Así sería o novo Parlamento se Galicia fose unha única circunscrición electoral

Simulación do Parlamento galego cunha circunscrición única CC-BY-SA Praza Pública

O que vai ler a continuación non é nin máis nin menos ca un xogo xornalístico e matemático. Unha mostra de que a introdución de pequenas variacións no sistema electoral pode provocar mudanzas no reparto de escanos nos parlamentos sen que a cidadanía varíe en absoluto o sentido dos seus votos. Unha vez realizados os escrutinios xerais das eleccións galegas do 25S nas catro Xuntas Electorais Provinciais, isto é, cando xa están sumados os votos do interior co coñecido popularmente como voto emigrante, cabe preguntarse como se repartiría o Parlamento da décima lexislatura autonómica se, por exemplo, se atendese ás reivindicacións de quen apostan por que Galicia sexa unha única circunscrición electoral no canto de dividir os votos en catro circunscricións, unha por provincia.

Se isto sucedese, unha vez pasados pola peneira do sistema d'Hondt os 682.150 sufraxios que o PP obtivo nas urnas estes transformaríanse igualmente nunha maioría absoluta, aínda que menos folgada que a real. Os de Alberto Núñez Feijóo terían nese virtual Parlamento 39 dos 75 escanos, unha mingua de 2 da que En Marea sería a forza máis beneficiada: Os 273.523 votos da formación encabezada por Luís Villares valerían 16 escanos, dous máis que os que realmente teñen. A terceira forza sería igualmente o PSdeG, cuxos 256.381 apoios seguirían tornando en 14 escanos. Tampouco variaría a representación do BNG, con 119.446 votos e 6 escanos que completarían o Parlamento.

Cunha circunscrición única o PP seguiría a ter maioría, pero menos ampla

Este sería o reparto se, nesa suposta circunscrición única galega, o limiar para obter representación fose o actual, o do 5%. No entanto, se esa barreira fose rebaixada ao 3%, a que rexía ata que o Goberno de Manuel Fraga aplicou en solitario a súa reforma electoral a principios dos anos 90, o PP estaría a piques de perder a absoluta: terían 38 escanos. En Marea tamén sairía beneficiada polo cambio, pero menos, xa que obtería 15 escanos. O rango dos socialistas e do Bloque non variaría, xa que ocuparían 14 e 6 asentos, respectivamente. A maior novidade, no entanto, serían 2 escanos para Ciudadanos.

Se o limiar da representación o 25S pasase do 5% ao 3% dos votos a distribución de escanos non variaría

Ciudadanos, precisamente, foi o partido que máis directamente aludiu á lei de eleccións na noite do 25S. Tras ficar fóra do Parlamento a súa candidata á Xunta, Cristina Losada, suxeriu que si lograrían entrar no Pazo do Hórreo co limiar do 3%. No entanto, coas catro circunscricións provinciais isto non sucedería. Se aplicamos os resultados reais do 25S, voto emigrante incluído, e introducimos no sistema electoral a rebaixa do limiar do 5% ata o 3% non se movería absolutamente nada en ningunha provincia: o PP seguiría a ter 41 escanos, En Marea e PSdeG continuarían empatados a 14 e o BNG lograría 6.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.