As deputacións galegas gastaron 12,2 millóns en gobernarse durante 2012

Feijóo, con Rueda e os presidentes das deputacións e da Fegamp © Xoán Crespo

Son obxecto de horas de debates e de non poucas reflexións en etapa electoral pero, cando menos polo momento, a maioría das deputacións seguen coa súa estrutura decimonónica e, moitas delas, reflectindo nas súas contas moitos dos vicios adquiridos durante décadas, como o enorme peso orzamentario dos órganos de goberno ou do gasto de persoal. A presentación dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2013 permite coñecer de maneira homoxénea as cifras que manexaron os organismos provinciais galegos no ano que remata, uns números polos que pasou a crise, aínda que non igual por todas as partidas e moito menos por todos os gobernos, cuxo custo para os e as contribuíntes é dispar, sumando en conxunto 12,2 millóns de euros.

O goberno da Deputación de Pontevedra é o máis caro

Malia á dureza da crise económica, con especial impacto nas administracións locais, as deputacións apenas rebaixaron nun millón de euros os 13,3 que gastaron en 2011 na partida de "órganos de goberno". Así e todo, como en anos anteriores o gasto en gobernarse a si mesmas non é o mesmo nos catro organismos, cun rexistro no que a Deputación de Pontevedra segue a ser, con diferenza, a máis cara das catro. Así, o goberno que encabeza Rafael Louzán custou 4,5 millóns en 2012, apenas 500.000 euros menos que en 2011, moi por riba dos 2,9 millóns de Lugo -o mesmo que hai un ano-, dos 2,5 de Ourense -baixa 300.000 euros- e dos 2,3 da Coruña -aforrou outros 300.000-. Así as cousas, e ao contrario do que adoita figurar nalgúns imaxinarios políticos, a institución provincial máis custosa está gobernada por un só partido, o PP, e non por unha coalición.

Ourense, á cabeza en peso do gasto de persoal

Unha das partidas polas que si que se nota o paso da crise é outra das tradicionalmente máis observadas, a de persoal, aínda que a retallada vai tamén por provincias. Neste apartado, como adoita acontecer, a Deputación de Ourense segue a ser a líder no que atinxe ao peso do gasto en nóminas no conxunto do Orzamento. Así, no ano da retirada de José Luis Baltar e da chegada do seu fillo ao poder, o 42,5% do orzamento de gastos tivo como destino o capítulo de persoal, superando moi notablemente as outras tres deputacións, que quedaron no 28,2%, no caso da Coruña, no 26,8%, en Lugo, e no 26,1%, en Pontevedra.

En Ourense, os gastos de persoal son o 42,5% do total

Así e todo, os técnicos da Consellería de Facenda reflicten tamén estes gastos en termos absolutos, un apartado no que todas as deputacións aforran pero non con igual intensidade. Deste xeito, nos cadros orzamentarios é posible observar que a que máis cartos gasta en persoal é a Deputación de Pontevedra, cunha achega de 39,8 millóns de euros -en 2011 foron 44,5-. A continuación está a Deputación da Coruña, que ten 38,6 millóns no seu orzamento de persoal, cun aforro de algo máis dun millón a respecto de 2011. Neste indicador o organismo ourensán está no terceiro posto, con 30,3 millóns -31,8 en 2011- e péchao a Deputación de Lugo, que con 25,1 millóns -1,1 menos que hai doce meses- a propia Xunta recoñece o carácter "austero" do seu proceder nesta partida.

Á marxe destas dúas partidas, as contas da Xunta reflicten que as deputacións manexaron neste 2012 un total de 454,8 millóns de euros, o que supón unha caída do 4,7% a respecto do ano anterior. Nestas cifras globais A Coruña perde a súa posición de liderado e é Pontevedra a que maior peso relativo ten. O organismo pontevedrés, xunto con Lugo, incrementou o seu orzamento para investimentos en 2012 -suman 2,5 e 8,3 millóns, respectivamente- mentres que as outras dúas o baixaron. En xeral, os gastos correntes supoñen o 62,7% do total do orzamento.

Fonte: Consellería de Facenda (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.