Beiras, convencido de que o NPC e Compromiso por Galicia "poden confluír"

Beiras, ante a prensa CC-BY-SA Merixo

As comparecencias de Xosé Manuel Beiras ante a prensa non son para as présas. O portavoz nacional do Encontro Irmandiño levaba dende comezos da primavera sen porse ante os micrófonos e as cámaras. Malia estar "moi falangueiro polo país adiante" en diversas xuntanzas con membros da súa formación e das asembleas do coñecido como Novo Proxecto Común (NPC) explica que considerou necesario afastarse un chisco dos focos para que "ningún comportamento" seu "puidese interferir no proceso de construción dunha alternativa política" baseada "na identidade do pobo galego como nación" e "na esquerda". "O protagonismo", di, tivo que ser nas últimas semanas para as "máis de corenta asembleas" que xa funcionan en diversas localidades e comarcas de Galicia e só agora, tras a constitución dunha "coordinadora", a comezos de xuño, e a convocatoria dunha "asemblea constituínte" para o 14 de xullo unha "aparición" súa está, ao seu xuízo, "carente de calquera tipo de connotación nin de suscitar ningún tipo de suspicacia". El, di, participa "como cidadán" no proceso e ten, polo tanto, "algo que dicir".

Dende as súas últimas aparicións públicas non foron poucos os avatares na constitución desa posible nova alianza política, os máis importantes, o desmarque do Encontro Irmandiño do ritmo das conversas con Máis Galiza, Acción Galega o Espazo Ecosocialista, organizacións que veñen de dar lugar á plataforma Compromiso por Galicia (CxG). Pero, malia ás tensións xurdidas sobre o protagonismo que deberan ter as direccións dos grupos e as propias asembleas Beiras non desbota a "confluencia" ou, precisa, a "reconfluencia". "O feito de que existan grupos políticos con máis ou menos base, teñan un corpo social real ou potencial, teñan unha base de afiliación máis ou menos grande... na medida en que existen, é necsario que dialoguen se están polo labor de chegar a un final feliz", sinala. "Eu sigo estando absolutamente a prol disto" e, sen prexuízo de que as conversas "non deben interferir na dinámica fundamental", a das asembleas, o nacionalista amósase convencido de que CxG "pode confluír perfectamente coa asemblea, se tamén é un proceso asembleario".

"Non imos perder o tren das eleccións autonómicas, con independencia daquilo para o que poidan valer"

Non cre Beiras que o feito de apostar por unhas asembleas "cidadás" que deben dar lugar "a un movemento, non a un partido" faga que o ritmo de creación dunha nova forza sexa "máis lento" nin que impida chegar ás próximas eleccións autónomicas, "con independencia do valor que se lles dean" a eses comicios. Ben ao contrario, ve "claro" que "a partir do 14 de xullo se está en condicións de crear unha alternativa electoral", "aínda que non sexa" nesa propia xornada, "non teñen por que participar na asemblea, ten que ser un proceso aberto". "Eu podo falar por min e polo que percibo, e estou convencido de que estaremos en condicións de presentarnos ás eleccións", afirma, nun contexto no que, admite, aínda existen "incógnitas" sobre a confluencia e, polo tanto, tameń "un risco" o "fraccionamento" das "alternativas". "Nós, e dígoo como Encontro Irmandiño, estamos a prol de impedirmos un fraccionamento na medida que sexa posíbel". "Queremos impedir a fragmentación e por iso apoio as mensaxes da coordinadora de asembleas e a miña disposición á interlocución", abonda. "Non imos perder o tren das eleccións autonómicas, con independencia daquilo para o que poidan valer" porque, ilustra a xeito de hipérbole, "ao mellor nin as hai", dado un contexo no ámbito do Estado no que non hai "garantías de que o actual Goberno dure máis dun ano". "Que probabilidades hai de que aquí haxa un rebentón que faga desta unha situación análoga á de Grecia?", pregúntase.

Espectro ideolóxico da nova forza e cartel electoral

"Eu non creo que eu sexa, en principio, un candidato a nada, porque non me estou preocupando diso para nada"

Pero, será posible achar puntos en común entre posturas ideolóxicas afastadas, máis aínda despois de diferir no proceso de constitución da nova forza? Beiras coida que si e emprega para isto unha referencia "histórica". Nas eleccións autonómicas de 1989, lembra, "Coalición Galega afundiu electoralmente" e "o 50% dos seus votos viñeron ao BNG". "Inmediatamente despois, integrouse no BNG unha forza política de centro galeguista que nacera en Coalición Galega, o PNG". Iso, di, serviu que o "acordeón" do Bloque puidese "ir ampliando cara ao centro sen deixar un espazo libre á esquerda". Malia esa referencia, advirte, isto non quere dicir que a nova forza vaia ser unha fronte. "Non ten nada que ver". "A fronte é un deseño, un movemento é algo que acontece na sociedade civil e non na instancia política". Neste caso, di, os partidos non son "os tractores do proceso político", senón que ese papel o xoga "a cidadanía en marcha".

Despexado o interrogante da posible confluencia malia ás diverxencias previas, da bancada da prensa xurdiu de novo unha das preguntas máis reiteradas nos últimos meses. En caso de que ese movemento tome forma de opción electoral, cal sería o papel de Beiras? Estará, once anos despois, a súa faciana de novo nun cartel electoral? "Eu non creo que eu sexa, en principio, un candidato a nada, porque non me estou preocupando diso para nada", asegura. "Se eu tivese a pretensión ou a vocación, en vez de estar facendo o choio que estou facendo, estaría cun directorio para montar o estaribel necesario; nunha peana, como o santo levado ás romarías, pero non a pé". Pero, descártase? "Eu non pecho a porta a nada", responde.

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.