Como as bonecas rusas, a decisión que sobre as candidaturas á Xunta adopta cada nivel do partido socialista encerra toda unha historia de apoios, enfrontamentos, negociacións e correccións técnicas
As do PSdeG para as autonómicas do outono son para uns unhas listas electorais renovadas e para outros continuístas. Listas en parte impulsadas e en parte criticadas á vez polo candidato Leiceaga, a xestora autonómica do partido e os baróns locais. Listas que tras pasar polos niveis local e provincial do partido, aínda poden ser modificadas nos ámbitos autonómico e estatal, pero coas que ninguén estará xa completamente satisfeito. Listas que máis alá de ser ou non abertas ou cremalleira parecen listas matrioscas, como as bonecas rusas, nas que cada capa encerra toda unha historia de apoios, enfrontamentos, negociacións e correccións técnicas.
Os exemplos son varios, pero un dos máis rechamantes é o de Patricia Vilán, actual voceira parlamentaria do PSdeG pero que non figura na lista aprobada nos órganos provinciais de Pontevedra, situación que todo apunta a que será agora modificada nos ámbitos autonómico ou estatal. Vilán é a voz socialista no Parlamento de Galicia desde que o seu antecesor, José Luis Méndez Romeu, perdeu a finais de maio as primarias para ser candidato á Xunta fronte a Xoaquín Fernández Leiceaga. Vilán foi mal acollida polos partidarios de Méndez Romeu, entre eles os afíns ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que impuxo ao veterano deputado Abel Losada como cabeza de lista. E malia que Vilán fora a máis votada pola agrupación local de Pontevedra, o peso do sector vigués fixo que finalmente non fose incluída en ningún dos postos da lista aprobada polo comité provincial con 80 votos a favor e 48 en branco. A mesma sorte correu Gonzalo Caballero, sobriño do rexedor vigués pero enfrontado a el e un dos principais apoios de Leiceaga para gañar as primarias.
En Pontevedra e Ourense as listas aprobáronse a nivel provincial con bastante oposición mentres que na Coruña e Lugo saíron adiante sen evidenciar tanto conflito
En Ourense o partido tamén se amosou dividido a nivel provincial ao aprobar unha lista que encabeza a xa deputada Noela Blanco, a máis votada polas agrupacións locais, pero que leva de segundo ao tamén deputado e secretario provincial Raúl Fernández, malia que foi o terceiro máis votado a nivel local. Fernández adianta á segunda, María Quintas, co argumento da executiva de garantir unha lista paritaria na que a influencia do ex-secretario xeral galego Pachi Vázquez aínda é visible. Lista que foi aprobada con 11 votos a favor pero con nove en contra e unha abstención, mentres que o comité provincial rexistrou 28 votos a favor pero 13 abstencións e seis en contra.
Na Coruña e Lugo producíronse menos conflitos na aprobación das listas a nivel provincial, pero os críticos coa actual xestora do PSdeG e co candidato apresuráronse a asegurar que foi porque o seu control da organización impediu que se produciran debates como en Ourense e Pontevedra. Así, na Coruña, tras o número un que ocupa Leiceaga, a executiva provincial do partido, con 22 votos a favor e unha abstención, situou á edil de Cerceda Begoña Rodríguez Rumbo e o xerente da Universidade da Coruña, Juan Manuel Dios. O comité provincial validou a lista con 65 votos a favor, catro abstencións e dous votos en contra. Lugo, provincia controlada por afíns ao ex-secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro e a actual xestora do partido, parece ter sido a provincia con menos conflito. Alí a lista foi aprobada por “aclamación popular”, segundo o propio partido, e está encabezada polo concelleiro da capital Luis Álvarez, seguido da xa deputada Concepción Burgo.
Agora as listas pasarán polas mans da actual xestora do partido, encabezada por Pilar Cancela, e máis adiante pola dirección estatal. Os cambios danse por seguros.