As peticións de voto por correo aumentan un 45% en Galicia a respecto de 2011

Sobres de votación nas eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

Alén das dificultades para o voto que sofren as persoas emigradas por mor do procedemento que substituíu o anterior modelo de voto emigrante, que abría a porta a fraudes masivas como a entrega de sufraxios de persoas falecidas, por exemplo, nestas eleccións xerais do 20-D hai outro voto postal, o interior, especialmente vigoroso. Nos comicios convocados por Mariano Rajoy ás portas do Nadal as solicitudes de voto por correo incrementáronse en torno a un 14% na media do Estado e, atendendo aos datos facilitados por Correos, en Galicia a suba é moito maior, superando xa o 45% a respecto dos días previos ás últimas xerais, as de 2011.

Correos rexistrou xa case 55.000 solicitudes de voto por correo en Galicia

Nun contexto no que as enquisas publicadas viñeron coincidindo nunha alta participación, a empresa pública cuantificara xa un total de 54.641 solicitudes de voto postal correspondentes ás circunscricións galegas, 17.146 peticións máis que hai catro anos cando, non obstante, o avance de datos fora publicado oito días antes das eleccións. Malia a esta cautela, todo semella indicar que as peticións se disparan e que o fan especialmente na provincia da Coruña, onde o incremento roldaría o 54%, segundo os datos publicados. O incremento en Lugo estaría preto do 50% e tamén superaría o 40% en Pontevedra, mentres que en Ourense estaría algo por riba do 30%.

Se ben estes datos poderían apuntar a unha maior participación do electorado galego nos comicios do domingo, o incremento do sufraxio postal pódese deber a factores múltiples. Así, por exemplo, cómpre ter en conta os desprazamentos propios da época do Nadal e o inicio das vacacións escolares. Do mesmo xeito, nestas cifras pode influír tamén a emigración de poboación galega a outros puntos do Estado: segundo os datos máis recentes, dende 2013 o saldo migratorio de Galicia con España é negativo -veñen menos persoas das que marchan- e dende as últimas eleccións xerais, por exemplo, marcharon de Galicia a Madrid máis de 13.300 persoas, atendendo aos rexistros do INE.

O prazo para entregar o voto nas oficinas de Correos amplíase ata o venres, día 18, ás dúas da tarde

O incremento no número de solicitudes é un dos motivos que levou a Xunta Electoral Central a ampliar o prazo de solicitudes de entrega do voto nas oficinas de Correos. A "coincidencia coa campaña navideña", os recursos interpostos contra a proclamación dalgunhas candidaturas ou mesmo a celebración de eleccións sindicais na compañía postal, así como a propia ampliación de prazos para a solicitude, indica a XEC, fai que sexa recomendable autorizar que se poidan depositar os votos por correspondencia ata o venres, día 18, ás dúas da tarde. "Correos -advirte a Xunta Electoral- deberá extremar a dilixencia para asegurar que os sobres co voto se depositen en prazo nas respectivas mesas electorais o día da votación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.