Bascuas promete facer “inexpugnables” sanidade, educación e servizos sociais

Vista do mitin de CxG en Compostela CC-BY-SA CxG

Xoán Bascuas xogaba na casa este martes. Por primeira vez na súa primeira e maratoniana campaña electoral o candidato de Compromiso por Galicia á Presidencia da Xunta presentaba as propostas da formación galeguista nun mitin na súa cidade, Compostela. Se cadra por iso o líder de CxG amosou especial énfase á hora de solicitar o apoio do electorado para o seu partido, a mesma “confianza” que el ten “nos galegos e nas galegas”, asegurou ante os arredor de 250 militantes e simpatizantes situados no semicírculo de cadeiras disposto en torno ao atril.

Flanqueado por senllas bandeiras de Nunca Máis o aspirante de Compromiso asegura que, de chegar ao Parlamento nunhas eleccións que non están “resoltas”, o seu partido centrará o groso dos seus esforzos na defensa dos servizos públicos. “Educación, sanidade e servizos sociais son para nós castelos inexpugnables”, promete, nun contexto no que non cre que se “poida considerar digno” a “un presidente que lle retira a axuda” das institucións públicas “a quen máis o necesita”. Isto, di, é o que fixo reiteradamente Alberto Núñez Feijóo ao longo do seu mandato mentres, ao tempo, “di que non se poría nervioso por devolver competencias a Madrid”, algo que “nin a sacrosanta Dolores de Cospedal consente”. Feijóo, lamenta, “non cre na capacidade dos galegos”. “Nós acreditamos realmente no autogoberno”, di, mentres o PP quere converter o país “na Comunidad Autónoma de la Región de Galicia, como Murcia”.

"Feijóo quere converter o país na 'Comunidad Autónoma de la Región de Galicia", ironiza Bascuas 

Este autogoberno, explica, empregarao Compromiso para, por exemplo, rematar coa “irresponsabilidade do Goberno” que provoca que as mulleres galegas teñan que “soster o Estado do Benestar galego”, converténdose “no auténtico goberno galego”. “Se aceptamos que son elas as que sosteñen este país, que inxusto é este Goberno e quen consente este Goberno”, conclúe, en referencia ao PP. “Podemos darlle un xiro de 180 graos ao que están facendo”, asegura.

“O Goberno é imprescindible”

Non foi Bascuas o único protagonista do mitin de Compostela, especialmente relevante na campaña de CxG. Antes dirixíronse á concorrencia tres mulleres de diferentes xeracións, a comezar por Ariadna García, membro da Mocidade Nacionalista Galega e convencida de que cómpre falar dunha “Galicia soñada” na que dar a “loita da utopía”.

E da mocidade de García á veteranía da histórica nacionalista Encarna Otero que, dende a referencia ao xuízo de Nunca Máis, se pregunta se “veremos algunha vez os banqueiros xulgados por roubar”. Isto, como no caso do Prestige, precisa “mobilización social”, xa sexa para “reclamar os cartos roubados nas preferentes” ou os servizos sociais. Pero esa mobilización “non chega”, advirte: “o Goberno é imprescindible”, un eido no que reivindica o labor do bipartito na Xunta. “As mulleres, que sabemos de ilusión e de traballar cantando seremos un elemento fundamental” para a “esperanza do país”. “Iso é o que quere Compromiso”, proclama.

A nómina de intervencións completouna a economista Xulia Guntín, quen coida que o “reto” de CxG é lograr que “a cidadanía volva confiar na política” a través dun “modelo de crecemento diferente”, baseado “na innovación, no crecemento, na creatividade e no emprendemento”. Este modelo contraponse ao de Feijóo, afirma, para quen Galicia non é “un país para gobernar”, senón que está centrado en xestionar “unha máquina de gañar eleccións”.CxG “non vai estar na carreira do 'e eu máis”, senón que “faremos propostas cribles, para que a xente crea en nós”.

 

Bascuas, con Encarna Otero nun intre do mitin CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.