É un matiz que non admite ningún tipo de rectificación: os partidos non deberían ter ningún dereito a manexar bases de datos con información ideolóxica dos cidadáns", asevera.
2. Pescudar como contactar contigo de forma privada
"O envío de propaganda electoral por medios electrónicos ou sistemas de mensaxería e a contratación de propaganda electoral en redes sociais ou medios equivalentes non terán a consideración de actividade ou comunicación comercial", detalla a nova lei. Implica que os partidos poderán tirar datos de contacto do seu monitoreo de páxinas web e redes sociais, como o número de teléfono ou email.
Ao evitar que a propaganda electoral sexa equiparada cunha comunicación comercial, os partidos poderán porse en contacto contigo por vía privada (vía WhatsApp, SMS ou correo electrónico) usando eses datos. "A lei legaliza o spam sobre cuestións políticas durante a campaña electoral, sen necesidade de consentimento previo do cidadán", expón Jorge Morell, avogado especializado en protección de datos.
3. Enviar propaganda personalizada
Queren saber se opinaches sobre pensións ou sobre educación pública, se colgaches fotos nunha manifestación a favor da unidade de España ou polo dereito a decidir
O obxectivo de todo isto é dar unha volta de porca á publicidade electoral. Os partidos queren enviarche propaganda enfocada nos teus centros de interese, non gastar as súas balas con información sobre aspectos que non che interesan. Por iso necesitan rastrexar as redes: queren saber se opinaches sobre pensións ou sobre educación pública, se colgaches fotos nunha manifestación a favor da unidade de España ou polo dereito a decidir.
Tamén é unha volta de porca ao escándalo de Facebook e Cambridge Analytica. Donald Trump utilizou os datos persoais obtidos por esa empresa para poder segmentar as súas mensaxes ao máximo nos seus anuncios a través de redes sociais. Enviar propaganda directamente ao móbil dos cidadáns supón ir máis alá: da propaganda segmentada á propaganda personalizada.
4. Explotar os medos
A propaganda personalizada pode aproveitar os intereses de forma positiva, pero tamén para salientar erros doutros partidos ou medos do votante. "Sexa verdade ou non, tócanche na fibra sensible"
A propaganda personalizada pode aproveitar os puntos de interese do usuario de forma positiva, por exemplo, explicando as propostas do partido que a realiza ao redor deses puntos. Pero tamén pode facelo de forma negativa, para salientar os erros doutros partidos ou os medos do votante.
"O teu perfil como votante non son só os temas que che interesan, senón cales son os que che indignan. É o que vimos nos EUA, cando Trump facía propaganda política fake. Cambridge Analytica sabía que o máis interesante dun usuario eran os seus demos, os seus odios. Sexa verdade ou non sexa verdade, tócanche na fibra sensible", lembra Borja Adsuara, letrado experto en dereitos dixitais e membro do Xurado da Publicidade.
5. Oporte ao envío desta propaganda
"Que garantía vas ter de que non te metan noutra base de datos, como opositores a ese partido?"
O mesmo artigo que establece que os partidos políticos poderán elaborar perfís ideolóxicos dos cidadáns e enviarlles spam ao móbil inclúe un punto sobre a posibilidade de evitalo: "Facilitarase ao destinatario un modo sinxelo e gratuíto de exercicio do dereito de oposición".
Todos os partidos defenderon este punto como un avance notable, porque até agora o buzoneo electoral quedaba nun limbo desregularizado e era difícil impedir que os partidos enviasen a súa clásica propaganda en formato físico. Isto cambia coa nova lei. No entanto. Carlos Sánchez Almeida cuestiona tamén ese dereito de oposición: "Que garantía vas ter de que non te metan noutra base de datos, como opositores a ese partido?".