Bascuas, candidato de CxG á Xunta: "Imos ser a gran sorpresa"

Un intre da convención de CxG CC-BY-SA CxG

Compromiso por Galicia sitúa as súas pezas no taboleiro electoral. A corenta e oito horas de que expire o prazo para o rexistro de candidaturas de cara ás eleccións do 21 de outubro CxG configurou este sábado as súas listas a través dunhas primarias abertas presenciais que o partido quixo desenvolver tamén a través de Internet, procedemento que, explican, a premura electoral impediu desenvolver. Coa forma de convención a formación convocou a militantes e simpatizantes en Compostela para decidir nas urnas as facianas que estarán nos seus carteis electorais e, de entre elas, o candidato á Presidencia da Xunta, posto que lle corresponderá ao tamén secretario xeral de Compromiso, Xoán Bascuas que, acabado de elixir, optou por insuflar optimismo entre os presentes: "imos ser a gran sorpresa" das eleccións, asegura.

Unha votación a man alzada con todos os votos a favor agás catorce abstencións serviu para designar a Bascuas, que antes fora electo cabeza de lista pola Coruña co 97,3% dos votos depositados nas urnas instaladas no compostelán Auditorio de Galicia. Canda el estarán Rafael Cuiña, por Pontevedra -94,3% de apoio- e este labor corresponderalles en Ourense e Lugo a Xosé Manuel Pérez Bouza e Iván Marrube, ambos co 100% dos votos das súas respectivas provincias. As primeiras verbas do xa candidato repartíronse entre a carreira electoral que comeza e o propio procedemento polo que foi elixido: "Hoxe demos unha lección" de "radicalidade democrática", asegura, respondendo tamén así á intervención dun militante que, dende o seu posto na bancada, lamentou que non houbese cando menos "dous candidatos" nesa votación final.

Bascuas coida que CxG é a única "forza novidosa" entre as que concorren ás eleccións

"A democracia ante todo é verdade e sinceridade", proclama Bascuas quen, non obstante, lembra que en futuros procesos electorais sen adiantos as primarias servirán non só para escoller os cabezas de lista, senón o conxunto das candidaturas de CxG. Así e todo, di, o celebrado este sábado amosa, na súa opinión, "cal é a forza novidosa" no panorama político galego. Ao seu xuízo non é o PP, "que en media hora resolve o problema das listas", tampouco o PSOE, "onde lle dan voz á militancia" pero despois "cámbiana" e ademais "teñen que mandar os papeis a Madrid". Tampouco ve esa novidade "en Esquerda Unida ou no BNG, onde as listas veñen acordadas pola cúpula organizativa".

"Hai quen di que somos uns inxenuos" pero "somos quen de facelo", asegura. Compromiso concorrerá ao 21-O non apelando a "cambiar o sistema", senón a "axudar", por exemplo, aos "emprendedores, "ás nais" ou ás persoas que "teñen que coidar dos seus maiores". "Nos están inoculando o verme da austeridade" pero "aquí a xente non é certo que viva por riba das súas posibilidades". Por todo isto insta á militancia de CxG a lanzarse á campaña "cun sorriso": "fagamos a campaña que queremos facer e pensemos no que queremos dicir, basta con iso", conclúe.

Bascuas intervén tras ser elixido CC-BY-SA CxG
Un intre das votacións CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.