Beiras chama á "coordinación" de toda a oposición no Parlamento

Beiras conversa con membros da AGE, nun pleno CC-BY-NC-SA AGE

"Nós estamos aquí, entre outras cousas, para tentar coordinar accións conxuntas". O Parlamento de Galicia vive este martes unha xornada de intensa actividade. Ademais de xuntanzas ordinarias, como a da Xunta de Portavoces ou as das comisións primeira, segunda e oitava, celébranse reunións da comisión de investigación sobre as antigas caixas e da de estudo para elaborar un plan de prevención da corrupción. Estas dúas últimas están a espertar suspicacias entre os grupos da oposición, toda vez que se van someter a votación os plans de traballo propostos polo PP e non unha combinación das peticións dos conservadores coas do resto de grupos. Neste contexto o voceiro socialista, Abel Losada, propiciou a celebración de contactos no seo da oposición que o seu homólogo de AGE, Xosé Manuel Beiras, amplificou aproveitando a comparecencia posterior á Xunta de Portavoces.

Co clima parlamentario aínda marcado pola vaga expansiva das fotos do presidente da Xunta co narco Marcial Dorado, Beiras explica que, "contra todo o que se poida especular, o certo é que o grupo da AGE, dende que chegou a este Parlamento, ten unha actitude de fomentar e propiciar un clima de colaboración entre os tres grupos da oposición". Así, por exemplo, di, xa no debate de investidura, no canto de "pasarlle polos fuciños" ao BNG o "sorpasso imprevisto" logrado por Alternativa, "a actitude foi inversa" e "cando interveu o portavoz do BNG eu comecei a aplaudir", igual que o resto do grupo da AGE. "A partir de aí estableceuse unha pauta", di,

"Algo teremos en común se estamos na oposición á barbarie que representan o PP, a Xunta e o seu presidente"

"Tentamos levar adiante aquilo que diciíamos, que algo teríamos en común se estamos na oposición á barbarie que representan o PP, a Xunta e o seu presidente". Por iso, di, o propio PP "tenta romper isto", dicindo, por exemplo, que "Beiras é o voceiro do PSdeG", algo que supón unha "pantasmada absoluta", ou que "AGE está radicalizando a oposición". Para o líder da AGE a "coordinación" tamén é necesaria no caso destas dúas co misións, toda vez que, por exemplo, dá a "impresión" de que a comisión de estudo da corrupción "se vai converter nunha parodia", sendo utilizada para "aparentar, marear a perdiz ou lavarlle a cara ao PP". "Se se converte nunha tomadura de pelo acabaremos por plantarnos, pero no momento oportuno", advirte.

Neste contexto, o Pazo do Hórreo foi escenario, no mediodía deste martes, de encontros bilaterais entre Abel Losada, Francisco Jorquera e o propio Beiras. PSdeG, AGE e BNG preparan así o terreo para tentar reaccionar conxuntamente ao que aconteza nas sesións da tarde, especialmente se o PP se resiste a modificar os seus plans de traballo impedindo, por exemplo, que comparezan dirixentes políticos en activo para abordar a cuestión da corrupción.

 

Beiras conversa con membros da AGE, nun pleno CC-BY-NC-SA AGE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.