As deputacións galegas gastan 13 millóns ao ano en órganos de goberno

Feijóo, con Rueda e os presidentes das deputacións e da Fegamp © Xoán Crespo

O Goberno central ten un plans para as deputacións provinciais. A que xunto ao Senado son, probablemente, as institucións públicas máis cuestionadas pola cidadanía co factor engadido de non seren elixidas directamente nas urnas, lonxe de ser eliminadas, van ser "potenciadas" polo gabinete que dirixe Mariano Rajoy. Segundo o avanzado tras o Consello de Ministros do pasado 13 de xullo os entes provinciais xestionarán "os servizos obrigatorios mínimos en municipios inferiores a vinte mil habitantes" en aras do "aforro". Ademais, "os servizos das comunidades pasarían a depender das deputacións provinciais", administracións que para o Goberno de España son "máis transparentes", xa que "o 90% cumpre coa presentación de contas anuais" ante os organismos correspondentes.

A Deputación de Pontevedra encabeza, con 5 millóns de euros, o gasto en órganos de goberno

Ambos argumentos, o da transparencia e o do aforro, contrastan notablemente coa realidade ao seren consultados indicadores obxectivos ao respecto, cando menos no caso galego. Así, a transparencia entendida como o dereito da cidadanía ao acceso á información pública non saíu especialmente ben parada no primeiro estudo realizado ao respecto. Elaborado pola ONG Transparencia Internacional, esa radiografía deixaba as deputacións galegas en discretos aprobados e, tal e como detallou Praza Pública, suspendía sen paliativos á Deputación de Ourense. No que atinxe ao aforro os entes provinciais galegos tampouco se caracterizan especialmente pola súa contención nun dos apartados máis observados en tempos de crise, o dos órganos de goberno. Segundo a última comparación oficial dos catro orzamentos provinciais, realizada pola Consellería de Facenda para incluír nas súas contas de 2012 -correspóndese, polo tanto, ao ano 2011- estes centros directivos custáronlles aos contribuíntes un total de 13,3 millóns de euros.

Así e todo, eses 13,3 millóns non se reparten de xeito homoxéneo entre as catro deputacións. Non en van unha delas, a de Pontevedra, destaca notablemente sobre o resto destinando 5 millóns de euros aos seus órganos directivos. As demais si están máis ou menos igualadas; 2,9 millóns de euros corresponden á Deputación de Lugo, 2,8 á de Ourense e 2,6 á da Coruña, cantidades que non experimentaron ningunha redución significativa en tempos de crise e no caso pontevedrés mesmo aumentaron lixeiramente. Así, no ano 2009 o organismo que dirixe Rafael Louzán gastaba en órganos de goberno 4,9 millóns, 100.000 euros menos que en 2011. Mentres, o goberno ourensán facía o propio con 3,1 millóns de euros -reduciu esta partida en 300.000 euros-, o da Coruña gastaba 3,5 e o de Lugo, os mesmos 2,9 que na actualidade. Deste xeito, malia ás estreiteces económicas en total o gasto en gobernar as catro deputacións apenas se reduciu en 1,1 millóns dende 2009.

Gastos de persoal

Outro bo indicador a respecto da xestión das deputacións é o seu gasto en persoal, un dato no que ademais se centra especialmente a análise de Facenda. Neste caso os organismos provinciais galegos tampouco saen especialmente ben parados, non tanto polas cantidades absolutas senón pola súa evolución na última década. Entre 2002 e 2010 as catro deputacións sen excepción incrementaron progresivamente as partidas orzamentarias destinadas ao pagamento de nóminas. No inicio do período analizado o ente provincial que máis gastaba en persoal era o da Coruña, con 26 millóns de euros anuais. Seguíana Pontevedra, con 22 millóns, Lugo, con 21 e Ourense, con 19.

Só a Deputación de Lugo reduciu os seus gastos en persoal, pasando de 37 millóns en 2010 a 26,3 en 2011

Ese particular liderado mudou en 2005, cando a institución pontevedresa iniciou un notable ascenso que a a separou das outras tres e que tocou teito en 2009, cando gastou no seu cadro de persoal 44,7 millóns de euros, case o dobre do que destinaba á mesma finalidade en 2002. Tras unha lixeira rebaixa en 2010, cando quedou en 43 millóns, esta partida do gabinete de Louzán remontou en 2011, cando chegou aos 44,5 millóns. A de Pontevedra non é a única deputación que incrementou o gasto en persoal entre 2010 e 2011 ou, o que é o mesmo, antes das eleccións municipais. Algo semellante aconteceu en Ourense, que pasou de 30,6 a 31,1 millóns e, moi especialmente, na Coruña, onde no último ano analizado a partida de nóminas pasou de 36,9 a 40,2 millóns. Chama a atención, por invertir a tendencia, a Deputación de Lugo, que no mesmo treito temporal axustou o cinto de forma notable, deixando os 37 millóns que gastara en 2010 en 26,3 ou, o que é o mesmo, en niveis do ano 2005.

A importancia do gasto de persoal das deputacións obsérvase dun xeito aínda máis claro se é situado fronte aos fondos totais que manexan. Sempre segundo os datos que obran en poder da Xunta no pasado 2011 os gobernos provinciais xestionaron un total de 477,4 millóns de euros. Isto quere dicir, polo tanto, que os 142 millóns de euros en gasto de persoal supoñen xa o 29% das súas contas.

CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.