CxG solicitará á Eurocámara un marco comunitario anticorrupción e "listas brancas"

Mitin de CxG en Vigo CC-BY-SA CxG

Compromiso por Galicia (CxG) vai máis aló na súa loita contra os casos de corrupción política e, "ante a proliferación" destes anuncia que vai solicitar no Parlamento Europeo "un marco anticorrupción para que a xente volva acreditar na política”. Así o asegurou no mitin deste pasado martes en Vigo o seu candidato ás eleccións do vindeiro domingo, Paulo Carlos López, que lembrou que a súa xa ten plantexado outras medidas contra este problema.

CxG solicitará no Parlamento Europeo "un marco anticorrupción para que a xente volva acreditar na política”

"Xa presentamos unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de medidas de prevención da corrupción política e tamén a aposta polas listas brancas; é dicir, que ningún imputado vaia nas listas electorais”, dixo López. A formación galeguista presentara esta ILP que fora vetada finalmente pola Mesa do Parlamento. CxG apostara por implantar "medidas de prevención contra a corrupción política", baseadas nas propostas do fiscal superior de Galicia na materia. Na súa resolución, o órgano reitor da Cámara galega considerara "evidente" que as propostas de CxG "afectan ao marco competencial estatal" e á normativa que "atinxe o desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía ou aspectos materiais que requiren o voto favorable dunha maioría cualificada para a súa aprobación"

“A coalición na que vai Compromiso por Galicia é a única que ten garantida representación sen depencias de Madrid”, di Paulo Carlos López

Ademais, na mesma comparecncia en Vigo, o cabeza de lista de CxG pediu o voto para a “única candidatura galeguista que non ten dependencias de Madrid e que se parece á maioría dos galegos, que traballa e vive con ilusión e esperanza”. “A coalición na que vai Compromiso por Galicia é a única que ten garantida representación sen depencias de Madrid”, dixo López, tras subliñar que a devandita coalición "terá representación segura no Parlamento europeo" e será "a única forza galeguista e sen dependencias que teña asegurada esa presenza para defender os intereses do país”.

Neste sentido, o candidato galeguista pediu “o apoio dos galegos e galegas para Compromiso por Galicia para amosar a Europa esa Galicia viva e dinámica que emerxe, que non se resigna, queremos transmitir esa Galicia da ilusión, esa Galicia en cor e non esa Galicia en branco e negro, da negatividade continúa que queren as outras forzas políticas”.

Paulo Carlos López ademais que “Galicia pouco beneficio terá con forzas que ou son máis do mesmo, como PP e PSOE, ou con outras que non cren en Europa”.

Mitin de CxG en Vigo CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.