As aglomeracións e atrancos fan ampliar o prazo para votar por correo

Dous traballadores de Correos nunha vila galega CC-BY-SA CIG

A Xunta Electoral Central (XEC) vén de ampliar ata este xoves 23 o prazo para depositar o voto por correo nas oficinas postais de todo o Estado, un prazo que remata este mércores, e ante as aglomeracións de xente, atrancos e problemas para completar o exercicio do voto na maioría de localidades, tamén en moitas de Galicia. 

A XEC accedeu á solicitude de Correos para estender este prazo ante o "importante incremento" das solicitudes de voto por correo

A XEC accedeu á solicitude de Correos para estender este prazo ante o "importante incremento" das solicitudes de voto por correo de cara ás eleccións do próximo 26 de xuño. En Galicia, esas solicitudes aumentaron máis dun 32% ao pasar das 54.641 do pasado mes de decembro ás máis de 72.000 de agora.  

O prazo para solicitar ese dereito por correspondencia finalizou o pasado xoves, aínda que ata este xoves os electores poderán enviar por correo as súas papeletas ás mesas electorais que lles correspondan. A XEC destaca tamén que se tomou esta decisión debido á ampliación do prazo concedido á Oficina do Censo Electoral para a remisión da documentación electoral, o que pode levar a un atraso na recepción da documentación.

"Para ese efecto Correos deberá extremar a dilixencia para asegurar que os sobres co voto poidan entregarse o día da votación nas respectivas mesas electorais dentro dos prazos legalmente establecidos", engade a Xunta Electoral. 

A CGT denuncia a "imprevisión" de Correos, a "falta de medios axeitados" e mesmo a "vulneración dos dereitos dos cidadáns" en Galicia

As aglomeracións sucedéronse este mércores en varias oficinas de Correos en Galicia. E desde algún sindicato advertírase xa da "imprevisión" do servizo público, da "falta de medios axeitados" e mesmo da "vulneración dos dereitos dos cidadáns". Así o asegurou a CGT, que denunciou desde o venres día 17, "Correos deu instruccións verbais ao persoal de reparto para efectuar un único intento de entrega a domicilio da documentación electoral, cando a obriga é tentar dúas veces a devandita entrega".

"É unha vulneración clara dos dereitos dos usuarios que se ven na obriga de acudir as oficinas a recoller a documentación, o que, ademais, indirectamente causará unha enorme saturación nestas oficinas nos próximos días", advertía Xan Xove, secretario xeral provincial na Coruña da CGT-Correos. E así foi. Ringleiras cunha media de espera de 20 minutos e traballadores repartindo o aviso da documentación electoral fóra do seu horario legal, tal e como relatan desde o cadro de persoal. 

"O noso sindicato advertiu á dirección, xa hai dez dias por medio dunha carta, que as previsións eran que se duplicaría o voto por correo, como así foi. Solicitabamos que tomaran as medidas oportunas de contratación excepcional", asegura a CGT, que lembra que a empresa aumentou con horas extras os servizos, pero é algo "claramente insuficiente". Ademais, recorda tamén que a compañía pública recibe do Estado 38 millóns de euros extras para prestar este servizo electoral, "pero non dá explicacións en ningures de como os emprega"

Correos recibe do Estado 38 millóns de euros extras para prestar este servizo electoral

No conxunto do Estado, máis de un millón de persoas solicitaron votar por correo para as eleccións do 26-X, fronte ás 780.000 que o fixeron nos comicios do 20 de decembro. Segundo datos facilitados polo Ministerio do Interior, unha vez finalizado o prazo para solicitar o voto por correo, as solicitudes ascenden a 1.452.988, un 85,5 % máis que as do 20-D, que se elevaron a 783.415.

Un carteiro, durante o reparto CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.