Condenados por non ir á mesa electoral: dos opiáceos como escusa a quen non asiste tampouco ao seu xuízo

Urnas o 28A e sentenzas por delito electoral contra cidadáns que non acudiron ás mesas electorais das que tiñan que formar parte CC-BY-SA Praza Pública

Repasamos algunhas das últimas sentenzas por delito electoral contra cidadáns que non cumpriron coa súa obriga como presidentes, vogais ou suplentes en comicios como os do pasado domingo ou os do 26 de maio

O pasado venres a Xunta Electoral de Zona de Pontevedra informou da súa decisión de comunicar á Fiscalía que tres presidentes de mesas electorais non se presentaran nelas o 28A. Eses cidadáns enfróntanse a ser condenados por delito electoral a penas de prisión de tres meses a un ano ou multas de 6 a 24 meses. Un repaso ás últimas sentenzas emitidas en Galicia permite comprobar como a condena máis habitual é a de multa, duns mil euros, pero a existencia de antecedentes penais previos podería complicar a situación de quen non cumpra coa súa obriga. Porque, como lembra a Audiencia Provincial da Coruña nunha sentenza de xuño de 2015 sobre un caso das xerais de 2011, “a participación nunha mesa electoral é un deber cívico legalmente establecido e reforzado ata o punto de conter a Lei Electoral preceptos de carácter penal para castigar condutas como a que aquí concorre”. Estes son algúns exemplos:

O que non foi nin á mesa nin ao xuízo que o condenou

O segundo vogal dunha mesa de Lugo nas autonómicas de 2009 foi multado con 1.250 euros pola súa incomparecencia e tampouco asistiu ao xuízo

En abril de 2011 a Audiencia Provincial de Lugo condenou un cidadán que non acudiu a unha mesa electoral da rúa Espadela desa cidade tras ser citado como segundo vogal nas eleccións autonómicas de marzo de 2009. Foi sentenciado á pena de 14 días de cadea, a substituír por 28 días de multa cunha cota diaria de seis euros e outros 3 meses de multa coa mesma cota diaria, o que lle supuxo uns 1.250 euros de sanción.

A sentenza relata como o presidente da mesa electoral, que declarou no xuízo como testemuña, ratificou no mesmo que o implicado non se presentara no colexio electoral “ata ben entrada a mañá, cando non se dirixiu en ningún momento a eles, senón a un dos representantes dos partidos políticos en liza”. O tribunal salienta que o implicado non só non compareceu á constitución da mesa electoral, senón que tampouco o fixo durante a instrución do caso nin sequera ao xuízo “polo que a Sala carece de argumentos que puidesen xustificar de algunha forma tal incomparecencia” e condénao por delito electoral.

Urnas nunha mesa electoral Dominio Público Praza Pública

O que se puxo nervioso e tomou un opiáceo 

O primeiro vogal dunha mesa das municipais de 2015 multado cuns mil euros argumentou que non recibira contestación ás súas alegacións, pero no xuízo admitiu que se puxera nervioso cando soubo que llas denegaran e tomou un opiáceo

En decembro de 2016 a Audiencia de Lugo emitiu unha sentenza coa que condenou a un cidadán a seis meses de multa con cota diaria de seis euros (uns mil euros), e inhabilitación para o sufraxio pasivo durante ese tempo, por non presentarse como primeiro vogal nunha mesa das eleccións municipais de 2015. Non apareceu malia que a Xunta Electoral denegara por dúas veces as escusas que formulara para non acudir.

A sentenza relata como o implicado intentou argumentar que non se lle comunicaran as resolucións denegatorias das súas escusas para non asistir á mesa. Porén, o tribunal desbota esa argumentación salientando que no propio xuízo o acusado declarou que cando lle chegou a denegación se puxera nervioso. A sentenza reflicte como o cidadán relatou tanto na instrución do caso como no xuízo que se desprazara a xogar un torneo de golf a Mondariz, onde sufriu un ataque de nervios e tomou un opiáceo que lle impediu coller o vehículo, o que fixo ao día seguinte coa intención de ir á mesa ás oito da mañá, pero que “non puido acudir polo exposto”. O xulgado entendeu que esas declaracións ratificaban que o implicado era coñecedor da desestimación das súas alegacións e da súa obriga de acudir á mesa electoral, polo que o condenou. 

Mil euros, multa adecuada para un mileurista

O segundo suplente do presidente dunha mesa de Ribeira nas xerais de 2011 argumentou que era mileurista para que lle rebaixaran a multa e o tribunal considerou "proporcional" multalo con mil euros

En xuño de 2015 a Audiencia da Coruña con sede en Santiago ratificou unha condena previa dun xulgado do Penal de Santiago de outubro de 2014 contra un cidadán que non acudiu nas eleccións xerais de novembro de 2011 a unha mesa en Ribeira na que estaba citado como segundo suplente do presidente. Entre outras cuestións, no seu recurso o cidadán alegaba contra a sanción imposta, de seis euros por día durante seis meses, un total duns mil euros. 

A Audiencia ratificou a contía argumentando que a multa se establecera “no seu límite mínimo”, que considera proporcionado “á capacidade económica media” e do implicado, que declarara que “presta servizos remunerados e que gaña uns 1.000 euros, cantidade esta que fai posible establecer unha cantidade de 6 euros por día como cantidade proporcional á súa capacidade económica”.

O condenado e despois absolto por estar embarcado

Un cidadán de Noia segundo suplente de presidente dunha mesa nas xerais de 2011 foi condenado inicialmente a un mes e 15 días de cadea e finalmente absolto por demostrar que estaba embarcado como mariñeiro

No extremo contrario, a mesma Audiencia da Coruña con sede en Santiago rectificou, nunha sentenza de marzo de 2017, unha condena previa de setembro de 2016 dun xulgado do Penal contra un cidadán de Noia que non acudira, como no anterior caso, como segundo suplente de presidente a unha mesa tamén de Ribeira e tamén nas xerais de 2011. O primeiro xulgado condenara o implicado a un mes e 15 días de cadea, pero recorreu e a Audiencia estimou o seu recurso porque “o apelante atopábase embarcado en alta mar, en augas do Extremo Oriente, durante o proceso electoral”. A Audiencia relata como a súa muller, cando chegara ao seu domicilio a comunicación informándoo de que tiña que acudir á mesa electoral, presentara as súas alegacións de xeito erróneo, “pero iso non resulta imputable penalmente ao acusado, pois o seu afastamento xeográfico e as súas limitadas capacidades de comunicación, ao estar embarcado, considéranse causa xustificada á hora de excluír a sanción” prevista na lei electoral. 

O que negocia co fiscal e acepta unha multa rebaixada

Un veciño de Muxía que non acudiu á mesa das xerais de 2008 que tiña que presidir logrou rebaixar a súa pena tras negociar coa Fiscalía

Pero ademais de condenas e absolucións, as sentenzas emitidas nos últimos anos por delito electoral polos xulgados galegos tamén recolle o caso dun acordo entre a Fiscalía e o acusado. A Audiencia Provincial da Coruña emitiu en outubro de 2009 unha sentenza contra un veciño de Muxía que non acudira á mesa desa vila na que tiña que ser presidente nas eleccións xerais de marzo de 2008. Nela reflíctese como o fiscal solicitara inicialmente contra el pena de multa de 3 meses con cota diaria de 6 euros (uns 500 euros) e 14 días de prisión, substituídos por 28 días de multa con cota diaria de 6 euros (168 euros) ou por 14 días de traballo en beneficio da comunidade, ademais das costas procesais. Porén, acusación e defensa, coa conformidade do acusado, chegaron a un acordo e o tribunal ditou finalmente unha condena de multa de só 28 días con cota de 6 euros (168 euros) e o pagamento das costas procesais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.