Callón defende un "programa real" fronte ao "empaquetado nos platós da televisión"

Vista do mitin de NÓS en Santiago CC-BY-NC-SA NÓS

Todos os mitins do serán deste xoves, non só o do PP, comezaron entre a vaga expansiva da agresión sufrida por Mariano Rajoy en Pontevedra e ata que punto podería condicionar o remate final da campaña electoral, incluíndo as tentativas de tirar rédito político e mediático do sucedido. "Calquera agresión é inxustificable", resaltou nese contexto o candidato de NÓS pola provincia da Coruña, Carlos Callón, que no marco do mitin central da coalición en Santiago resaltou que "na democracia, por moi limitada ou imperfecta que sexa, temos a forza da palabra" e "a oportunidade de expresarnos" tamén nas urnas, a comezar polo 20-D, onde a candidatura que representa, di, ofrece un "programa real" fronte aos "empaquetados en platós de televisión".

O acto da plataforma abeirada polo BNG e outras forzas encheu sen problemas o aforo previsto e nel o expresidente d'A Mesa reiterou, como vén facendo toda a campaña, que "milleiros de persoas" en Galicia non van "asumir" o domingo "a milonga de que a solución para o bipartidismo a dous do réxime" é "un bipartidismo a catro". O deste xoves, ironizou, era o día dos "paracaidistas", en referencia a Pablo Iglesias e Rajoy, que "non son capaces de explicar as súas propostas para este país". Mentres, afirma, NÓS ten "un programa cheo de medidas para este país".

"Dóenos ver os nosos gandeiros cobrando prezos de miseria polo leite, dóenos ver os nosos mariñeiros do cerco acampados dous meses ante a sede da Xunta para defender que lles deixen vivir no seu traballo, dóenos ver os nosos emigrantes retornados perseguidos pola facenda española" ou "aos nosos maiores coas pensións máis baixas do Estado". "E mentres -censura- 'Bárcenas, sé fuerte". "Por cada problema real deste país", resalta Callón, "NÓS propón unha medida". E "por iso -resalta- é tan importante que Galiza teña representación propia o 20 de decembro".

Callón afirma que co voto a NÓS non hai que "elixir" entre "mudar o Goberno do Estado ou darlle voz a Galiza"

Apoiado polas intervencións de Xavier Vence, Encarna Otero, Suso de Toro, Tereixa Novo e Elvira Souto, o candidato de NÓS dirixiuse especialmente á parte do electorado que "poida ter dúbidas" enre "elixir mudar o Goberno do Estado ou darlle voz a Galiza". Con NÓS "non teñen que renunciar a ningunha das dúas, porque somos garantía de cambio e somos o equipo da casa", asegura. A coalición, di, "nunha permitirá que a dereita, nin a vella nin a nova, siga a impoñer as súas políticas de recortes de dereitos, de privatización de servizos". E vaino facer, promete, dende a "garantía de que este país vaia ter voz soberana".

A escasos días da apertura das urnas a batalla de NÓS é a da mobilización. A de atraer o voto de "quen queren un futuro para eles e os seus fillos e fillas nunha Galiza con futuro". Trátase, conclúe, de "encher as urnas de votos en clave de país para abordar unha lexislatura sen maiorías absolutas" na que "se vai reconfigurar o modelo de Estado".

Un intre do mitin de NÓS en Compostela CC-BY-NC-SA NÓS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.