CxG procura 15.000 sinaturas para presentar unha ILP contra a corrupción

A Comisión Executiva Nacional de CXG, no acto deste sábado © CxG

Compromiso por Galicia (CxG) vén de formular este sábado no rexistro do Parlamento de Galicia un escrito de promoción dunha iniciativa lexislativa popular de medidas de prevención da corrupción política.. O secretario xeral da formación galeguista, Xoán Bascuas, xunto co resto de membros da Comisión Executiva Nacional, acudiron ao acto para que “cumprindo os trámites legais, se admita a trámite esta iniciativa, para comezar a recoller  cando menos as 15000 sinaturas precisas para a toma en consideración no pleno e subseguinte tramitación parlamentaria”.

A intención da ILP é "recoller a preocupación" da cidadanía, pero non "resolver, castigar ou sancionar, senón prever”

O líder de CxG cre que a corrupción en xeral, e nomeadamente a política, “é unha das cuestións que máis preocupan á cidadanía galega, e que contribúe á desafección e merma a calidade da nosa democracia”. A intención coa presentación desta proposición de lei de medidas de prevención da corrupción política é "recoller esa preocupación, e non pretende resolver, castigar ou sancionar, senón prever”, aclara Bascuas.

A iniciativa toma como referencia outras experiencias existentes noutras latitudes, como son o caso da ficha limpa da lexislación brasileira, os criterios marcados pola organización Transparencia Internacional e a propia proposta do Fiscal Superior de Galicia da creación do Consello de Prevención da Corrupción, figura existente na República portuguesa dende o ano 2008.

Ademais, Xoán Bascuas cre que estas medidas deben vir acompañadas da “exemplaridade na conduta nos representantes políticos galegos, e unha actuación pedagóxica orientada ao cambio dunha cultura política enormamente instalada no imaxinario colectivo”, así como do endurecemento do castigo a aqueles que non cumpren.

Xoán Bascuas presenta a iniciativa no Parlamento © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.