Conde Roa retíralle a axuda ao Correlingua e tratarao como unha manifestación

Gerardo Conde Roa, alcalde de Santiago © Concello de Santiago

"De modo ningún". O Concello de Santiago non achegará este 2012 a axuda duns 4.000 euros que destinaba a colaborar na organización do Correlingua, a carreira organizada por entidades de promoción da lingua galega e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística que este ano se celebrará na capital o 7 de maio. A retirada do apoio tanto económico como loxístico fará que esta actividade, que vén contando co apoio dos gobernos das cidades galegas dende hai anos, sexa tratada en Compostela como unha manifestación ao uso, coa petición previa de permisos e posibles restricións que iso supón.

A argumentación que se lanza dende o goberno municipal dirixido por Gerardo Conde Roa (PP) é o desacordo co manifesto no que este ano se inspira o Correlingua, redactado nun colexio de Pontecesures e no que se proclama, por exemplo, o desexo de que "as fronteiras de Galiza as poña o galego" ou que "non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela". Se ben nun primeiro momento o consistorio compostelán argumentou falta de fondos para non subvencionar o evento pero comprometeu axuda material -como a instalación dun palco-, máis tarde condicionou calquera colaboración a que se retirase o manifesto.

Pero, é este desacordo co texto a única razón desta decisión? Semella que non. Unha vez coñecida a retirada do apoio, dende a asociación Galicia Bilingüe dirixiuse unha carta de parabéns ao Concello de Santiago e, nun comunicado, aseguran que a mudanza de actitude é froito dunha "recente entrevista mantida" por Conde Roa con ese colectivo, na que "mostrou o seu compromiso de non apoiar dende o Concello actividades adoutrinadoras dirixidas a escolares. Do mesmo xeito, esa asociación dá por feito que o Concello da Coruña tampouco axudará á organización da carreira, ficando os gobernos municipais de Lugo, Pontevedra e Vigo como únicas institucións que si a apoian.

Unha marcha avalada polo Plan Xeral de Normalización de Santiago

A retirada de apoio ao Correlingua supón, ademais dun cambio repentino de plans, que o Concello compostelán vai contra o seu propio Plan Xeral de Normalización Lingüística. Aprobado por unanimidade do pleno durante o mandato do anterior equipo de goberno municipal, de PSdeG e BNG, o documento recolle explicitamente que o consistorio colaborará na "consolidación e extensión dos espazos de colaboración entre os axentes de promoción" do idioma "e as Administracións públicas no deseño de actuacións conxuntas", entre as que se cita o Correlingua. Ademais, o mesmo plan alude directamente a esta carreira escolar á hora de comprometerse na "consolidación e extensión dos programas de dinamización sociolingüística na comunidade escolar.

Este é un dos argumentos empregados polos organizadores do Correlingua na súa resposta á retirada de apoio institucional. Entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica galega ou a CIG-Ensino lembran que o concello santiagués participa na iniciativa dende os seus inicios, en 1999. Desta volta, corroboran, o concelleiro de Cultura comprometeu "a colocación dun palco". A retirada do pactado "débese, segundo expresou telefonicamente" o edil, Ángel Currás, "a non estar de acordo co contido do manifesto", resultante, lembra, "do concurso que se celebra todos os anos" entre os propios estudantes.

Neste contexto, a organización do Correlingua lémbralle ao goberno de Conde Roa que "se debe ao conxunto da cidadanía" e non se pode "rexer polos gustos dos seus representantes". "Os responsables desta institución antepoñen os seus prexuízos persoais, neste caso contra a lingua galega e a opinión libre de alumnos e alumnas de 4º da ESO", lamentan. Dende o seu punto de vista, o concelleiro "está a dar unha lección ao conxunto do alumnado de como coartar a liberdade de expresión e de opinión, base de calquera sistema democrático,  na liña contraria do que debería promover como máximo responsábel educativo en Santiago"

Cartel do Correlingua 2012 © Correlingua

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.