Cargos electos de En Marea, así como os alcaldes das mareas da Coruña, Compostela e Ferrol defenderon este domingo en Zaragoza o dereito a decidir e o apoio á que a cidadanía catalá poida expresarse o vindeiro 1 de outubro. Nun acto convocado por Unidos Podemos e as súas confluencias acudiron uns 600 cargos de varias formacións de esquerda e nacionalistas do Estado para reclamar un referendo pactado e máis democracia ante a operación levada a cabo polo Estado os últimos días en Catalunya. Fixérono nun pavillón cercado por uns 300 ultras e que tivo que pecharse por motivos de seguridade e ante as queixas de varios intervintes que acusaron da escaseza de policías ao traslado masivo de efectivos a territorio catalán.
Uns 300 ultras cercaron o pavillón e agrediron a presidenta das Cortes de Aragón, obrigando a pechar o recinto
Mesmo a presidenta das Cortes de Aragón, presente no acto, foi agredida polos ultras. Violeta Barba recibiu o impacto dunha botella aínda que non sufriu lesión ningunha. "Seguirei defendiendo a democracia e a liberdade cun sorriso", dixo con ese pano de fondo de ameaza co que se celebrou un cónclave que xuntou o espazo das mareas galegas, os comúns cataláns, Podemos, IU, Compromís, PDeCat, ERC ou PNV. A petición foi común e as alusións ao PSOE, constantes.
"Compañero Pedro Sánchez, non caias na trampa dunha fronte co PP", asegurou o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, chamando ao líder dos socialistas a un acordo e reclamando unha consulta pactada. "Fai falta un novo Goberno de unidade plurinacional e democrático que organice un referendo en Catalunya", dixo. Pero foi máis aló, xa que reclamou tamén que "se permita ao pobo catalán pronunciarse o vindeiro 1-O". "Como demócratas apelamos ao Goberno; nunca escoitar o pobo debería ser un problema para un gobernante", engadiu.
Colau e Iglesias apelaron ao PSOE para que non se una nunha fronte co PP e aposte por un goberno de progreso "que organice un referendo"
Tamén a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, defendeu a consulta pero foi aínda máis crítica coa posición do PSOE no conflito catalán. "O partido e Pedro Sánchez apelaron á responsabilidade do Estado e esa responsabilidade hoxe é escoitar a Catalunya, non aliñarse co PP da escalada represiva sen precedentes e que suspendeu de facto o autogoberno de Catalunya", dixo, para engadir que o que se debe facer é escoitar "o sentimento maioritario dos cataláns, ese 80% que pide poder votar" e despois crear "un proxecto compartido".
Desde Galicia, interviron os alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol, Xulio Ferreiro, Jorge Suárez e Martiño Noriega; o voceiro de En Marea e do seu grupo parlamentario, Luís Villares, e a voceira do grupo no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz.
Díaz, Noriega e Villares mantiveron un encontro cos medios no que manifestaron o "carácter autoritario" das políticas que está desenvolvendo o PP e que estas actitudes explicaban a participación de En Marea nesta asamblea. "Estamos convencidas de que só se camiña dende o diálogo, a fraternidade e convivencia", dixo a deputada, que cre que "o pobo catalán leva xa demasiados anos reivindicando poder votar e sempre imos estar do lado da democracia e contra a barbarie".
"O pobo catalán leva xa demasiados anos reivindicando poder votar e sempre imos estar do lado da democracia e contra a barbarie", di Díaz
Para Díaz, o feito de que "haxa alcaldes e alcaldesas imputadas de todas a organizacións políticas" que cre que "é unha barbaridade en termos democráticos". Así, propuxo poñerse a "dialogar". "Poñamos o Goberno de Catalunya e o de España a negociar. As catalás poden votar a decidir o seu futuro", engadiu.
Pola súa banda, o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, destacou que "a pluralidade é unha suma que multiplica". "A defensa dos dereitos fundamentais como o de decidir e das ideas tan básicas como a democracia, xúntannos aquí", explicou o rexedor. Na súa intervención ante o público, o seu homólogo da Coruña, Xulio Ferreiro, asegurou estar "diante dun modelo esgotado, que non garante o dereito dos pobos nin das persoas a vivir con dignidade". "É necesario un novo pacto constituínte que respecto o dereito dos pobos e das persoas a decidir, a decidilo todo", manifestou.
Ferreiro di estarmos "ante un modelo esgotado, que non garante o dereito dos pobos nin das persoas a vivir con dignidade"
Tamén desde o atril, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, denunciou o "momento de opresión" que ao seu parecer é provocado pola "asfixia" que o PP provoca "sobre os dereitos sociais e democráticos, cunha correa que cada vez aperta máis forte". Ademais, reivindicou "os valores republicanos de liberdade, igualdade e fraternidade".
Por outra banda, o voceiro de En Marea, Luís Villares, apuntou que apoiar "o feito de que a xente decida é o que puxo en marcha En Marea". "Hoxe estamos aquí para axudar a quitar ese chapapote autoritario que está contaminando a democracia". O portavoz da formación tamén explicou nas súas declaracións que a fenda que o PP abriu "coas súas negativas a dialogar son un problema de democracia, un problema de non querer escoitar e de recorrer á forza como argumento".
Ultras cercan a asemblea de cargos electos celebrada en Zaragoza / Foto: Eduardo Santos (Podemos)
Respecto da manifestación de "neonazis" do exterior, En Marea advertiu de que se manifestaban "sen que a policía puidese intervir polo traslado de efectivos a Barcelona". "Temos aos corpos de seguridade buscando material inflamable en Catalunya, de urnas, de papeletas, e impedindo a libre reunión da xente. Estamos aquí representantes de todo o Estado, dun sector amplo da esquerda, rodeados por 500 neonazis e comentan que non hai suficientes recursos de seguridade para saír e marchar a casa. Isto demostra a quen lle está a dar a centralidade o PP. É un reflexo do retroceso dos dereitos fundamentais e na criminalización que o PP está a facer", engadiu Martiño Noriega.
"Temos aos corpos de seguridade buscando material inflamable en Catalunya, de urnas, de papeletas, e impedindo a libre reunión da xente"
"É inadmisible que 600 cargos públicos queden pechados e sitiados máis de 4 horas só por un debate sobre democracia. Pediremos explicacións ao Goberno polo que sucedeu. Ante as ameazas e actitudes que lembran a tempos de ditadura, nós seguiremos apostando pola democracia e o dereito a decidir", dixo Yolanda Díaz, mentres que Villares cre que o vivido no exterior do pavillón era "outra demostración de como o Goberno do PP manexa as cousas para que a lei que tanto din que se debe cumprir só se cumpra nos casos que a eles lles cómpre".
Manifesto
O manifesto acordado no cónclave empraza "ao Goberno do Estado a dialogar coa Generalitat e co conxunto de actores políticos para bucar solucións políticas ao conflito en Catalunya, que permitan á cidadanía catalá decidir o seu futuro nun referendo acordado co Estado". Ademais, rexeita a "represión" que está a levar a unha "excepcionalidade preocupante".
Malia a participación no encontro de formacións afastadas de Podemos e os seus aliados, como PNV, PDeCat e ERC, o manifesto conseguiu o apoio de todos os participantes, aínda que Esquerra desmarcouse ao entender que acudira ao acto como "observador" e que a folla de ruta marcada polos poderes cataláns era outra.