Beiras advirte a Feijóo que "a cidadanía vaise reactivar" e que AGE "será a vangarda"

Xosé Manuel Beiras, líder de AGE CC-BY-SA AGE

"A cidadanía vaise reactivar e nós imos ser a vangarda", advertiu Xosé Manuel Beiras, cabeza de lista de Alternativa Galega de Esquerda, a gran sorpresa da noite electoral tras conseguir 9 escanos e superar incluso en dous o BNG. "Se Feijóo pensa que por renovar a maioría no Parlamento os cidadáns van estar máis mansos que as vacas, está trabucado", asegura.

"Se Feijóo pensa que os cidadáns van estar máis mansos que as vacas, está trabucado", advirte Beiras

Nunha comparecencia en Teo, na que nin el nin a número dous, Yolanda Díaz, felicitaron a Feijóo, o líder de Anova e cabeza de lista da coalición con Esquerda Unida advertiu que "a derrota do PP vai ser segura" e alertou de que se abre un novo camiño coa irrupción de AGE no Parlamento. Para Beiras, a maioría do PP chega por mor do desgaste da oposicíón parlamentaria, PSdeG e BNG, que segundo el non cumpriron con seu "cometido". "Conseguimos reactivar a sociedade e a rebelión cívica está en marcha", manifestou. "Fixemos mesmo máis do que podiamos! Mágoa do resto da oposición, que non fixo o seu traballo", dicía pouco despois na súa conta de Twitter.  

"Somos o motor primordial do comezo dun novo ciclo histórico” engadiu. “Durante a campaña dicía que PP estaba derrotado políticamente e que só faltaba derrotalo eleitoralmente, nos conseguimos reactivar, ilusionar, e acentuar, darlle unha saída política ao proceso de rebelión cívica que está en marcha, por tanto nós conseguimos ter uns resultados que significan unha derrota eleitoral para o PP", dixo, logo de insisitr en que "non hai que fiarse dos datos aparentes" porque "o PP mantén a súa maioría de escanos no Parlamento porque as dúas forzas políticas que estaban na oposición, non o obtiveron o apoio do eleitorado que tería nutrido de ter sido realmente unha oposición".

"Os resultados nosos son primordialmente debido aos continxentes que había neste país que ata agora non conseguían traducilos en escanos e máis de toda esa inmensa cidadanía que estaba en loita socialmente pero non atopaba referente que lles merecese confianza", asegurou.

“Seremos os espartanos e esparatanas que nas termópilas pararon os exércitos persa de Dario e deron tempo a que todo o exército de Grecia os vencerá despois en Platea”, dixo. Ademais, Beiras destacou que en Alternativa Galega de Esquerda “temos o compromiso de recuperar, restablecer o rol sobranceiro da Cámara de representantes".

"AGE acaba de nacer e xa é un referente", dixo Yolanda Díaz, que cre que o "tsunami" da coalición "é imparable"

Por outra banda, Yolanda Díaz felicitouse de que AGE fose "quen de levar adiante este tsunami que xa é imparable e que marca unha nova etapa en Galicia”. “Imos ao Parlamento a facer política, e imos facelo porque o noso compromiso é defender a maioría social” asegurou.

A número dous pola Coruña subliñou o feito de que “Alternativa Galega de Esquerda acaba de nacer é xa é un referente. Xa non se entenderá nada da historia deste país, do Estado e incluso de Europa sen este conxunto de homes e mulleres que uníronse para cambiar a situación”. Yolanda Díaz rematou a súa intervención asegurando que no día de hoxe sínte “certa tristura porque o PP volve a gobernar en Galicia pero desde mañán mesmo comezaremos a combatilos. Saúde e República”.

Xosé Manuel Beiras, nun mitin en Ourense CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.