Besteiro reivindica a política social do PSOE: "Non só nos indignamos, acadamos dereitos"

Un intre do mitin, con Jáuregui e Blanco CC-BY-NC-SA PSdeG

A dous días do peche da campaña electoral das europeas, a primeira para o PSdeG coa súa nova dirección á fronte, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, segue acumulando quilómetros case ao mesmo ritmo que o candidato, José Blanco. Mentres as revelacións do sumario da operación Pokémon o obrigaban a dirixirse á prensa para lembrar que "voluntariamente, remitín xa en decembro" ao xulgado a documentación "que demostra que sempre actuei conforme á lei" o líder socialista aproveitaba un mitin en Ferrol xunto a Blanco e Ramon Jáuregui para internarse nun dos vieiros máis complexos para o partido nesta carreira electoral: explicitar as diferenzas a respecto do PP, especialmente no que atinxe á política social.

"Os socialistas non só nos indignamos", resalta Besteiro, senón que tamén "nos rebelamos contra o abuso sobre a clase traballadora, loitamos" e, dende os gobernos, "acadamos cambios que se converteron en dereitos para toda a sociedade". "Non podemos abandonar a vangarda de loita polo cambio na que sempre vivimos os socialistas", animou o secretario xeral ao seus. O seu partido, asegura, sempre estivo "impulsando o avance das sociedades, contra a sociedade de ricos e pobres e abrindo o camiño das conquistas sociais". Para iso, salienta, precisan "o apoio da maioría social".

O PSdeG contrapón o machismo de Cañete con leis acadadas "grazas ás forzas socialistas", como o matrimonio igualitario

No caso de volver contar con ese apoio electoral a formación comprométese a volver "facer efectivas todas aquelas reivindicacións xustas, que inflúan en mellorar a calidade de vida dos cidadáns e signifiquen unh ampliación e consolidación de dereitos" no ámbito "laboral, civil e social". Mentres en Compostela Feijóo aseguraba que a verdadeira "troika" é a formada polo PSOE Besteiro puxo o acento neses "dereitos sociais acadados polos socialistas" dende os diferentes executivos: "a xornada laboral de oito horas, o dereito de vacacións pagadas, o dereito de manifestación, folga e liberdade sindical ou a ampliación do salario mínimo interprofesional".

Co machismo de Miguel Arias Cañete protagonizando a campaña a nivel estatal Besteiro recorda tamén que "grazas ás forzas socialistas" chegaron medidas como "o matrimonio entre persoas do mesmo sexo" e outras que permitiron "fortalecer" o "papel fundamental da muller na sociedade", tales como a "lei do aborto ou as medidas de protección integral contra a violencia de xénero". O apoio ao PSOE o 25-M suporá apostar por esas políticas e rexeitar as do PP cuxo candidato, di Blanco, mesmo "censura" as preguntas da prensa. "Se o candidato do PP censura as preguntas, respondámoslle cun voto de censura masivo nas urnas", animou.

Besteiro, durante o mitin en Ferrol CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.