Nos primeiros anos do século XX o clima político era efervescente e múltiples identidades nacionais pulaban polo seu recoñecemento. Neste escenario, Galicia transitaba pola reivindicación agrarista, provincialista e rexionalista, poñendo o acento, cada vez máis, en cuestións identitarias como a lingua. Este é, a trazos moi grosos, o contexto histórico no que en 1916 nacen na Coruña as Irmandades da Fala, grupos de intelectuais que tiñan a defensa do idioma como cerna dun ideario que, non obstante, axiña transcendeu o lingüístico. As Irmandades espalláronse polo país e tornaron en base para a organización do primeiro nacionalismo que se recoñeceu a si mesmo como tal. Nacía así o que tamén se deu en chamar galeguismo e que, hai agora noventa e cinco anos, redactou o seu primeiro programa político.
A devandita efervescencia política precisaba de actos de afirmación. Así o entenderon os membros das Irmandades en Lugo, que propiciaron a convocatoria da primeira asemblea nacionalista. Esta fixouse para o 24 de outubro de 1918, pero a pandemia de gripe dese ano provocou o adiamento dos actos ata o 17 e 18 de novembro. Aínda que tradicionalmente se considerou que os "persoeiros das Irmandades da Fala" -tal e como se autodenominan no seu manifesto- se xuntaron nos salóns do hotel Méndez Núñez, no centro da cidade, o investigador Xulio Pardo de Neyra vén de aclarar que, realmente, a cita foi no teatro Lugo-Salón, situado na esquina da rúa Bispo Aguirre coa actual Ronda da Muralla.
O investigador Pardo de Neyra aclara que a asemblea non se celebrou no hotel Mendez Núñez, como se veu considerando
Con independencia de que haxa que desprazar 300 metros o lugar situado no imaxinario colectivo, o texto emanado da "asemblea magna" serve como esquema básico para coñecer as apostas estratéxicas daqueles galeguistas cuxo ideario aínda é asumido e reivindicado, en gran medida, polo nacionalismo actual. "Co corazón ateigado de esperanza" os asembleístas acordaron "fixar nun programa concreto" as que consideraban como solucións "aos problemas que interesan dun xeito fondísimo a vida nacional da Galicia". Nun momento no que observaban o "albeo das nacionalidades" consideraron urxente a "autonomía integral para Galicia". E como Galicia tiña "todas as caracterísitcas esenciais de nacionalidade" decidiron "nomearse" para sempre "nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toada a intensidade dos nosos problemas".
Partindo das parroquias e concellos
Dende o convencemento de que "chegaran" os "tempos de erguer a alma e o pensamento de Galicia e, sobre todo, a súa soberanía, completa e sen cativeces", a asemblea debuxaba unha "Galicia dona absoluta de si mesma" que, "con vontade ceibe", podería "facer nupcias de amor con outras soberanías, contra as que non vai nin quere ir a soberanía nosa". Partindo desta base abordaban un programa que, xusto despois da "autonomía integral", abordaba un "problema constituínte" que aínda non foi resolto 95 anos despois: a administración local. A súa proposta asentábase nunha "autonomía municipal" que distinguía "o municipio aldeán do vilego". Os primeiros serían "axeitados", á súa vez, "sobre a base do recoñecemento da personalidade xurídica das parroquias".
As parroquias estarían gobernadas por cadansúa xunta, "elixida entre os cabezas de familia, homes ou mulleres, para termaren dos seus bens privativos". Os presidentes ou presidentas detes órganos serían "vogais natos ou concelleiros da corporación municipal e nomearán, de entre eles, o alcalde". "Máis que unha organización de carácter administrativo", os concellos concibíanse como "unha prolongación ou complemento das parroquias, como estas o son do fogar, que presidirá a vida económica e social das mesmas".
A Asemblea apostaba polo recoñecemento das parroquias e a federación con Portugal
Tanto os concellos como o resto de organismos oficiais velarían pola "cooficialidade dos idiomas galego e castelán" en Galicia, que á súa vez estaría integrada nunha federación ibérica que tivese "igualdade de relacións con Portugal" e ingresaría na Liga das Nacións. A asemblea non entraba a tomar partido no debate de monarquía ou república no estado: "crendo na accidentalidade das formas de goberno interésanos aclarar que non apelamos por ningunha, mais simpatizaremos dende logo con aquela que se amose máis doada para chegar á federación con Portugal", aclaraban. Se "nas eleccións para Cortes Constituíntes Españolas non se nos dese" unha "garantía excepcional para que a vontade do pobo poida manifestarse con liberdade (...) apelaríamos aos representantes" de Euskadi e Catalunya e, "se non abondase", ao "Estado máis afín ao noso para que na Liga das Nacións se defenda o noso dereito á liberdade cidadá", advertían.
O primeiro esquema do "poder galego"
Partindo desta base, a Asemblea de Lugo debullou as competencias básicas que debería ter un "poder galego" no que rexería a "igualdade de dereitos para a muller" que contaría cun sistema electoral "proporcional" no que non serían "elixibles os elementos que non rendan unha función útil para a colectividade". Previo "acabamento das deputacións provincaisi", o "poder autónomo" estaría "representado por un xuntoiro ou Parlamento Galego elixido por sufraxio universal", cuxas normas regularían un amplo abano de competencias, a comezar por nomear os membros da "Xunta Gobernadora", poder Executivo galego formado por "un presidente e seis segredarios", estrutura gobernamental que recoñecía seis consellerías: Administración, Xustiza, Ensino, Obras Públicas, Agricultura e Industria e Comercio. A este Goberno corresponderíalle ademais a administración íntegra de todos os impostos "sen intervención do poder centrla", que recibiría do Executivo galego "a cantidade que se fixe nos concertos económicos".
Os asembleístas bosquexaban o Parlamento e a Xunta e proclamaban a "soberanía estética da nación galega"
O poder galego sería o encargado de "todas as funcións administrativas" e da "lexislación social", ademais de asumir de maneira íntegra a "potestade docente do Estado". A xuízo dos asembleístas a Xunta Gobernadora tería que "intervir" tamén no "réxime bancario, pola función social que hoxe teñen os bancos". Noutras funcións, como a de "correos e telégrafos", o Poder central daría o servizo pero Galicia controlaría "o servizo de teléfonos". No caso do ferrocarril, este estaría integramente nacionalizado e, aínda que as leis básicas serían cousa do Estado, "a súa construción e administración" tamén sería competencia galega.
A "substantividade do dereito foral galego", que o último chanzo dos tribunais de xustiza estivese en Galicia ou a "repoboación forestal forzosa" eran outros dos preceptos dun programa político que incluía, ademais, aspectos que hoxe semellan exóticos a un texto destas característias e que, no entanto, aínda non foron resoltos. Así, por exemplo, a Asemblea declarou que debería ser considerado "un crime contra Galicia o permanente absentismo dos propietarios da terra". Ademais, o título sétimo do manifesto dedicábase integramente a unha cuestión que poucos gobernantes actuais poderían abordar: os "aspectos artísticos". Así, o 18 de novembro ficou "proclamada" a "soberanía estética da Nación Galega", que se concretaría nunha lei que "obrigue os propietarios a axeitar o estilo das súas construción ao estilo xeral de cada vila galega", na "expropiación dos monumentos e paisaxes" e na "organización do ensino artístico, coa creación dunha Escola Musical Galega".