Catro citas políticas (máis unha) antes das eleccións galegas

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

O resultado das eleccións xerais de decembro lanzou definitivamente a precampaña das eleccións galegas con dúas peculiaridades a respecto de anteriores convocatorias: aínda non hai nome ningún para encabezar as candidaturas das principais forzas políticas e existe unha fonda incerteza en torno á data electoral. Aínda que a opción de celebrar os comicios "cando toca", en outubro, segue sobre a mesa, o efervescente panorama político estatal fai que o partido do que depende en última instancia fixar a convocatoria, o PP, xa non desbote a posibilidade dun adianto. Un eventual anticipo condicionaría en boa medida un calendario político galego que vai ter, con máis premura ou menos, catro citas seguras:

1-Asemblea nacional do BNG

Asemblea Nacional do BNG en 2013

Agás sorpresa, esta será a primeira gran cita previa ás urnas. O mal resultado de NÓS-Candidatura Galega o 20-D precipitou o anuncio público do inicio dos traballos dun proceso asemblear que xa correspondía celebrar conforme ás normas internas do Bloque e que, previsiblemente, realizará a súa sesión plenaria nos últimos días de febreiro ou nos primeiros de marzo. 

A esa asemblea a formación soberanista chegará para culminar a análise dos resultados da xerais, "moi por baixo das expectativas, aínda tendo en conta un contexto complexo e polarizado", en verbas de Xavier Vence, pero tamén "a tendencia que traemos dos últimos anos", sinalou o propio portavoz nacional. Alén da diagnose o BNG ten diante de si o reto de trazar a "estratexia de futuro" para o que a súa actual dirección define como "proxecto nacionalista necesario" para o país.

O BNG analizará a súa estratexia e renovará dirección a finais de febreiro ou comezos de marzo

É de agardar que nese plenario saia a postura da militancia a respecto de posibles alianzas para as eleccións galegas, toda vez que en cuxa base existen voces a prol de explorar eventuais confluencias e outras que ven conveniente fortalecer as siglas do BNG tras o devalo das xerais. Esas novas liñas políticas terá que aplicalas unha dirección que aínda está por definir e na que o interrogante da portavocía nacional está aberto: "Tomarei as miñas propias decisións persoais, pero o importante neste momento é o proceso" e a "reflexión" sobre o rumbo do Bloque, indica Vence.

2-Congreso do PPdeG

Congreso do PPdeG en 2013

Se o calendario estatal non o precipita ou altera o calendario interno do PPdeG di que contra finais deste primeiro trimestre do ano se celebrará o seu congreso autonómico que nomeará os cargos do partido e, desta volta, proclamará tamén a candidatura á Presidencia da Xunta. Tanto en 2009 como en 2012 o congreso do PP galego celebrouse despois dos comicios de cada un deses anos, polo que o mero feito de que estea convocado para antes convérteo no escenario no que, de producirse, se oficializaría o relevo de Alberto Núñez Feijóo á fronte do partido.

A principal incógnita reside no futuro de Alberto Núñez Feijóo, cuxo liderado será relevado ou renovado no congreso do partido

O contexto no que os conservadores afrontarán o seu conclave é ben diferente ao do anterior. Daquela reinaba unha notable pracidez orgánica e as maiores novidades do congreso foron os ascensos internos de Agustín Hernández e Paula Prado mentres a cúpula do partido tentaba esquivar os problemas xudiciais de Luis Bárcenas e da familia Baltar, así como a convulsa situación do goberno do PP en Santiago, que daquela xa ía polo seu segundo alcalde, Ángel Currás.

Nesta ocasión, a pregunta é clara: recuncará Feijóo? Múltiples dirixentes do partido reiteran que o actual presidente da Xunta é o único cargo capaz de tentar reter o poder e así o manifestan tanto en público como en privado. No entanto, o que aconteza co futuro político de Mariano Rajoy ou a posibilidade real de ver en risco a continuidade no Goberno da Xunta poderían condicionar a súa decisión nun contexto no que, ademais, o propio Feijóo reiterou en diversas ocasións que considera axeitado non acumular máis de dous mandatos.

3-Primarias do PSdeG

Besteiro, no último congreso do PSdeG

Aínda non teñen data concreta, pero a súa celebración está comprometida polo secretario xeral. Ante as críticas do seu antecesor no cargo, Pachi Vázquez, en plena precampaña das xerais, José Ramón Gómez Besteiro considerou "unha obviedade" ter que afirmar que "vai haber primarias". "Cando non as houbo foi en 2012", sinalou daquela, en referencia á elección do propio Vázquez como aspirante á Presidencia, que se realizou no Comité Nacional do partido tras o adianto dos comicios que ditaminara Feijóo. "Eu son fillo de primarias e garanto que as vai haber; se ese é o problema, problema resolto", recalca Besteiro.

Besteiro garantiu a celebración de primarias para elixir a candidatura á Xunta

Aclarado o procedemento, a incógnita está, como nas outras formacións, tamén no nome. Tras as eleccións municipais, nas que os socialistas amorteceron a caída en votos cunha notable ampliación do seu poder institucional, practicamente ningunha voz interna cuestionaba a candidatura dun reforzado Besteiro que xa ultimaba os detalles para lanzar a carreira pola Xunta. No entanto, o conflito protagonizado polo alcalde de Becerreá na Deputación de Lugo e, sobre todo, a imputación do líder socialista por parte da xuíza Pilar de Lara ao atender a denuncia dunha autorización urbanística da súa etapa como concelleiro, sementaron a incerteza.

Así e todo, as peculiaridades procesuais de De Lara e os apoios públicos de cargos relevantes do partido, a comezar polo secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e mais polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixeron que nas últimas semanas a candidatura de Besteiro volva ser a posibilidade máis factible. Na contorna do líder socialista confíase en que unha eventual resolución do proceso xudicial lanzaría de novo a Besteiro como alternativa máis viable a Feijóo.

4-A Marea Galega

Mitin de En Marea

Polo momento non se fixou ningunha cita concreta para a configuración nas eleccións galegas do que nas xerais foi En Marea, pero moitas das organizacións que a compoñen xa deron por lanzada a precampaña ao día seguinte do 20-D, toda vez que observaron o seu bo resultado e a caída do PPdeG como unha mostra do remate do ciclo aberto por Feijóo en 2009. "Consolídase un relato de cambio político", afirmaron dende a plataforma na propi anoite electoral. "Algo se está movendo no país e, se en maio cambiaron os gobernos de moitas cidades do país, en menos dun ano, seguramente, cambiará o Goberno de Galiza", indicou horas despois das votacións o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

As mareas apostan por "agrandar" a confluencia para liderar a alternativa ao PP en Galicia

Na mesma liña, nas semanas seguintes aos comicios Anova, Podemos e Esquerda Unida amosáronse convencidas de que a alianza que impulsan encabezará unha alternativa pola esquerda cando haxa que votar en Galicia. Asemade, varias das plataformas municipais apelaron a lanzar xa a carreira das galegas engadindo dous matices: cómpre "agrandar" a confluencia e facelo con maior participación cidadá, abrindo canto antes un proceso que evite as premuras de última hora nos que os acordos estean protagonizados polas forzas políticas xa existentes. Neste sentido, a relación co BNG volve ser unha das incógnitas por despexar.

Neste contexto, os referentes das mareas reiteran que o importante será o proceso e o de menos, os nomes. No entanto, as cábalas sobre a persoa que podería optar á Presidencia dende este espazo político están xa sobre a mesa, son múltiplas e apuntan a nomes diversos: dende Xosé Manuel Beiras a algún dos alcaldes das mareas, se ben non son poucas as voces que apelan á emerxencia dun liderado que actualmente non estea na primeira liña política institucional. Iso xa aconteceu, por exemplo, na Marea Atlántica, lembran, e o resultado foi lograr o goberno, e por iso xa son varios os perfís sobre os que se pousan as olladas.

5-As xerais?

Todas estas citas políticas estarán política e temporalmente condicionadas se cómpre atender unha quinta: a repetición das eleccións xerais. Se os contactos para a formación do novo Goberno de España non frutifican habería que recuncar nas urnas na primavera. Neste eventual escenario caberían varias posibilidades e unha delas sería que o PP apostase por diluír a convocatoria galega na estatal, algo que nunca aconteceu e que sería politicamente menos xustificable ao terse que celebrar tamén neste 2016 as eleccións vascas, que xa cadraron coas de Galicia nas dúas últimas convocatorias e que, agás sorpresa maiúscula, nunca serían convocadas polo lehendakari cadrando coas españolas. 

O papel de Feijóo no futuro do PPdeG, a erosión do PSOE ante unha nova convocatoria ou as posibilidades de Podemos na mesma serán algúns dos factores a ter en conta se esta cita chega a producirse. En calquera caso, a disolución do Parlamento de Galicia segue sendo competencia exclusiva do presidente e, polo tanto, en última instancia o cronograma de todas estas citas depende del. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.