As impugnacións danlle ao PP a vitoria sobre a Marea Atlántica, que gobernará en solitario

Asemblea da Marea Atlántica para analizar o 24M Dominio Público @mareatlantica

O PP gañou finalmente as eleccións municipais da Coruña por unha estreita marxe de 28 votos. As impugnacións dos populares lograron o seu obxectivo ao darlle por válidas a Xunta Electoral 47 das papeletas reclamadas fronte ás 14 da Marea Atlántica. Buscaba Carlos Negreira, cando menos, un premio de consolación que, non obstante, non cambiará nada. A plataforma cidadá gobernará María Pita e farao en solitario buscando os apoios puntuais doutros partidos, mentres que o PSdG, que xa anunciara a súa aposta polo "cambio", ratificou onte que apoiará a investidura de Xulio Ferreiro. Na Deputación, o espazo de confluencia non entrará no goberno provincial pero si facilitará a investidura dos socialistas. 

As impugnacións déronlle finalmente a vitoria ao PP por 28 votos

Este mesmo venres, tras a súa primeira reunión en asemblea para analizar os resultados electorais e os posibles acordos, a Marea Atlántica designou un grupo de traballo de seis persoas que "establecerá os contactos cos grupos políticos municipais" co obxectivo de "acadar o máximo apoio na investidura, considerando que existen cuestións programáticas e metas compartidas co PSdeG e o BNG, como a transparencia ou a participación". Mesmo asegura a plataforma que intentará acadar tamén o apoio do PP ou "cando menos a súa abstención", algo que ve "complicado. Con todo, a formación insiste en que a súa "intención" é "asumir o goberno en solitario" pero "mantendo un diálogo constante" co resto de forzas

En canto á Deputación, a Marea asegura que "as municipais amosaron que a xente votou por outra política e outras políticas", polo que di que "vai ser consecuente con esa encomenda facilitando un cambio, aínda que sen intención de entrar no goberno provincial".

Finalmente, o PP sumou 36.885 votos o 24M fronte aos 36.857 da Marea Atlántica. Os populares non aclararon aínda se van intentar sumar apoios para a investidura de Carlos Negreira ou se aceptarán a maioría ampla polo cambio na Coruña, mentres que o BNG convocará asemblea local nos vindeiros días para definir a súa estratexia. 

A Marea Atlántica prevé "asumir o goberno en solitario" e tampouco prevé entrar en coalición ningunha na Deputación

A Xunta Electoral validou finalmente 14 votos por correo que reclamaba a Marea e varios do PP que incluían o cartón do censo. Non aceptou, non obstante, outras con inscricións como "eres el mejor alcalde" ou "ángel de la guarda", tal e como destacou La Opinión. O PSOE tamén sumou 34 papeletas máis, mentres que o BNG sumou dúas, uns cambios que en nada varía o reparto de escaños, con 10 para populares e Marea, 6 para socialistas e un para os nacionalistas. 

A diferenza entre as forzas progresistas e a dereita é de case 13.000 votos na Coruña

Facendo política ficción, a suma de votos das forzas que apostaron claramente polo cambio político na cidade (Marea, PSdeG, BNG e Alternativa dos Veciños) xunta 65.574 fronte aos 42.715 da dereita, xuntando as papeletas de PP, Ciudadanos, Unión Coruñesa e UPyD. Unha diferenza de case 13.000 votos. 

Asemblea da Marea Atlántica para analizar o 24M Dominio Público @mareatlantica

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.