Aymerich: de Máis BNG a Abrente

Presentación de Máis BNG, en xullo de 2009 CC-BY-SA Praza Pública

A renuncia de Carlos Aymerich ao seu escano do BNG no Parlamento culmina, dalgún xeito, un proceso iniciado a mediados de 2009, cando a formación nacionalista comezou a súa reorganización tras a abrupta saída da Xunta, previa perda dun asento na Cámara pola circunscrición da Coruña. A renuncia de Anxo Quintana á portavocía nacional e, por extensión, a dimisión da Executiva en pleno deu lugar aun rápido proceso asemblear no que Aymerich optou á portavocía nacional encabezando a candidatura denominada Máis BNG, en competencia coa Alternativa pola Unidade, que propuña a Guillerme Vázquez, co Encontro, liderado por Xosé Manuel Beiras, e con Máis Alá, que tiña a Rafael Vilar como referente. Naquela asemblea por delegados, gañada pola ApU, Máis BNG obtivera arredor do 40% dos apoios e comezara tamén a súa andaina como colectivo.

Apenas tres meses despois do plenario extraordinario, en xullo do mesmo 2009, Máis BNG presentábase en sociedade cun acto en Compostela. Na primeira ringleira das persoas asistentes sentaba o ex portavoz nacional, que tamén interveu. Aquela presentación, coprotagonizada por outros dirixentes como Teresa Táboas, foi considerada como a escenificación de que herdanza do denominado quintanismo ía seguir adiante na nova corrente. Nesta liña, en novembro Máis BNG botaba a andar formalmente e, meses despois, adoptaba a denominación de Máis Galiza.

Durante todo este período Aymerich foi o voceiro do Bloque no Parlamento e dende esa condición chegou á XIII Asemblea Nacional da formación frontista, celebrada en xaneiro de 2010 no recinto feiral de Amio, en Compostela. A aquel cónclave, visto dende diferentes ópticas como unha caste de batalla final, Máis Galiza concorreu unido co Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras na alianza Un novo proxecto común, refundación e rexeneración. Na tensísima asemblea de Amio Aymerich optaba a ser candidato do Bloque á presidencia da Xunta e Beiras, á portavocía nacional. As votacións determinaron que a candidatura da ApU era de novo a máis votada e Aymerich, tras as propias votacións, abría a porta a "deixar paso" a outros dirixentes. "Teño outra vida e outra profesión" á marxe da política, explicáballe á prensa.

A saída de Máis Galiza

Ademais dos liderados, a asemblea de Amio aprobou tamén unhas teses políticas e organizativas impedían que as portavocías parlamentarias fosen exercidas por líderes de correntes internas. Así, a Aymerich correspondíalle deixar de encabezar o grupo no Pazo do Hórreo ou facer o propio en +G. Finalmente, dado o resultado da propia asemblea, o paso atrás produciuse no lexislativo galego, onde a portavocía pasou a Ana Pontón. Mentres, Máis Galiza abría "un proceso de reflexión" nun contexto ateigado de interrogantes no que un preponderaba sobre calquera outro: a corrente ía seguir no BNG ou optaría pola escisión?

Na asemblea de Máis Galiza, Aymerich defendeu a permanencia no Bloque

Esa foi a disxuntiva que Máis Galiza se formulou a si mesma na súa asemblea de marzo de 2012, un mes despois de que o Encontro Irmandiño optase por saír do Bloque nunha asemblea á que Aymerich asistira como convidado, asistencia que fora interpretada nalgúns foros como o primeiro paso dunha eventual alianza. O parlamentario chegou á asemblea como defensor da permanencia no Bloque, pero a votación da militancia optou polo contrario. Por 316 contra 133 votos, +G deixaba o BNG con Xoán Bascuas á fronte. Aymerich desexáballes "sorte" aos seus xa ex compañeiros e compañeiras. "As pontes quedan tendidas" de cara a unha futura unidade, afirmaba, se ben o proceso implicaría perder "tempo e xente". El, aseguraba, ía seguir "traballando dende dentro" e de "maneira organizada", polo que os membros de Máis Galiza que quedaban no Bloque se dispuñan, de inmediato, a artellar unha nova corrente.

"Non vou molestar máis", sinalou tras anunciar que abandona o Parlamento

A constitución da nova corrente materializábase en xuño do propio 2012, no que Abrente botaba a andar como, en verbas de Aymerich, "unha aposta clara polo BNG". "Defendemos as nosas ideas dentro do BNG porque estamos convencidos de que este é o noso espazo" sinalaba o deputado como coordinador do colectivo na súa asemblea fundacional. Despois das eleccións autonómicas de outubro, ás que Aymerich concorreu como cabeza de lista por Pontevedra, o primeiro gran reto interno de Abrente era a Asemblea Nacional do vindeiro 17 de marzo, a da "reorientación" do BNG. Pero as discrepancias coas teses políticas da asemblea, que en opinión do propio Aymerich poñen a organización en risco de "retroceder trinta anos", levárono a desmarcarse da dirección, primeiro, e a abandonar a primeira liña política, despois. "Non vou molestar máis", expresou nos corredores do Parlamento este mércores. Resta saber que acontecerá agora con Abrente e, politicamente, con el mesmo. Con todo, xa avanza que "non se ve" en ningunha das formacións "resultantes" das escisións de hai un ano.

Presentación de Máis BNG, en xullo de 2009 CC-BY-SA Praza Pública
Aymerich, na asemblea de +G, en marzo de 2012 CC-BY-SA Praza Pública
Constitución de Abrente CC-BY-SA Abrente

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.