Catalunya e o aparello do Estado agardan por unha declaración de independencia de efecto incerto

Xuntanza do Goberno catalán © Govern da Generalitat

A última hora da tarde deste luns o único que estaba claro sobre a comparecencia que o president Carles Puigdemont fará ante o Parlament este martes é que dará por bos os resultados do 1-O e que apelará ao diálogo e a mediación. A partir de aí, o propósito é facer unha declaración contundente para contentar os independentistas, pero non dabondo como para dar pé á resposta do Estado nin escorrentar o espazo que representa Ada Colau.

No Palau da Generalitat as vías posibles para cadrar este círculo reducíronse a dúas durante a última semana. Por un lado, a opción dura, que pasaría por proclamar a independencia este martes pero incluíndo unha cláusula de suspensión se se ofrece negociación. Polo outro unha vía considerada máis branda, que pasaría por facer un discurso que bendiga os resultados do 1-O, deixe para o futuro a entrada en vigor dos seus efectos e apele á mesma vontade conciliadora.

Puigdemont leva días recibindo fortes presións para que renuncie á declaración de independencia. O mundo financeiro e da gran empresa envorcouse, tanto con medidas como o traslado das súas sedes fóra de Catalunya como con peticións persoais directas para tratar de convencer a Generalitat de que esta vía a conduce ao desastre, social e económico. Dixéronllo así a Puigdemont e tamén ao vicepresident económico, Oriol Junqueras.

Ao mundo empresarial sumáronse sectores do PDeCAT, liderados polo conseller Santi Vila e pola coordinadora xeral, Marta Pascal, que tentaron ata o último momento que o president se decante, polo menos, pola vía branda. O luns o president da Generalitat viuse, polo menos, con Pascal, Junqueras, o portavoz do Govern, Jordi Turull, e o conseller de Xustiza Carles Mundó. Con eles tratou os últimos detalles da declaración que pronunciará ante os deputados.

Declaración sen votación

Puigdemont, no Parlamento catalán

A intervención do xefe do Executivo terá forma de sesión plenaria, co único punto do día da súa comparecencia. Puigdemont ten tempo indefinido para falar, e os grupos que desexen contestarlle dispoñen de 10 minutos. Se el retruca, volve abrirse unha quenda de 5 minutos por portavoz. É máis que probable que os grupos da oposición utilicen as súas intervencións para obrigar a Puigdemont a aclarar as dúbidas que non despexase no seu discurso inicial. 

Para cando a sesión acabe, o Govern pode dar por declarada a independencia de Catalunya de acordo co artigo 4 da lei do referendo, suspendida polo Constitucional. Segundo se prevé, nada se someterá a votación xa que, segundo a versión máis estendida entre o independentismo, non pode votarse unha decisión que xa foi tomada nas urnas o día 1 de outubro. O independentismo quere evitar ademais a imaxe dun hemiciclo semivacío como o que ocorreu durante a polémica aprobación das leis de ruptura.

Neste contexto non faría falta que o president pronunciase desde o atril a palabra independencia. Nin sequera que proclamase o nacemento da República catalá, como quererían sectores de ERC e, por suposto, a CUP. Bastaríalle con dar por válidos os resultados e por vixente a lei de transitoriedade, xa aprobada no Parlament e suspendida no Constitucional, que estipula no seu artigo primeiro que "Catalunya se constitúe nunha República de dereito, democrática e social".

Resposta de Moncloa

Todo o que non sexa renunciar á vía unilateral de forma explícita pode ser entendido na Moncloa como unha declaración de independencia. E isto, con toda probabilidade, poría en marcha os plans do Goberno para suprimir a autonomía catalá pola vía do 155, ademais de toda a batería de medidas xudiciais contra os líderes cataláns e do control efectivo do territorio.

A Generalitat prepara plans de continxencia ante a eventual aplicación do artigo 155 da Constitución, que ven probable

A aplicación do artigo 155 da Constitución é un escenario que no Palau da Generalitat xa se observa como probable, polo que mesmo se preparan plans de continxencia por se se executa. Entre os escenarios barallados é que o Goberno tome o control da Generalitat para convocar directamente eleccións. Chegados a este extremo, ERC, PDeCAT e CUP xa pactaron que ningún do tres concorrería a estes comicios.

Desde o PDeCAT aseguran ademais que manteñen contacto frecuente tanto co PSOE como con Podemos, e mesmo recoñecen que hai un fío informal de diálogo co PP. Para os de Iglesias, con quen o Govern ten conversas case a diario, a saída do labirinto catalán pasa por unha moción de censura ao PP, pero aseguran que desde as filas socialistas vese, nestes momentos, inviable.

Proceso constituínte e mediación internacional

No independentismo dáse por feito que Puigdemont establecerá algún tipo de prazo como última chamada ao Goberno de España

A referencia ao proceso constituínte, tamén previsto na lei de ruptura, aparece en todas as quinielas. Outra cousa é como se acabe formulando. No Govern consideran que esta sería a forma de achegar a sectores do heteroxéneo mundo dos comuns, tanto do Parlament como de fóra. A alcaldesa Colau reclamou reiteradamente a Puigdemont que non declare a independencia, a última vez este luns cunha comparecencia institucional especialmente dura contra Rajoy, pero na que deslizaba a advertencia ao independentismo de que romperían as complicidades tecidas ata agora se daban un paso unilateral.

Do que seguro falará o president, segundo as fontes do Govern consultadas, é de diálogo e mediación. O Executivo puxo o foco nesta dimensión co dobre obxectivo de se tirar presión de enriba e de internacionalizar o conflito. Por esta razón, entre as fontes gobernamentais e parlamentarias do independentismo dáse por feito que Puigdemont estableza este martes algún tipo de prazo, concreto ou non, como última chamada á negociación con Moncloa. "A mensaxe é que non temos présa", aseguraba este luns unha fonte próxima ao Govern.

Membros do Govern e de entidades independentistas, o pasado 11 de setembro © Govern da Generalitat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.