Cosme Pombo, a 'revelación' luguesa da campaña do BNG

Cosme Pombo intervén ante Jorquera e Vázquez CC-BY-NC-SA BNG

"Hai que botarlle algo de humor, que aos mitins tamén vimos rirnos algo". En tempos de dura crise económica e de discursos políticos construídos ao ritmo que marcan os argumentarios diarios non é doado atopar un verso solto, menos aínda no medio dunha campaña electoral como a que nestas semanas vive Galicia. No tenso panorama previo ao 21-O non foron poucos os simpatizantes do BNG, pero tamén a prensa que segue os actos de campaña da formación nacionalista, que saíron sorprendidos dalgún dos actos da formación, especialmente na provincia de Lugo. O motivo? A personalísima posta en escena do cabeza de lista do Bloque por esa circunscrición, Cosme Pombo, o ex delegado da Consellería de Vivenda na provincia luguesa, practicamente inédito ata o momento na escena política galega.

O debut de Pombo nos grandes auditorios electorais produciuse o pasado 30 de setembro, cando na convención celebrada polo BNG en Compostela relatou ante os presentes a importancia da "terra que nos dá de comer" a través da canción que el, mestre de profesión, lle ensinaba ao seu alumnado cando estivo a traballar en Catalunya. Aquela primeira intervención non foi a excepción. Ben ao contrario, o nacionalista foxe da ortodoxia á hora de explicar as propostas do programa frontista con discursos inzados de metáforas, salferidos de anécdotas e, en máis dunha ocasión, culminados con música.

"O PP mételle 'drogha' no colacao dende a mañá a todo o mundo, para que a xente non pense nas eleccións", ironiza

Con este xeito de proceder Pombo logrou arrincar máis dun sorriso en diversos mitins, como o recentemente celebrado en Monforte. "Non o dixeron os meus compañeiros, pero vouno dicir eu... unha cousa boa que ten o PP", introduciu. "Enfréntannos a uns cos outros", sentenciou, para despois explicalo cun ilustrativo exemplo: cando "os cazadores andan ao xabarín", guíndanlles aos seus cans "o oso pelado, e a carne vai para outro lado". Na actual conxuntura sociopolítica, detalla, o PP "manda o chuletón para os bancos, tírannos a nos o oso e empezamos a mordernos uns aos outros" e así, por exemplo, "os que están no paro din: "estes desgraciados dos funcionarios, que lles quiten a paga!". Os populares, acrecenta, "métenlle drogha no colacao dende a mañá a todo o mundo, para que a xente non pense nas eleccións".

"Hai que alegrarse, quérennos convencer de que non hai maneira, pero un pobo que cre nel, fai o que queira", animou á concorrencia, xusto antes de botar un grolo de auga para aclarar a gorxa e culminar cunha canción. O candidato, mestre de profesión e gaiteiro de afección, coida que un bo símbolo da mensaxe política que está a transmitir é a Gaita irreal popularizada por Suso Vaamonde e por iso canta "leva a terra con il, sen il sabelo". O auditorio encheuse de aplausos.

Cosme Pombo intervén ante Jorquera e Vázquez CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.