Cando Cuiña foi máis transparente que Caride e Hernández: O Grove fronte a Barreiros e Ourense

Os conselleiros Cuiña, Caride e Hernández, responsables da ordenación territorial de Galicia en 2002, 2007 e 2011 CC-BY-SA Praza Pública

O pasado 6 de outubro, nunha serie de sentenzas similares que veñen de coñecerse esta semana, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a decisión tomada pola Xunta en setembro de 2011 de intervir o urbanismo de Ourense e ditarlle unha normativa  provisional mentres a cidade elaboraba un novo plan xeral. O TSXG di que a consellería de Medio Ambiente e Territorio que entón dirixía o popular Agustín Hernández non someteu a súa decisión a exposición pública como obriga a lei. Aínda que con diferenzas nas causas de orixe e nas leis a aplicar entre uns casos e outros, non é a primeira vez que os tribunais analizan se a Xunta deu voz correctamente aos posibles interesados antes de intervir o urbanismo dun concello e ditarlle unha normativa provisional. Hai dous anos o Supremo tamén anulou por falta de exposición pública a intervención por parte do bipartito, coa conselleira María José Caride á fronte, do urbanismo do concello lucense de Barreiros en 2007. Naquela sentenza o alto tribunal xa contrapuña, como agora fai o TSXG, ese mal proceder co dunha intervención anterior da Xunta que ambos tribunais consideran correcta: a que en 2002 realizou o popular Xosé Cuiña do urbanismo do Grove.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de anular a intervención do urbanismo de Ourense decretada pola Xunta en 2011 por non expola ao público, como fixo o Supremo coa decisión similar do bipartito en 2007 sobre Barreiros

A decisión tomada en 2011 pola Xunta de intervir o urbanismo de Ourense e ditarlle unha normativa provisional veu motivada pola anulación pouco antes por parte do Tribunal Supremo do plan xeral de 2003. Ao quedar invalidado xudicialmente aquel documento, automaticamente entraría en vigor a normativa urbanística inmediatamente anterior, de 1986, notablemente desfasada. O Goberno galego considerou adecuado ditar unha normativa provisional máis acorde coa realidade de 2011 a través do Decreto187/2011, asinado por Agustín Hernández. Pero nese proceso o TSXG di agora nas súas recentes sentenzas que “ningunha norma escusa do trámite de información pública” e que iso invalida non só a normativa provisional ditada pola Xunta senón tamén a suspensión paralela que decretaba das normas de 1986, que así volverían ser agora as vixentes.

O propio TSXG lembra na súa sentenza dos pasados días os casos previos de Barreiros e O Grove. No primeiro, a Xunta bipartita, a través do Decreto 15/2007, impulsado por María José Caride, decidiu intervir o urbanismo da vila da mariña lucense pola desaforada construción que o concello estaba a permitir de segundas residencias en leiras catalogadas irregularmente como solo urbano, como logo ratificaron diversas sentenzas. Porén, en 2014 o Tribunal Supremo sentenciou que aquela suspensión e ditado de novas normas fora incorrecta e argumentaba que “que unha lei, neste caso a lei autonómica galega 9/2002, non estableza expresamente o trámite de información pública, non é razón para non esixilo inescusablemente ao vir imposto por outras disposicións con rango de lei”. Esa frase do Supremo sobre Barreiros é recollida agora textualmente na sentenza do TSXG sobre Ourense.

Porén, uns anos antes, en 2002, o último goberno de Manuel Fraga xa fixera algo similar no Grove. O 20 de xuño daquel ano o daquela conselleiro José Cuiña asinou o Decreto 208/2002 polo que, de acordo co propio Concello, suspendía o urbanismo municipal e lle ditaba unhas normas provisionais. Argumentábao nos “efectos indesexables e problemas urbanísticos graves” que estaba a xerar a normativa previa e a necesidade de dotar aos espazos naturais da vila dunha “singular protección”.

Malia as diferenzas entre os casos, tanto o TSXG como o Supremo poñen a intervención de 2002 do urbanismo do Grove como exemplo de correcta tramitación

En 2010 o Supremo avalou nunha sentenza o xeito en que se fixera aquela intervención, con consultas sobre a decisión que ía tomar a Xunta, e a esa sentenza se remitiron posteriormente o mesmo alto tribunal en 2014 ao xulgar o caso de Barreiros como agora o TSXG ao pronunciarse sobre Ourense. “É significativo resaltar o diferente modo de operar [da Xunta] ao tempo de elaborar e aprobar o decreto de suspensión do planeamento e o establecemento de normas urbanísticas provisionais para o municipio do Grove, en que se cumpriu o trámite de información pública”, dicía textualmente tanto a sentenza do Supremo sobre Barreiros como a do TSXG agora sobre Ourense. As diferenzas entre os tres casos son significativas, pero son os propios tribunais de xustiza os que os relacionan e poñen o caso do Grove como un exemplo de corrección administrativa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.