As cadeiras baleiras do PP nos debates electorais

Os candidatos e a cadeira baleira de Hernández, ao inicio do debate CC-BY-SA Praza Pública

Non foi o primeiro nin parece que será o último. Outro candidato urbano do PP que se nega a debater coas forzas políticas. Neste caso é Carlos Negreira, alcalde e candidato do PP na Coruña, que se negou a participar no debate que tiña previsto organizar a Asociación da Prensa da cidade por estaren convidadas formacións políticas sen representación no pleno municipal, como a Marea Atlántica ou Ciudadanos. A postura do rexedor coruñés únese á que expuxeran outros alcaldables populares en Galicia ou ás decisións dalgúns como Agustín Hernández, aspirante en Compostela, que xa estivo ausente en dous debates co resto de partidos. Jesús Vázquez, en Ourense, xustificou a súa ausencia na conversa organizada pola TVG por un erro na xestión da axenda do seu equipo. 

Negreira négase a debater na Coruña coa Marea Atlántica ou Ciudadanos e mesmo rexeita o acto proposta pola Asociación da Prensa

Precisamente, Negreira acóllese ás normas da Xunta Electoral, que afectan a televisión pública galega, que está a realizar debates tan só cos candidatos das formacións con representación en cada consistorio municipal. O candidato do PP na Coruña aplica ese mesmo criterio para os actos alleos á TVG e organizados por calquera outra entidade ou medio e sobre os que non hai veto ningún, nin normativo nin por parte do resto de partidos. Tan só o PSdeG esixía que fose o cabeza de lista dos populares o que participase, pero o resto de posibles atrancos tan só tiñan que ver con buscar a hora e data axeitada para non interferir na campaña. 

Pero mesmo ao debate da TVG correspondente á cidade de Ourense, gravado este pasado domingo, faltou Jesús Vázquez, o candidato do PP. A formación atribuíno a un "erro humano" na xestión da axenda de campaña, o que tería provocado un atraso de máis dunha hora que non foi aceptado polos seus rivais. A cadeira quedou baleira, aínda que si parece que o alcaldable estará presente nun debate organizado polo Colexio de Xornalistas con sete formacións. 

Agustín Hernández xa estivo ausente en dous debates cos cabezas de lista dos outro partidos

No caso de Agustín Hernández, candidato popular en Santiago, a súa ausencia nestes tipos de encontros xa son repetidas. Os alcaldables de PSdeG, BNG, Compostela Aberta, Compromiso e Ciudadanos acudiron a pasada semana ao faladoiro convocado polo persoal do Concello compostelán, pero o rexedor e aspirante do PP non foi por consideralo "un postureo político". Este pasado martes, o que fora conselleiro ausentouse de novo nun debate, desta vez sobre a corrupción e organizado por Radio Galicia-Cadena SER. Rubén Cela, candidato do Bloque, Francisco Reyes, do PSOE, e Martiño Noriega, de CA, aceptaron o convite, que só foi rexeitado por Hernández, que enviou o seu número tres, Alejandro Sánchez Brunete.

No caso de Carlos Negreira e Agustín Hernández, destaca a súa coincidencia en evitar a confrontación nos debates coas plataformas cidadás como Marea Atlántica e Compostela Aberta, os dous espazos de confluencia que segundo as enquisas aspiran a liderar a alternativa á dereita nas dúas cidades. Non ocorreo mesmo, por exemplo, en Lugo, onde todos os candidatos ás municipais accederon a participar no debate aberto organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG). Tamén Jaime Castiñeira, aspirante do PP, que acudirán xunto aos de PSdeG, BNG, Lugonovo, ACE e Ciudadanos ao faladoiro deste martes. 

Jaime Castiñeira acepta o debate do CPXG con todas as formacións, ao igual que Jesús Vázquez en Ourense

Xa no mes de abril, o Colexio de Xornalistas lanzara unha proposta ás formacións políticas ofrecéndose a organizar debates electorais, defendendo estes encontros como "unha das condicións necesarias para que a cidadanía tome libremente a súa opción de voto". Con tal fin, elaborou un documento que lles fixo chegar ás formacións políticas que concorren ás urnas o vindeiro día 24. Polo momento, só en Lugo e Ourense foi posible organizar o faladoiro. Na cidade das Burgas, celebrarase o vindeiro día 18 e cos cabezas de lista de sete formacións, nas que se autoexcluíu Democracia Ourensana pero na que estará o popular Jesús Vázquez. En Santiago, negóciase aínda a posibilidade dun debate organizado polo CPXG que parece difícil no resto de urbes. 

O caso é que fora o propio PP quen lanzara a idea dos debates, a través das redes sociais e nunha "estratexia conxunta" dos candidatos das cidades galegas. Fora a través de Twitter e hai un mes, nun formato semellante, aínda que con matices. Mentres uns candidatos populares limitaban esta proposta a debates con candidatos de partidos "dos grupos municipais" ou "con representación no pleno", outros, como José Manuel Rey Varela, de Ferrol, ou Agustín Hernández, de Compostela, non excluían ningún rival ou aclaraban que a súa era unha convocatoria "aberta a todos". Pero fontes do PPdeG deixaban claro xa que a iniciativa non era para nada persoal de cada líder local, senón unha estratexia conxunta limitada "aos partidos con representación municipal". Argumentaban que sería complicado establecer un límite de participantes e que sen un criterio "poderían incluírse tamén formacións como a Falange ou os antitaurinos". Non obstante, en Lugo o PP non cumpriu coas directrices e apostou por participar nos encontros nos que se inclúen formacións alleas aínda ao consistorio municipal como ACE, Lugonovo ou Ciudadanos. En Ourense parece que ocorrerá o mesmo.

Negreira e Vázquez, nun acto público © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.