As derradeiras enquisas manteñen a Feijóo na maioría absoluta cunha ampla bolsa de indecisión

Resultados das enquisas de La Voz e Faro CC-BY-SA Praza Pública

Hai partido ou non? Depende de como se mire. A derradeira xornada na que a lexislación electoral permite a publicación de enquisas deixa un escenario relativamente aberto de cara aos comicios do 21 de outubro, aínda que partindo dun escenario no que o PP mantería e mesmo ampliaría a súa maioría absoluta. La Voz de Galicia e Faro de Vigo ofrecen este domingo senllos inquéritos nos que o partido que lidera Alberto Núñez Feijóo podería manter o Goberno aínda que con dúas salvidades: no caso do diario vigués a marxe de escanos populares chega a 37, isto é, fóra da maioría absoluta, mentres que o xornal coruñés salienta a ampla bolsa de indecisión que aínda se mantén.

Este domingo é a derradeira xornada na que a lexislación electoral permite publicar enquisas

Así, segundo a sondaxe de La Voz os conservadores engadirían un escano aos 38 cos que contaron na actual lexislatura mentres que o PSdeG pasaría dos actuais 25 a 21 e o BNG deixaría dous polo camiño, ficando en 10. Quen recollería os deputados perdidos por socialistas e nacionalistas sería Alternativa Galega de Esquerda, que debutaría no Pazo do Hórreo con cinco actas ou, o que é o mesmo, con grupo parlamentario propio. Así e todo, este estudo salienta que o 38% do electorado galego aínda non decidiu a quen lle vai votar; nomeadamente, destaca que 250.000 persoas que apoiaron a Alberto Núñez Feijóo en 2009 aínda non saben se o volverán facer, isto é, o 31,8%. Mentres, o PSdeG tería un 37,1% de indecisión e o BNG, un 35,4%.

Pola súa banda, o inquérito publicado por Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña detalla un escenario con aínda máis posibles combinacións, tamén de goberno. O PP, segundo este inquérito, tanto podería gañar tres escanos como perder un. Mentres, a caída do PSdeG podería ser de entre unha e tres actas, o mesmo que a do Bloque. Como no caso da outra sondaxe, Faro tamén prognostica a irrupción de AGE no hemiciclo, neste caso con tres ou catro representantes e, polo tanto, sen grupo propio. Pola súa banda, Compromiso por Galicia tería o 1,7% das papeletas. Este estudo debuxa cinco escenarios posibles e "en só un perde a maioría", explican.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.