Cuiña liga os orzamentos de Lalín a unha moción de confianza ao tombarllos o PP cun tránsfuga

Pleno do Concello de Lalín © Concello de Lalín

Repítese o acontecido na Coruña. O goberno de Lalín, encabezado polo seu alcalde Rafael Cuiña, someterase o vindeiro luns a unha moción de confianza logo de non lograr aprobar os orzamentos deste ano no pleno extraordinario deste xoves. Os dez edís do PP e o concelleiro tránsfuga que abandonou o executivo local, Juan José Cruz, xuntaron os seus once votos para rexeitar as contas fronte aos dez que suman os cinco concelleiros de Compromiso, os tres do PSdeG e cadanseus de BNG e Apac. 

PP e un concelleiro tránsfuga uniron os seus votos para rexeitar os orzamentos do goberno local

Rafael Cuiña activa así unha posibilidade que lle dá a lei electoral malia que asume que perderá a cuestión de confianza, vistas as posturas expresadas no pleno pola oposición que, como indica, é sabedora tamén de que non levará adiante a moción de censura posterior que lle facilita a lexislación dado que a lei antitransfuguismo "impide" que Cruz, o edil que abandonou o goberno local, poida votar. 

"Faremos ese paripé lamentable conscientes de que o imos perder", advertiu o alcalde, que reprobou xunto ao resto de membros do seu goberno os "argumentos" dados polo PP e o concelleiro "tránsfuga", aos que acusan de "non lerse os orzamentos". 

Cuiña activa a cuestión de confianza, a sabendas de que a perderá, para poder superar o veto do PP, que non poderá aprobar moción de censura ningunha

Así, Cuiña activará o botón vermello da política local como así fixo antes o seu homólogos na Coruña, Xulio Ferreiro, ao sérenlle tombados os orzamentos. En Pontevedra, o seu alcalde Miguel Anxo Fernández Lores anunciara tamén esa cuestión de confianza, pero a abstención posterior da Marea permitiu finalmente ao BNG sacar as contas adiante. Na urbe coruñesa, pola contra, o seu rexedor someteuse e perdeu esa cuestión de confianza e os orzamentos quedaron aprobados un mes despois ao non haber acordo entre PP e PSOE para tombar o goberno local. Velaí está a cuestión que agora se repite en Lalín, cuxo alcalde lembrou que se reproducirá na capital do Deza "o adiamento e atraso" na aprobación das contas que "tamén se produciu na Coruña", a cuxa administración local agradeceu a colaboración á hora de analizar o futuro desta operación. 

O alcalde de Lalín lembrou que se reproduce o ocorrido na Coruña, que provou "o atraso" nun mes da aprobación das contas

O caso é que o artigo 197 da actual lei electoral outorga ás alcaldías a posibilidade de formular unha cuestión de confianza, isto é, de propiciar unha votación en pleno sobre a continuidade ou non do goberno ligada á aprobación de catro tipos de asuntos, un deles os orzamentos xerais do concello. Se esta é aprobada, o goberno continuará exercendo e os orzamentos, aprobados. Se non o é, os grupos da oposición terían un mes para formularen conxuntamente unha moción de censura cun alcalde alternativo. En caso de non o faceren, o goberno ficaría referendado e o orzamento, aprobado inicialmente. Dado que o voto do concelleiro tránsfuga non é posible para propiciar un goberno alternativo, a operación implica o atraso nun mes dunhas contas que serán finalmente aprobadas.

Cuiña amosa agora a súa "preocupación" por que os orzamentos "se atrasen máis", polo que desde o goberno local piden ao PP que "renuncie expresamente" a presentar a moción de censura porque, tal e como lembran, "a perderían" polas condicións que impón a lei antitransfuguismo. O portavoz do PSOE, Nicolás González, que instou os populares a que non fagan "perder" máis tempo ao Concello e que actúen "con responsabilidade". "Aquí non hai ninguén que teña o compromiso de manter este goberno porque a lei non lle permite votar para cambialo", engadiu Francisco Vilariño, do BNG. 

"Aquí non hai ninguén que teña o compromiso de manter este goberno porque a lei non lle permite votar para cambialo", advirte o BNG

Todos os membros do goberno local denunciaron que aqueles que votaron en contra das contas "nin tan sequera as leron". "O do tránsfuga paréceme dunha ignorancia supina", advertiu Lara Rodríguez, de Apac, que cualificou de "espectáculo lamentable" o vivido no pleno. "Foi unha decisión que tomaron para castigar este goberno", rematou Cuiña. 

Pleno do Concello de Lalín © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.