As enquisas do PSdeG din que "o PP perde a maioría absoluta"

Blanco intervén ante Pachi Vázquez, nun Comité do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Durante os anos nos que José Blanco foi número dous do PSOE que lideraba José Luis Rodríguez Zapatero, primeiro como secretario de organización e despois como vicesecretario xeral, o político de Palas de Rei era considerado todo un especialista en sondaxes. O que foi ministro de Fomento encargábase da estratexia electoral do partido nos diferentes comicios, era quen de recomendar as datas máis axeitadas para celebrar as votacións e tamén de prognosticar con precisión as tendencias do voto. Isto aconteceu, por exemplo, no verán de 2008, cando encabezou as voces internas que instaban ao daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a adiantar as eleccións autonómicas e así lograr unha reedición do bipartito. Tras meses de especulacións sobre a posibilidade de que Blanco optase a ser candidato do PSdeG, na actual precampaña o actual deputado por Lugo está a protagonizar aparicións puntuais, case sempre relacionadas coa súa provincia ou, como este luns, coa xestión do Goberno central. O que non impediu que, de novo, botase man dos inquéritos. Neste caso, para asegurar que Alberto Núñez Feijóo non ten en absoluto asegurado seguir sendo presidente da Xunta dende o 21 de outubro.

Blanco asegura que os mesmos inquéritos lle outorgan ao PSdeG "uns datos parecidos" aos actuais 25 escanos

Nunha comparecencia ante os medios coa deputada Laura Seara para valorar os Orzamentos Xerais do Estado para 2013 Blanco aproveitou para revelar os datos demoscópicos que, asegura, manexa o equipo do candidato socialista, Pachi Vázquez. Nos últimos días, di, tivo a oportunidade de valorar co propio Vázquez unhas enquisas que din "que o PP perdeu a maioría absoluta e que o Partido Socialista pode ser quen encabece o goberno de progreso en Galicia despois das eleccións". Sen ofrecer cifras concretas Blanco explica que esas mesmas proxeccións lle dan ao PSdeG "uns datos parecidos aos que temos agora -25 deputados-" mentres se produce "un derrubamento paulatino do PP", que é "máis evidente" dende a convocatoria electoral, o pasado 27 de agosto.

Segundo o socialista esa tendencia á baixa dos conservadores agudizouse "porque a xente preguntouse por que convocan eleccións" e "a xente respondeu: convócanas a toda présa porque me queren enganar, porque queren facelo antes do rescate", asegura. En opinión do ex ministro "cada día é máis evidente" que o Estado español vai ser intervido financeiramente por completo e que, polo tanto, "Feijóo e Rajoy están a "enganar", porque chegarán novos recortes e máis "sufrimento para a xente". Engano ve tamén Blanco nos posibles contratos de Pemex en Galicia: "dentro de poucos días -prognostica- vai aparecer o panfleto ese de Pemex, porque non é contrato" e, polo tanto tamén "é engano", como "a auditoría das caixas, que non apareceu porque ten algo que ocultar".

"Moito me temo que, despois das eleccións, paralicen o AVE a Galicia"

Neste contexto, José Blanco chama a "aglutinar en torno á candidatura de Pachi Vázquez" á "maioría de galegos fartos das mentiras e dos enganos do PP" para así "facer posible que o seu desexo de cambio se traduza nun voto de cambio". Deste xeito, di, evitaranse novos "enganos" como a data de chegada do AVE a Galicia, fixada polo Goberno central para 2018 pero que, atentendo aos Orzamentos, "no suposto de que se executasen, non se remataría ata o ano 2022". "A alta velocidade non é unha cuestión de técnica, é unha cuestión de pasta, de cartos", ilustra, ata o punto de que "moito me temo que, despois das eleccións, paralicen o AVE a Galicia". "Todo indica que o van facer", asegura, xa que, na súa opinión, as contas do Estado para 2013 son só "o preámbulo dunha decisión anunicada" na que "os platos rotos os imos pagar os galegos".

Blanco intervén ante Pachi Vázquez, nun Comité do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.