“El único partido capaz de unir a todos los españoles es Albert Rivera”. Foi un descoido de Inés Arrimadas, voceira de Ciudadanos no Parlament catalán, que cambiou o nome da súa formación polo do seu líder. Era el o que tiña pensado estar neste acto na Coruña, pero o funeral de Estado polos axentes asasinados en Afganistán impediu que visitase Galicia durante a campaña.
Ningún dos candidatos polas provincias galegas, presentes no acto, falaron no mitin capitalizado por Arrimadas e Marta Rivera
A cambio, gravou un vídeo que puideron ver os 300 asistentes ao único mitin en Galicia de Ciudadanos, que non encheu o pequeno recinto elixido. Nel, pediu esforzo e traballo aos militantes nos últimos días de campaña, pero non se referiu a ningunha problemática concreta galega. “Creo que algunos diputados gallegos me acompañaréis en el Congreso”, advertiu sobre uns candidatos polas catro provincias que estaban pero que non se escoitaron. Apenas se viron. Nas primeiras filas, e nun auditorio ás escuras, nin tan sequera presentaron o acto no que o protagonismo recaeu en Arrimadas e en Marta Rivera de la Cruz, escritora lucense e número 3 da candidatura laranxa por Madrid.
Foi ela quen presentou un dos varios vídeos nos que Rivera foi protagonista, o mesmo rostro que ás portas do Pazo da Ópera agardaba os curiosos serigrafiado nunha furgoneta do partido. Albert non estivo en persoa pero si en espírito. Foi o referente sobre o que xirou boa parte do mitin despois dun vídeo de presentación onde Ciudadanos trata de resumir a historia de España desde a Constitución de Cádiz de 1812. “Los españoles nos dividimos en bandos y firmamos las páginas más negras, guerra entre compatriotas y venganza entre hermanos”, definiu a guerra civil. Unha simple “división entre rojos y azules”, na que agora, segundo Arrimadas, xorde Ciudadanos.
Arrimadas obviou calquera proposta para Galicia e aclarou que viña falar en nome de Albert Rivera
“Es el partido idóneo para lograr consensos porque es el centro, el espacio de los españoles que no quieren estar en ninguno de los dos bandos”, dixo a política catalá, que criticou o debate entre Rajoy e Sánchez, que representaría a fin dunha “era política”, e presumiu de que Ciudadanos é a “alternativa a los separatismos”, que non é un problema “solo de Catalunya”.
Non fixo alusión ningunha a Galicia, agás para lembrar que é unha das autonomías “que más población pierde” e que iso non se soluciona “reforzando los chiringuitos políticos”, en referencia ás deputacións. Obviou as polémicas que arrodean a Ciudadanos e non aludiu ás súas propostas en canto á violencia de xénero, nin ao contrato único, nin ao AVE, nin tan sequera á política lingüística, aquela contra a que se posicionara a formación na súa primeira aparición no país. E deixou claro que aterrou na Coruña para falar en nome do seu líder, polo que agradeceu que pensaran nela “para poder hablar por él”. “Será difícil porque es inimitable”, insistiu.
"En Galicia es muy difícil todo"
Antes, Marta Rivera de la Cruz dirixiu as escasas palabras en galego na súa presentación -”estou na miña terra”, dixo- e aludiu en varias ocasións aos supostos atrancos que existen en Galicia nunha contenda electoral. “Sabemos que es muy difícil hacer campaña aquí”, advertiu para logo repetir que “en Galicia es muy difícil todo”. “Las comunicaciones son malas... Como llueva el domingo, será dificilísimo para mucha gente”, engadiu tirando de tópicos ben antigos.
Marta Rivera cre que en Galicia é "muy difícil" facer campaña e mesmo votar: "Como llueva el domingo, será dificilísimo para mucha gente"
Logo, para contrarrestar as críticas á ausencia de programa para o país, Marta Rivera seleccionou “unas cuantas propuestas que tienen que ver con Galicia” e que serían aplicables a nivel autonómico. Entre ellas, potenciar as infraestruturas ferroviarias internas, loitar contra a despoboación, promover cooperativas no rural, rachar coa fenda dixital, incrementar as penas a incendiarios e investir na biomasa e nun turismo “cultural y de calidad”. Ademais, aludiu ao conflito do cerco para advertir de que “los pescadores gallegos no están bien tratados en el reparto de cuotas” e avisar de que “cuatro deputados y yo, como mínimo, estaremos dando la batalla por ellos”. Nin o lácteo nin o naval foron temas centrais.
Ciudadanos aposta polo IVE ao 7% porque beneficiará ás orquestras e ás verbenas e por facer do país un "plató" para filmes. "A Vixía da Herbeira podría salir en 'Juego de Tronos'"
Tamén cargou contra unha Cidade da Cultura “donde se han enterrado 400 millones” e sacou varias propostas estrela para Galicia. Unha delas, facela parte importante dunha rede de zonas que sirvan como platós para series e películas en todo o Estado porque “los acantilados de Vixía da Herbeira podrían salir perfecamente en Juego de Tronos”. Outra, facer do país unha das sedes dun instituto tecnolóxico. E outra máis: aproveitar o pretendido descenso ao 7% do IVE cultural porque “va a afectar para bien a una actividad líder en Galicia: las orquestas”. “Todas las villas gallegas tienen sus fiestas patronales, su sesión vermú y su verbena... ¡Lo que va a ser eso!”, avisou tras facer referencia tamén á importancia do “porco celta” e da vaca rubia galega e á loita de Hadrián, o neno de Malpica que pelexa por unha axeitada atención domiciliaria educativa. “Nos comprometemos a crear una bolsa de profesores para que vayan a casa de los niños y no pierdan el curso”, engadiu.
“Os podemos prometer buena gestión porque tenemos experiencia en la vida civil. Yo sé mucho más de la vida real que los que llevan toda la vida en un partido, de cargo en cargo hasta que llegan a diputado”, acabou Marta Rivera, que aclarou que Ciudadanos non chega para facer “política basura” e que rematou advertindo que “os tempos son chegados”, unha frase do himno que “gustó mucho a Rivera” e que serviría de lema, tamén, nunha Galicia na que os candidatos laranxas mantéñense agochados.