Concello de Vigo e Xunta volven enredarse nunha discusión sobre se a auga do barrio de Canido é potable

Barrio de Canido, en Vigo © Google Maps

Ao igual que xa sucedera a comezos de decembro, Xunta de Galicia e Concello de Vigo iniciaron este martes unha discusión pública -con cruces de notas de prensa e declaracións- sobre a calidade da auga na cidade, concretamente no barrio de Canido. A Consellería de Sanidade anunciou este martes que as súas análises no punto da rede de distribución de Canido 219 lle obrigaban a considerar "non apta para o consumo" a auga nesta área ao ter superado os parámetros químicos de trihalometanos previstos na lexislación vixente. 

Segundo Sanidade, dúas análises realizadas nos días 8 e 12 de xaneiro deixaron niveis de 124 e 127 microgramos/litro de trihalometano

A Xunta dicía adoptar está medida "con carácter preventivo" e reclamáballe ao Concello e a empresa encargada do abastecemento "a adopción de medidas correctoras inmediatas dirixidas a eliminar os riscos potenciais para a saúde da poboación derivados dos incumprimentos que se detectaron na rede de Canido". Segundo Sanidade, dúas análises realizadas nos días 8 e 12 de xaneiro deixaran niveis de 124 e 127 microgramos/litro de trihalometanos (THM), cando o Real Decreto 140/2003 fixa un nivel máximo de 100 microgramos/litro. Sanidade indicaba que con estes niveis de THM recoméndase "non beber a auga nin empregala para cociñar, pero pode empregarse no resto dos usos como son o baño ou a ducha, a utilización en clínicas dentais, limpeza de materiais e alimentos de todo tipo incluídos os de cociña".

O Goberno local acusa a Xunta de estar "instalada na política da mentira e da calumnia contra a cidade"

Porén, case de inmediato o Concello de Vigo respondeu publicamente a través dunha nota de prensa afirmando que "todas as analíticas realizadas por Aqualia nas que se mostrean os trihalometanos ofrecen un resultado favorable, sempre por debaixo dos 100 microgramos/litro". A nota instaba a Sanidade a "rectificar", subliñando de que dende o Concello se lle remitían a diario as analíticas ao Goberno galego, todas "correctas". O Goberno local acusaba finalmente á Xunta de estar "instalada na política da mentira e da calumnia contra a cidade". O concelleiro de Fomento, David Regades, incidía nesta idea e amezaba con levar o Goberno galego ante os tribunais ante o "ataque constante" contra Vigo. "Hai que rematar con este ataque á cidade, os representantes da Xunta son uns mercenarios", afirmou en Radio Vigo-Cadena Ser.

 

Un novo capítulo nunha liorta que vén de atrás

A comezos de decembro, Xunta e Concello mantiveron durante días unha liorta a conta da calidade da auga en Vigo que comezou cando Alberto Núñez Feijoo desaconsellou o consumo de auga na cidade, responsabilizando da situación ao Goberno local pola suposta incapacidade da planta potabilizadora para cumprir co seu cometido unha vez que descendese o nivel das augas (a polémica chegou nun dos peores momentos sa seca sufrida por Galicia o pasado outono). Na nota de prensa difundida este martes, a Consellaría de Sanidade incide de novo no "problema estrutural da potabilizadora municipal de Casal e da rede de distribución".

En decembro Feijoo acusou a Caballero de "facer política coa saúde" e o Concello acusou a Xunta de "facer política contra Vigo coa auga"

Daquela o presidente da Xunta cargou contra o rexedor, Abel Caballero, ao que acusou de "xogar coa saúde da xente" e de "facer política coa saúde". O Concello de Vigo respondera pouco despois "garantindo" que "a auga de Vigo é potable ao 100%" e sinalando que "o problema en Vigo é de seca na présa de Eiras e, polo tanto, de auga en alta, responsabilidade da Xunta". O contraataque da Xunta chegou ao día seguinte, a través dun informe da Consellería de Sanidade, que afirmaba ter detectado en Canido niveis de ferro por riba do recomendado.

Nesa discusión, mentres Alberto Núñez Feijoo acusaba a Abel Caballero de "xogar coa saúde da xente" e de "facer política coa saúde", o Concello de Vigo afirmaba que o presidente da Xunta "fai política contra Vigo coa auga".

No verán de 2015 Sanidade recomendou evitar o consumo da auga da billa nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Mugardos, un veto que se mantivo tres días no caso da propia cidade naval, no medio dunha tensa situación política entre o Goberno galego e os Gobernos municipais dos concellos afectados, que lle criticaron á Xunta o terse "desentendido" dun problema de saúde pública que é da súa competencia. Días despois a CIG lembroulle a Sanidade a súa responsabilidade no control de augas, un asunto da súa competencia: "non é aceptábel que a conselleira tente responsabilizar a outras administracións do que son as súas obrigas".

 

Barrio de Canido, en Vigo © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.