Causa Galiza deixa o NPC por "non contar coas mínimas garantías democráticas"

Acto público de Causa Galiza © Causa Galiza

Causa Galiza deixa o Novo Proxecto Común. A apenas vinte e catro horas do inicio da asemblea constituínte na que o NPC botará a andar formalmente como organización a plataforma independentista vén de facer balance da súa participación no proceso previo, unha andaina con "aspectos positivos e negativos" na que, dende a súa óptica, pesaron máis os segundos. Malia teren chegado, din, a "un alto nivel de sintonía política" tanto coa "militancia de base do Encontro Irmandiño" como con outras persoas participantes, CG coida que o proceso "evidenciou a vixencia, baixo novos formatos, dos peores vicios e prácticas" que "se denunciaban ata o cansazo en declaracións mediáticas, reunións e documentos", ata o punto de non contar "coas mínimas garantías democráticas esixíbeis".

Entre os motivos que Causa Galiza expón na súa marcha figuran que, ao seu xuízo, a "serea reflexión estratéxica que esixe construír unha nova ferramenta política" estivo "totalmente condicionada por urxencias eleitorais". Ademais, atribúenllle a "un sanedrín irmandiño" a elaboración de "pactos na trastenda", acusando a membros do partido que encabeza Xosé Manuel Beiras de "non estar á altura do presente momento histórico". "O último episodio desta sucesión de acontecementos é unha proposta de Coordenadora Nacional que o citado sanedrín elaborou desde arriba, sen ningunha garantía", aseguran.

"O NPC recusou resolver unha incógnita fundamental, como é a posibilidade de que exista unha alianza" con Compromiso, di Causa Galiza

Do mesmo xeito, CG salienta tamén que durante o proceso constituínte do NPC se "recusou resolver unha incógnita fundamental para a militancia, como é a posibilidadie de que exista unha alianza electoral" ou "político-organizativa" con Compromiso por Galicia. Para a plataforma independentista este é un "síntoma claro de fraude á militancia" xa que, afirman, a "entente" sería a "antítese do proxecto amplo de liberación nacional e social que necesita Galiza" e "preanuncia a conformación de novos bipartitos ou tripartitos autonómicos para seguir a xestionar da man do PSOE".

Por estas e outras razóns Causa Galiza conclúe que a súa opción é a de "situarse á marxe da Asemblea Nacional Constituínte" deste sábado e "chama aos sectores de práctica soberanista e independentista real a desligarse do proceso en base ás razóns apuntadas". Esta "frustración das expectativas", din, "sitúanos con ilusións reforzadas ante a necesidade de seguir acumulando forzas soberanistas e independentistas" para "construír un amplo e plural proxecto político para a liberación nacional e social". Do mesmo xeito, salientan, "mantendo en pé a proposta lanzada para articular unha mobilización unitaria dos sectores soberanistas e independentistas", chaman a "saír á rúa neste Día da Patria", reivindicando "sen ambigüidades o dereito de autodeterminación no camiño da independencia e do socialismo".

Acto público de Causa Galiza © Causa Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.