A circunvalación de Viveiro volve a terra tras renunciar a Xunta á controvertida ponte sobre a ría

Presentación da nova proposta de circunvalación de Viveiro polo sur, desbotando a ponte polo norte da ría CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras anos de paralización da vía da Costa Norte, o Goberno galego retoma a idea que tiña para o treito de Viveiro hai unha década e asegura que comezará as obras en 2028

Este 2025 unha moción de censura fixo que o PP volvese obter a alcaldía de Viveiro. Este martes, a piques de rematar o ano, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, desprazouse á vila para prometer que en 2028 estará en obras a longamente adiada circunvalación

A infraestrutura, que forma parte da paralizada Vía da Costa Norte, volverá descorrer por terra, polo sur da vila. Vaino facer despois de que hai unha década a propia Xunta mudase esa opción por unha controvertida ponte polo norte, sobre a ría. 

Ría de Viveiro, que a Xunta quería atravesar cunha ponte de 1,7 quilómetros © Turgalicia

En 2009 Feijóo chegou á presidencia da Xunta prometendo que tería "en servizo en 2012" unha autovía duns 80 quilómetros entre Ferrol e San Cibrao, infraestrutura que incluiría unha circunvalación de Viveiro, onde o tráfico atravesa o centro da vila. A Vía da Costa Norte ten hoxe en servizo só dous treitos, cun só carril por sentido, que suman 16 quilómetros, e no caso de Viveiro en 2018 a Xunta decidiu mudar de idea sobre a súa configuración. 

A planificación inicial da circunvalación ou variante de Viveiro contemplaba que esta rodease a vila polo sur, pero en 2018 o Goberno galego pasou a propoñer unha ponte polo norte sobre a ría de 1,7 quilómetros de lonxitude. Unha gran obra duns 65 millóns de euros que causou polémica na vila, o que facilitou que o Goberno galego deixase de considerar prioritaria a circunvalación de Viveiro. 

Resposta oficial da Xunta ao Parlamento sobre a vía da Costa Norte CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta retoma a circunvalación de Viveiro agora que o PP vén de recuperar a alcaldía da vila cunha moción de censura

Esta volve agora á axenda da Xunta unha vez que o goberno local cambio de mans. Este martes o propio Rueda desprazouse a Viveiro para presentar novamente unha circunvalación por terra, polo sur, dividida en dous treitos: un pola marxe dereita da ría, o primeiro en acometerse, duns 38 millóns de euros e 6,2 quilómetros, e outro pola marxe esquerda da ría para o que aínda non hai planificación. Porén, para o primeiro treito aínda haberá que agardar porque o Goberno galego aínda ten que tramitar o seu impacto ambiental, redactar o proxecto e contratar as obras, uns traballos que segundo Rueda non comezarían ata 2028.

Esta promesa de Rueda contrasta coa resposta oficial que a Xunta deu hai unhas semanas ao Parlamento de Galicia de que non planificará a Vía da Costa Norte Ferrol-San Cibrao ata que o Goberno de España complete a autovía A-74 San Cibrao-Barreiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.