Gañou a terceira vía. Carmen Santos será a nova secretaria xeral de Podemos-Galicia logo de impoñerse nas primarias co 41,14% dos votos (1.214) fronte aos 1.162 obtidos por Ángela Rodríguez, un 39,4%. Breogán Riobóo, con 575 votos, acadou un 19,5% dos votos válidos nunhas axustadas primarias da formación morada, con menos de cen votos de diferenza entre as dúas candidatas máis apoiadas.
Carmen Santos, co 41,1% dos votos, venceu nas primarias por menos de cen votos de diferenza a Ángela Rodríguez
Tan apertada foi a votación que o Consello Cidadán Autonómico, logo de que se eliminase o sistema de votación de listas plancha- queda agora dividido en dous, con 17 membros pertencentes ao equipo da nova secretaria xeral (Un mar de xente) e outros 17 ao de Ángela Rodríguez (Agora Podemos). Unha igualdade que se rompe coa inclusión automática de Carmen Santos neste órgano de dirección.
Serán 21 mulleres e 14 homes os que formarán parte da nova dirección galega de Podemos tras unhas primarias cuxos resultados foron anunciados por Pablo Echenique, novo secretario de Organización de Podemos a nivel estatal, desde Zaragoza, a uns 800 quilómetros.
O Consello Cidadán Autónomico queda dividido en dous, con 17 membros do equipo de Rodríguez e outros 17 do de Santos
Carmen Santos, politóloga e funcionaria do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, xa fora a candidata máis votada nas primeiras primarias celebradas en Podemos-Galicia para elixir a súa dirección, aínda que daquela non se presentara á secretaría xeral. Fora, tamén, dos primeiros membros daquel Consello Cidadán en dimitir argumentando falta de transparencia no partido.
Agora, malia o apoio que sempre mantivo nas bases, dá a sorpresa ao impoñerse á candidatura da deputada de En Marea Ángela Rodríguez, a máis achegada á liña oficialista e que contou na súa candidatura coa presenza da man dereita de Pablo Iglesias en Galicia e tamén deputado, Antón Gómez-Reino, que saíu elixido para formar parte do novo Consello Cidadán. Santos contou sempre co apoio de Carolina Bescansa fronte ao amosado por Íñigo Errejón cara á parlamentaria, pero tamén presume de ser achegada ás teses de Iglesas para a formación morada.
Santos imponse á candidatura da deputada de En Marea, a máis apoiada pola dirección e que incluía na lista a Gómez-Reino
Breogán Riobóo, pola súa banda, non logrou incluír ningún dos membros da súa candidatura na nova dirección e nin tan sequera el foi elixido para o Consello Cidadán tras o seu duro enfrontamento coa dirección de Madrid.
O proceso de primarias activouse en Galicia logo de que dez membros do Consello Cidadán Autonómico dimitisen dos seus cargos por discrepancias con Breogán Riobóo. Entre eles, a propia Ángela Rodríguez e o seu compañeiro no Congreso, Antón Gómez-Reino, así como José García Buitrón, senador pola coalición galega e responsable da xestora que dirixiu o partido nas últimas semanas. Todos eles acusárano de falta de transparencia e tanto desde os representantes de En Marea como desde a dirección estatal non acabaron de entender as duras críticas á confluencia aos poucos días de lograr un resultado histórico nas xerais.
Carmen Santos, ao igual que o resto de candidatas, aposta pola confluencia, pero deixou claras tamén as súas discrepancias co proceso que deu lugar a En Marea ao considerar que non se fixo desde a base nin contou coa transparencia suficiente. Con todo, as súas teses parecen achegar máis esa candidatura de unidade de cara aos vindeiros comicios -xerais e galegos-, aínda que aposta por preguntar ás bases a fórmula electoral.
Participación de menos do 16% do censo
A participación nas primarias galegas permanece estancada, descendendo aínda un chico desde as últimas votacións. Desta vez, foron 3.223 os inscritos de Podemos-Galicia que participaron nas primarias para renovar a súa dirección, un 15,7% do total de 20.576 simpatizantes cos que se pechou o censo a pasada semana. Son uns 600 menos que na consulta que hai máis dun ano elixiu a Breogán Riobóo como secretario xeral -daquela votaran 3.868 persoas, un 20,6% do censo- e tamén menor ao número de afiliados que escolleran os consellos cidadáns locais.
As cifras volven amosar unha caída na mobilización dos inscritos de Podemos, pero tamén que os membros activos da formación mantéñense entre eses 3.200 e 4.000 que adoitan participar nos seus procesos internos. Malia o importante da decisión desta fin de semana, logo de que a vaga de dimisións na dirección forzase a elixir unha xestora en Galicia, a participación non só non se incrementou senón que baixou respecto a outras consultas e quedou nunhas cifras que tampouco sorprenden demasiado entre os equipos dos candidatos.
A participación foi do 15,7%, unhas 600 persoas menos que nas primeiras votacións para elixir dirección
Pablo Echenique destacou en rolda de prensa que a participación foi do 48,96% respecto da "militancia máis activa", en referencia aos inscritos de Podemos que, cando menos unha vez, entraron na ferramenta telemática activada para eles durante o último ano.
O Consello Cidadán de Podemos-Galicia queda formado polos seguintes membros, os máis votados nas primarias: Celtia Traviesas, José Manuel Pérez Afonso, Maite García Abeijón, Ana Pérez, Antón Gómez Reino, Miguel Ángel Taboada, Luca Chao, María Antonia Trillo, Alhambra Gadea, Noemí Martínez, Juan José Merlo, Tania Castro, Ares Jiménez, Pancho Casal, Mercedes Martínez, Marcelo Armendariz, Ana Rozados, Xabier Sánchez Lombardero, Ángel Gey, Eduardo Martínez, Verónica Hermida, Rogelio Santos Queiruga, Paula Quinteiro, Patricia Grela, Nicolás Legido, Sigrid Campo, Natalia Prieto, Noelia Pedreira, María Moar, Marlene Pérez, Begoña Hermida, Jesús Antonio Pardo e Iria López.