Como perder 360.000 euros (dúas veces)

Casa do Concello de Castro de Rei © Panoramio

En tempos de estreiteces económicas os cartos non abondan en ningunha Administración pública, aínda menos nos concellos e moitísimo menos se teñen unha escasa dimensión. Este é o caso de Castro de Rei, un municipio da Terra Chá de pouco máis de 5.400 habitantes que en abril de 2011 lograba ingresar 500.000 euros a través dun convenio coa Deputación de Lugo para mellorar diversos servizos básicos. Apenas un mes despois, a finais de maio as eleccións municipais ditaminaron que o bipartito gobernante deixase paso a un rexedor do PP, Francisco Balado, que herdou tamén os fondos do convenio, cuxa vixencia se estendía ata o mes de decembro. 

"Remítennos un escrito informando de que as obras están sen facer malia que o último prazo rematou en febreiro"

A finais de novembro o novo goberno municipal, xa cos cartos nas súas arcas, pedía unha prórroga. A "poucos días" de expirar o acordo dirixíase ao goberno provincial para, en verbas do seu voceiro, o socialista Manuel Martínez, "pedir unha prórroga". Ía destinar 360.000 euros do convenio a "melloras na rede de abastecemento de varios núcleos rurais", sumándoos a unha achega de Augas de Galicia que daba lugar a un orzamento global de 1 millón de euros. "Perdido unha vez este orzamento ao non realizar os traballos en tempo e forma", di a Deputación, o prazo amplious e concedéronse "dous meses máis".

Pero "repítese a historia", di Martínez. "Hai tan só uns días remitíronnos un escrito informando de que están sen facer as obras malia que o último prazo de execución rematou en febreiro" e mesmo estando "a piques de concluír o período de xustificación destes traballos". "Tamén nos piden unha nova prórroga sen concretar prazos, é máis, nin sequera sabemos se lle reclamarón á Xunta o financiamento restante", isto é, o 66% do millón de euros correspondente. Así as cousas, conclúe, "a mala xestión do alcalde fixo que os veciños deste concello perdesen, por segunda vez, 360.000 euros para a mellora de servizos básicos". "Nin sequera foi quen de facer unhas actuacións para as que xa contaba con fondos en caixa e a pesar de ampliarlle o prazo de execución", lamenta.

En opinión do voceiro socialista no organismo lugués o acontecido en Castro de Rei segue "a ideoloxía de Feijóo nesta provincia onde", por exemplo, "mentres tenta boicotera a nosa rede de residencias públicas" de maiores, "non trae nin un só euro". "O PP lugués", presidido polo voceiro conservador no Senado, José Manuel Barreiro, "nin fai nin deixa facer -reprocha- demostrando que son lacazáns e malos xestores", deixando "que se perdan oportunidades económicas únicas para a provincia", conclúe.

Casa do Concello de Castro de Rei © Panoramio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.