Besteiro accede a vivir as dez horas da "ruta do cancro"

Gómez Besteiro, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA PSdeG

Dez horas e catrocentos quilómetros para un tratamento duns dez minutos. É o retrato robot do periplo que padecen as persoas doentes de cancro da provincia de Lugo que, ante a ausencia de servizos como a radioterapia ou a medicina nuclear no Hospital Lucus Augusti, teñen que ser trasladados a outros centros, maioritariamente á Coruña, para seren tratados. Esta realidade prodúcese aínda que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometeu estes servizos para o HULA o mesmo día da súa inauguración, o 26 de febreiro de 2011, e malia a que o propio PP aceptou tramitar a iniciativa lexislativa popular que os reclamaba, a mesma que, xa recortada, adormece no trámite parlamentario. Neste contexto, e mentres a Consellería de Sanidade anuncia parte dos servizos pendentes para o ano electoral de 2015, a plataforma cidadá que pula pola súa instalación convidou unha vintena de cargos políticos a realizar o que xa alcuman como "ruta do cancro" xunto aos doentes. O convite xa ten, cando menos, unha resposta.

Segundo vén de informar a Federación de Asociación de Veciños de Lugo o presidente da Deputación lucense e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, será o primeiro dirixente que viva en primeira persoa esa "ruta do cancro". Mentres agardan pola resposta ao convite de persoas máis directamente implicadas na posible resolución do problema, como Alberto Núñez Feijóo, a conselleira de Sanidade ou catro cargos do Sergas, o líder socialista ten unha cita este venres ás dez e media da mañá en Lugo, dende onde partirá unha comitiva ata a aldea de Vilagude, na Fonsagrada, lugar de residencia do doente.

Feijóo prometeu a instalación dos servizos durante a inauguración do HULA, en 2011

Acompañado tamén polo alcalde fonsagradino, Argelio Fernández, Besteiro terá que viaxar co paciente de novo ata o hospital lucense onde, como é práctica habitual, estarán a agardar outros pacientes que tamén teñen que ser trasladados para recibiren cadanseus tratamentos. Cando todas as persoas citadas para esa mesma xornada estean na ambulancia, esta partirá cara ao Centro Oncolóxico de Galicia, na Coruña, onde prevén chegar arredor das catro da tarde, sinala a federación veciñal. Unha vez alí comezará o tratamento propiamente dito, duns "dez minutos" de duración, e o paciente da Fonsagrada, coma os demais, terá que agardar a que "todos o reciban". Cando isto suceda, a ambulancia fará o viaxe de regreso ao HULA e o veciño fonsagradino aínda terá que viaxar de novo ata Vilagude.

Os pacientes oncolóxicos teñen que realizar unha viaxe de arredor de dez horas para recibir un tratamento duns dez minutos

Unhas 1.200 persoas, segundo cálculos deste colectivo veciñal, realizan cada ano esta ruta nun contexto no que datos oficiais do Sergas acreditan que, sumando os desprazamentos derivados da carencia de sala de hemodinámica -agora funciona pero só a tempo parcial-, en tres anos as persoas trasladadas foron unhas 6.000. "Somos os únicos galegos que non dispoñemos deste tratamento de radioterapia", lamenta o voceiro do colectivo, Jesús Vázquez, quen confirma que, cando menos polo momento, ningún representante do PP aceptou a proposta de realizar o percorrido ao que este venres prevé sumarse Besteiro. Isto sucede, subliña, mentres a devandita ILP continúa "aparcada".

Apelación á "sensibilidade" de Feijóo

Á necesidade de que "todos os galegos sexamos iguais" no acceso aos servizos sanitarios e á apelación á "sensibilidade" do presidente da Xunta súmase o propio Besteir, que en declaracións á prensa lamenta que, en casos coma este, "a política" se "afastase dos sentimentos, das emocións e do mal que ten a veciñanza". "Estamos inmersos nunha batalla de declaracións pero non somos quen de sentir o problema" que, salienta, supón a "verdadeira peregrinaxe" que teñen que realizar os pacientes ata A Coruña polo simple feito de teren que "recibir un tratamento por unha enfermidade".

"Sen poñerse no lugar" deste paciente concreto, "porque é imposible", o socialista insta a Xunta a "non moverse só polo que custa" a instalación destes servizos no HULA porque "hai cousas que non teñen prezo". "Nesta provincia ten que haber un servizo de radioterapia, de hemodinámica e de medicina nuclear" e "o presidente da Xunta ten que ser sensible a esta situación" no canto de "seguir xogando" con esta problemática a cal, di, está pendente "dende que Feijóo é presidente", período no que o popular veu prometendo que a instalación se realizaría "xa".

Gómez Besteiro, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.