Contaminación por lindano no Porriño: A Xunta pide non consumir auga nin alimentos da zona

Parroquia de Torneiros, no Porriño, onde se detectou a contaminación por Lindano Dominio Público Google Street View

Sete pozos particulares pechados e recomendación xeral de “clausura de pozos e fontes” e de “non consumir alimentos cultivados na zona afectada”. Esas son as medidas trasladadas na tarde deste venres por técnicos da Xunta aos veciños da parroquia de Torneiros, no Porriño, afectados pola contaminación da zona por lindano.

Medio Ambiente clausura sete pozos e anuncia un proxecto "para a recuperación e limpeza dos solos despois do Nadal"

A mediados do século pasado a empresa química Zeltia fabricou no Porriño insecticidas como o lindano. Residuos da súa produción acabaron en camiños e campos veciños e de xeito periódico esa contaminación volve facerse evidente, como nas últimas semanas, cando obras nunha estrada sacaron á luz que baixo do asfalto depositáranse restos dese produto e se constatou que contaminara a auga da zona.

Restos da fabricación do lindano, contan veciños da zona, foron ofrecidos no seu momento pola empresa a quen os quixese e empregados en campos como se fose caolín bo para os cultivos ou en recheos de obras como a de construción da estrada que atravesa a parroquia de Torneiros. Anos despois, agora que se están a acometer traballos nesa estrada, o lindano volve saír á luz ao levantar o asfalto.

Pero que o lindano contamina a zona non é algo que se saiba agora. Segundo contou esta semana a Cadena SER, en 2012 a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil xa enviara un informe á Xunta no que alertaba de que a contaminación afectaba a diversos terreos da zona tanto públicos como privados.

A Dirección Xeral de Saúde Pública está monitorizando ese tema”, di Feijóo, tras coñecerse que hai anos que se constatou a presenza do tóxico en diversos terreos tanto públicos como privados

Este xoves o presidente gaego foi preguntado por ese informe de 2012. Feijóo dixo non saber del pero si amosou a preocupación da Xunta pola contaminación. O presidente salientou que a obra de saneamento local que agora volve sacar á luz o lindano non é competencia da Xunta, sen ofrecer información sobre o que puido facer ata o de agora o Goberno galego para reverter a situación latente. Feijóo dixo que “a Dirección Xeral de Saúde Pública está monitorizando ese tema”, pero tampouco apuntou solucións definitivas á presenza do lindano nas leiras do Porriño.

Porén, ás poucas horas a Consellería de Medio Ambiente emitía un comunicado no que, ademais de informar da clausura dos sete pozos anteditos e das recomendacións xerais de non consumir auga e produtos cultivados na zona, comprometeuse a  facer un seguimento sanitario dos veciños e anunciou que iniciará  “a redacción dun proxecto para a recuperación e limpeza dos solos despois do Nadal, cando finalice a fase preliminar de investigación, que se segue a desenvolver na zona e que permitirá coñecer a situación real do lindano”.

Plano das prospeccións en busca de lindano no Porriño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.