Baltar saca peito ante o resto do PP galego malia perder 30.000 votos

Baltar, valorando os resultados cos deputados electos e o alcalde de Ourense © PP Ourense

Unha das incógnitas da campaña das xerais en Galicia residía en saber ata que punto influiría nos resultados do PP de Ourense a denuncia presentada pola muller que acusa a José Manuel Baltar de ofrecerlle un posto de traballo a cambio de sexo e se, asemade, o barón ourensán lograría conter o devalo xeral dos populares. Como era de agardar, a formación conservadora resistiu en Ourense algo mellor que no resto de Galicia e do Estado, circunstancia que, malia perder 30.000 votos e case 22 puntos de apoio cidadán, leva a Baltar a sacar peito ante o resto do PP galego advertindo de que pensa xa nas eleccións galegas do vindeiro ano.

Tras unha campaña na que compartiu escenario con Alberto Núñez Feijóo en diversas ocasións mentres as novas a respecto da súa denuncia se sucedían, Baltar esgrime que "somos o partido máis votado en España, en Galicia e en Ourense", provincia na que o PP logra o seu "segundo maior apoio porcentual", cun 44,91% que o deixa só por tras de Ávila, onde con Pablo Casado como cabeza de lista, acadaron o 46,2%. O propio PP ourensán, lembra Baltar, xa calculaba en campaña que roldaría o 45%, así que cumpriu o seu "prognóstico".

O PP retrocedeu 22 puntos en Ourense e deixa de ter máis da metade dos sufraxios

A máquina do baltarismo segue a funcionar pero o seu ritmo é moito menor que noutrora. Ao deixar de ostentar máis da metade dos votos e mais dos escanos propiciou unha circunstancia histórica na provincia: a entrada dunha terceira formación no reparto dos escanos, En Marea, rachando así o esquema a dous que se mantiña dende mediados dos 80, cando Coalición Galega lograra un escano por Ourense.

Malia á caída en votos e porcentaxe o PP de Ourense e o seu presidente non perden de vista que poden presentar unha folla de servizos mellor que a de Feijóo. O PPdeG retrocedeu 15 puntos, menos que o PP ourensán, pero ficou no 37%, 17 puntos menos que na provincia de Ourense. Ademais, a maior perda de deputados non se produciu no interior, senón na Coruña, provincia na que Feijóo construíu o seu núcleo duro no partido, e o resultado ourensán é tamén moito mellor que o de Pontevedra, a provincia de Rajoy e os seus cargos de confianza.

Baltar: "Poñémonos a traballar nas eleccións autonómicas de 2016"

Para Baltar estes son, en síntese, uns "resultados moi bos" a partir dos cales, advirte, "poñémonos a traballar nas eleccións autonómicas de 2016". Dados os resultados das xerais, nesa convocatoria electoral a aposta do baltarismo por traballar ou non arreo para a persoa que opte á Presidencia da Xunta polo PP pode ser determinante, toda vez que en Ourense a penetración de Ciudadanos e mesmo das mareas é moito menor que nas circunscricións do litoral. Esta circunstancia pode condicionar, chegado o caso a decisión sobre a continuidade de Baltar no posto no suposto de que a denuncia contra el continúe incrementando o seu lastre político.

Mapa amosado polo PP ourensán a noite electoral © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.