Haberá axiña repetición de eleccións… Nunha mesa electoral de Burela. Será, segundo prevé o Concello, a finais de setembro cando 630 cidadáns da vila mariñá sexan chamados a volver votar, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aceptase a reclamación da formación Burela Sempre por unha irregularidade nunha das urnas do instituto O Perdouro.
O Superior invalidara así o escrutinio realizado no seu momento porque os membros desa mesa non enviaron para ser analizados pola Xunta Electoral seis votos declarados nulos que poderían dar o seu primeiro concelleiro na vila a Burela Sempre. Tres meses despois das eleccións, a localidade mariñá segue á espera dunha corporación e goberno definitivos e cun alcalde en funcións que espera que "canto antes" se repitan os comicios para poder levar a cabo proxectos e tomar decisións que a ausencia dunha corporación definitiva impide.
O ditame do TSXG ordenou a convocatoria das eleccións nun máximo de tres meses desde a sentenza, un prazo que remata a finais do vindeiro mes. Ademais, os comicios hanse repetir na mesma data en todos os concellos do Estado no que se anularon, tal e como establece a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG).
O 22 ou o 29 de setembro son as datas máis probables para a repetición das eleccións nunha mesa electoral de Burela tras o ditame do TSXG
Será agora o Executivo central quen a través dun real decreto convoque as eleccións logo de que o aprobe o Consello de Ministros e se publique no BOE, presumiblemente nos vindeiros días. A falta de confirmación oficial, o alcalde en funcións de Burela, o socialista Alfredo Llano, prevé que o domingo 22 ou, máis probablemente o 29, sexa a data elixida
De confirmarse o 22 de setembro como o elixido, sería precisamente un día antes do límite fixado para a investidura do novo presidente do Goberno central. Se o 23 non é investido Pedro Sánchez, tamén se repetirían eleccións, neste caso en todo o Estado e o 10 de novembro.
A repetición dos comicios en Burela non poría en perigo a continuidade na alcaldía do socialista Alfredo Llano, con 6 concelleiros que lle dan unha ampla marxe como forza máis votada ante posibles cambios nesa mesa fronte aos 4 concelleiros do PP e 3 do BNG nunha corporación de 13 edís. Pero si dificulta o traballo do goberno municipal, como aclara o propio rexedor en funcións en conversa con Praza.gal. “Claro que condiciona; non o fai no labor ordinario e diario, que non mudou, ou na atención á veciñanza, que se mantén como antes, pero o feito de que a constitución da corporación non sexa aínda oficial e definitiva si impide outras moitas iniciativas”, dice.
Segundo explica Llano, non se poden levar a cabo plenos extraordinarios e aqueles ordinarios que se convocan fanse para cuestións “de obrigado cumprimento”. “Non podes facer nada que implique ou condicione a vindeira corporación”, explica, tras poñer varios exemplos: “Non podemos aprobar orzamentos, licitar obras, aplicar novas taxas ou decidir cambios no cadro de persoal municipal”.
A falta da conformación definitiva da corporación "condiciona" o labor municipal ao impedirse plenos extraordinarios e a aprobación de diversas iniciativas
Xa que logo, Alfredo Llano reclama que “canto antes” se celebren as eleccións nesa mesa pendente para que se constitúa oficialmente a corporación e remate esta temporalidade en funcións. “Son xa dous meses e acabas perdendo o fío de moitas cuestións; queremos modificar algún regulamento de terrazas e aplicar algunhas melloras nas taxas municipais e nos servizos públicos, pero non podemos mentres os grupos políticos non estean configurados de vez”, remata.
Todo malia que esas novas eleccións mudarán pouco. A formación independente Burela Sempre, unha das varias candidaturas impulsadas en diversas vilas polo alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, expulsado do PSdeG, recorreu á xustiza por estimar que algunha das seis papeletas consideradas nulas na mesa en cuestión podía darlle o voto que precisaba para lograr o seu primeiro concelleiro na vila en detrimento do terceiro do BNG, o último en repartirse. O TSXG deulle a razón lembrando que esas papeletas deberon ser incluídas nos envíos que as mesas electorais fan ás xuntas electorais para que estas revisen os escrutinios, algo que non se fixo, o que impediu revisar se eran efectivamente votos nulos.
O alcalde burelao espera que "canto antes" se celebren as eleccións e lembra que non puido aplicar melloras nas taxas ou modificar o regulamento sobre terrazas
“Se algún dos 6 votos nulos se validase pola xunta electoral de zona, e pertencese a Burela Sempre, esta formación política obtería o concelleiro número 13 da Corporación municipal, e polo tanto obtería representación no municipio de Burela, sempre e cando ningún dos votos restantes fose favorable ao BNG”, explicaba o TSXG na sentenza. O tribunal engadía que “se produciu, polo tanto, unha evidente irregularidade e incumprimento por parte da Mesa Electoral, que, como vimos, estaba obrigada a non destruír as papeletas ás que se negara validez, as cales tiñan que unirse á acta de escrutinio e arquivarse con ela, unha vez rubricadas polos membros da Mesa”.
A intención do rexedor socialista é gobernar en solitario con apoios puntuais do BNG, aínda que a posible consecución dun edil por parte de Burela Sempre abriría outras opcións de pacto que non semellan tan doadas con esta formación.