As mareas cidadás buscarán unha estratexia común na Marea municipalista

Presentación da Marea de Vigo Dominio Público Praza Pública

As distintas mareas cidadás xurdidas en cidades e vilas galegas están convocadas o vindeiro sábado 4 de outubro a unha gran Marea municipalista para "atoparse, falar e poñer en común metodoloxías" de cara ás eleccións municipais de 2015, onde a aparición destas iniciativas cidadás promete cambiar o panorama electoral en numerosas localidades.

A Marea Atlántica propón un encontro entre os procesos que "perseguen unha confluencia liderada pola cidadanía e capaz de producir un cambio en maio de 2015"

É a Marea Atlántica da Coruña, primeiro dos procesos cidadáns en crearse e en validar mediante sinaturas a súa intención de se presentar aos comicios locais, quen propón "un encontro para dialogar e intercambiar ideas e experiencias con aqueles procesos" que, como o seu, "perseguen a construción dun proceso de confluencia liderado pola cidadanía capaz de producir un cambio nas institucións en maio de 2015".

Así o vén de anunciar nun comunicado o proceso cidadán da Coruña, que xa a principios deste mes de setembro chamara a crear un espazo de encontro e un ámbito de cooperación entre as diferentes mareas ante o desafío das municipais. O chamado vai dirixido a Ourense en Común, Marea Ártabra de Ferrol, Marea de Vigo, Marea de Pontevedra ou a Asemblea Cidadá de Compostela, ademais doutros movementos onde, como lembra a Marea Atlántica, "o esencial, ademais de deseñar un marco democrático de confluencia entre actores sociais e políticos, ten que ser a composición dun espazo amplo liderado polo protagonismo cidadán".

"O horizonte está cheo de esperanza pero introduce tamén desafíos e preocupacións que debemos abordar colectivamente"

"O horizonte que se abre está cheo de elementos para a esperanza e evidencia que o desexo de recuperar o poder municipal para a xente está en marcha. Con todo, o escenario introduce tamén desafíos e preocupacións que debemos abordar colectivamente, de forma honesta e transparente", propón a Marea Atlántica, que se refire fundamental a dous elementos de preocupación.

O primeiro deles é "a necesidade de garantir e potenciar o liderado cidadán e non partidario das iniciativas que están a agromar", algo no que sempre insistiu o movemento da Coruña, que naceu á marxe dos partidos e organizacións políticas e que puxo o alicerce cidadán e apartidario como base dunha iniciativa onde aquelas formacións que coincidan nos postulados e a apoien deben diluírse como cidadáns na Marea.

Os diferentes movementos buscan "garantir e potenciar o liderado cidadán e non partidario" das súas iniciativas

A outra preocupación son "as problemáticas derivadas do deseño institucional do Réxime, que baleira de competencias, e polo tanto de ferramentas de transformación, as administracións municipais". Por iso, a Marea Atlántica cre que "para canalizar a esperanza, analizar colectivamente as preocupacións e poñer en común metodoloxías é necesario atoparse e falar".

Entre as cuestións a tratar, ben seguro, estará a necesidade de procurar unha fórmula electoral que -no caso de compartir obxectivos e bases programáticas- permita a estas mareas non desaproveitar a súa forza nas deputacións, onde a lei electoral impón uns duros requisitos para poder xuntar a representación de diferentes candidaturas.

Así, os distintos movementos cidadáns están convocados a esta Marea municipalista que, en forma de encontro e obradoiro de traballo, se celebrará o vindeiro sábado 4 de outubro, de 11.30 a 18 horas na Coruña, nun lugar que aínda está por determinar.

O chamado coincide coa decisión case unánime de Somos Maioría de impulsar as candidaturas cidadás en toda Galicia

O chamado da Marea Atlántica e a intención de conformar un ámbito de cooperación común entre os diferentes movementos cidadáns coincide coa decisión maioritaria de Somos Maioría de confluír con estas diferentes iniciativas e impulsar as candidaturas cidadás, logo de que máis do 95% dos asinantes do seu manifesto apostaran por esta unión da esquerda alternativa nos concellos do país.

Á marxe das diferentes mareas creadas nas principais cidades, arredor da iniciativa Somos Maioría tamén naceron procesos de confluencia en localidades como Vilagarcía, Noia, Fene, Redondela, Noia ou Narón, entre outras.

Xuntanza da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica
Presentación da Marea de Pontevedra, o 30 de agosto Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.