Populares e nacionalistas aproveitan a festa de Navia de Suarna para lanzar mensaxes dispares
O mitin de Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero deste domingo en Santiago estaba chamado a ser a gran cita política do día, que o resto de partidos só intentou contraprogramar parcialmente, diferenciando notablemente os seus actos. As direccións de PP e BNG celebraron reunións internas tamén en Compostela, de coordinación de políticas en materia industrial no caso popular e de organización das listas e o programa electoral no dos nacionalistas. Pero as dúas formacións coincidiron en convocar tamén actos de rúa en Navia de Suarna, que celebrou a súa XXX Feira da Androlla.
O popular afeou a Sánchez “que siga poñéndose de perfil respecto dos problemas que ten Galicia"
Ata alí desprazáronse os tamén lucenses Jaime de Olano, vicesecretario de Participación do PP estatal, e Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento galego. Pero as súas mensaxes foron ben dispares. O popular centrou a súa intervención en criticar a visita de Sánchez a Santiago e afearlle “que siga poñéndose de perfil respecto dos problemas que ten Galicia e esta provincia, en particular, e que dependen directamente da xestión do Goberno central”, como a débeda do IVE, os baixos ingresos do agro ou o atraso do AVE.
Rodil puxo o foco na “axenda feminista" do Bloque e en particular “no papel das mulleres rurais”
Pola súa banda, a deputada nacionalista puxo o foco na “axenda feminista que o bloque está desenvolvendo” e en particular “no papel das mulleres rurais” grazas ás que “existe unha Galiza viva” xa que “elas son as que levan adiante moitas clases de traballos que desgrazadamente seguen a estar invisibilizados, como os coidados”.