Causa Galiza aproba participar en todos os procesos constituíntes no nacionalismo galego

Voceiros de Causa Galiza, en rolda de prensa CC-BY-SA Causa Galiza

Causa Galiza celebrou este domingo en Compostela o seu Plenario Nacional, que aprobou o documento de debate que fora presentado hai unhas semanas, e decidiu continuar co traballo de expansión social da plataforma soberanista e participar en todos procesos políticos abertos no nacionalismo galego, a nivel galego ou local. Así mesmo, Causa Galiza fixo un chamamento a todos os seus simpatizantes para que se impliquen nestes debates. Dentro de dous meses Causa Galiza celebrará un novo plenario, que avaliará o resultado destes movementos.

Para seu voceiro, Aurélio Lopes, “o escenario é positivo e ilusionante”, e afirma que este ambiente se percibiu este domingo “nas reflexións e na actitude dos participantes no plenario”. “Nós xa viñamos traballando dende antes, o elemento novidoso son as escisións que se están producindo no BNG”, dixo, e engadiu que “nós, dende fóra, levabamos tempo observando que as forzas hexemónicas no BNG estaban funcionando de tapón para que xurdise unha representación e unha estrutura política de moitísimos sectores sociais que estaban afastados do status quo actual”.

"Levabamos tempo observando que as forzas hexemónicas no BNG estaban funcionando de tapón para que xurdise unha representación e unha estrutura política de moitísimos sectores sociais que estaban afastados do status quo actual”

En canto á diversidade de forzas que neste momento poden estar establecendo contactos e á dificultade para chegar a un proxecto que os sume de forma natural, Lopes afirma que que "é evidente que fóra do BNG hai moitas sensibilidades, con visións diferentes, tanto no eixo esquerda-dereita coma no tema do soberanismo” e engade que “para nós non hai posibilidade de crear un espazo político común con forzas de dereita e tampouco con forzas que non recoñezan a necesidade de acadar a soberanía. Pero a partir de aí tampouco imos con esquemas prefixados".

"Aí é onde imos participar, defendendo a nosa postura, pero con xenerosidade e cintura, porque cremos que a situación é esperanzadora e sabemos que a situación é difícil, tanto no campo social coma no campo da reivindicación soberanista"

Lopes conclúe que "esa é a nosa posición política, pero tamén somos conscientes de que hai moita xente nos movementos sociais que non se moven en esquemas tan politizados e que necesitan  un proceso constituínte, que se creen espazos. Aí é onde imos participar, defendendo a nosa postura, pero con xenerosidade e cintura, porque cremos que o momento é esperanzador e sabemos que a situación é difícil, tanto no campo social coma no campo da reivindicación soberanista. Se hai sectores cos que non é posible chegar a un proxecto común, iso clarificarase no debate, aí é onde está o cambio de chip”.

Causa Galiza salienta que “o fundamental é falar e discutir o proxecto político, que non estea condicionado polos procesos electorais. Hai que xogar nese terreo, claro, pero hai que traballar no proceso constituínte políticos”.

Voceiros de Causa Galiza, en rolda de prensa CC-BY-SA Causa Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.