Burela regresa este domingo ás urnas por cuarta vez este ano, despois das citas do 28 de abril, 26 de maio e 10 de novembro. Nunha das mesas electorais da localidade repetiranse os comicios municipais, despois de que o pasado mes de xuño o TSXG invalidara o escrutinio realizado no seu momento porque os membros desa mesa non enviaron para ser analizados pola Xunta Electoral seis votos declarados nulos.
A repetición non porá en perigo a vitoria do PSdeG-PSOE (6 concelleiros, fronte a 4 do PP e 3 do BNG), pero dela depende que a candidatura de Burela Sempre obteña un edil, que poderían perder o BNG ou mesmo o PP
A repetición deste domingo non porá en perigo a vitoria acadada neses comicios polo PSdeG-PSOE (6 concelleiros, fronte a 4 do PP e 3 do BNG), pero dela depende que a candidatura de Burela Sempre obteña un edil, que poderían perder o BNG (que acadou o derradeiro concelleiro) ou mesmo o PP.
O pasado 26 de maio nesta mesa situada no instituto O Perdouro foron votar 403 das 630 persoas alí censadas. Gañou o PSdeG, con 157 votos nesta urna, seguido do PP (107 votos), o BNG (66 votos) e Galicia Sempre (31 votos). En canto ás formacións políticas que concorren, o único cambio é o de Compromiso por Galicia, que nesta ocasión non se presenta.
A formación independente Burela Sempre, unha das varias candidaturas impulsadas en diversas vilas polo alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, expulsado do PSdeG, recorreu á xustiza por estimar que algunha das seis papeletas consideradas nulas na mesa en cuestión podía darlle o voto que precisaba para lograr o seu primeiro concelleiro na vila. O TSXG deulle a razón lembrando que esas papeletas deberon ser incluídas nos envíos que as mesas electorais fan ás xuntas electorais para que estas revisen os escrutinios, algo que non se fixo, o que impediu revisar se eran efectivamente votos nulos.
A vila está dende entón cun goberno municipal "en funcións" que leva meses pedindo que se resolva esta situación "canto antes"
A vila está dende entón cun goberno municipal "en funcións" que leva meses pedindo que se resolva esta situación "canto antes". Nos comicios de maio o PSdeG-PSOE de Alfredo Llano perdeu a maioría absoluta da que gozaba anteriormente (7 concelleiros de 13), pero seguiu a ser a forza máis votada e todo fai indicar que Llano repetirá como alcalde independentemente do que suceda este domingo.
Porén, o feito de que a constitución da corporación non sexa aínda oficial fai, por exemplo, que non se poidan levar a cabo plenos extraordinarios e aqueles ordinarios que se convocan fanse para cuestións “de obrigado cumprimento”. “Non podes facer nada que implique ou condicione a vindeira corporación: non podemos aprobar orzamentos, licitar obras, aplicar novas taxas ou decidir cambios no cadro de persoal municipal”, explicaba para Praza hai uns meses o alcalde en funcións.