Da "Albania do Atlántico" a "evitar que gobernen aqueles aos que as cousas non lles foron ben": 30 anos de advertencias empresariais

Juan Miguel Villar Mir © Executive Forum España

"Paréceme ben que exista un partido coma este, coma en todos os países, cunha ideoloxía marxista-leninista que acolle o 10% da poboación desencantada, aos que as cousas no lles foron ben, que non cren en deus nin na economía de mercado. Pero o seu posto debe estar na oposición". Juan Miguel Villar Mir aproveitou a súa intervención ante os medios deste martes, na que anunciou a súa retirada da presidencia de OHL (que pasará a mans do seu fillo), para facer algunhas suxestións sobre a forma en que se debe gobernar España a partir do 26 de xuño. O empresario recomendou un pacto entre PP e PSOE, ao que se podería unir tamén Ciudadanos, para asegurar outros 40 anos "de benestar e crecemento" e evitar o acceso ao poder de Unidos Podemos. "Una verdadeira desgraza paira sobre España con Podemos", advertiu.

Os exemplos de declaracións empresariais sobre política son moitos, e sorpredentemente os argumentos empregados apenas varían co paso das décadas

As palabras de Villar Mir, un dos maiores expoñentes do modelo de relacións político-empresariais forxadas no palco do Bernabeu e sinalado por Bárcenas como doador do PP, únense a unha longa lista de admonicións realizadas por grandes empresarios ou organizacións patronais antes dalgunha convocatoria electoral, sobre todo cando o resultado é incerto ou existe a posibilidade de que acceda ao goberno algunha forza allea ao sistema de poder.

Os exemplos son moitos, e sorpredentemente os argumentos empregados apenas varían co paso das décadas. Pódese lembrar, por exemplo, a intensa campaña que nas primeiras eleccións ao Parlamento galego realizou a Confederación de Empresarios de Galicia, que gastou uns 100 millóns de pesetas nunhas insercións publicitarias en prensa que pouco a pouco abandonaron unha primeira actitude institucional (para pedir o voto) para tomar partido de forma moi clara: "Detrás das ofertas de esquerda (socialismo e comunismo) por moito que os seus programas digan outra cousa, agáchanse: Máis impostos. Máis Funcionarios. Máis intervencións da Administración na vida privada. Máis expropiacións. Menos respecto á propiedade privada (...) Detrás das ofertas galeguistas agáchase: Máis illamento de Galicia. Máis soidade para Galicia. Máis oposición ao progreso e á industrialización. Máis aventuras políticas desatinadas (...). A delirante pretensión da independencia de Galicia, que desexan converter na Albania do Atlántico". Outro dos anuncios afirmaba que "cando lles convén, todos son moderados" e pedía "negarlle o voto ao comunismo e ao socialismo".

En 1981 a CEG pedía "negarlle o voto ao comunismo e ao socialismo"

Este tipo de advertencias continuaron nos anos seguintes, tanto en Galicia coma no conxunto do Estado, e intensificábanse na medida en que algún partido distinto a PP ou PSOE se atopaba en disposición de acceder ao Goberno ou como forma de presión aos propios socialistas no caso de que apostasen nalgún momento por políticas que incomodasen os grandes empresarios. Así sucedeu de forma evidente co BNG entre 1997 e 2001 e tamén en 2005 e durante toda a xestión do Goberno bipartito, sinalando Enrique López Veiga que "hai unha gran preocupación no sector empresarial galego polo partido coligado co PSOE na Xunta". As declaracións pública da cúpula empresarial galega foron en calquera caso relativamente comedidas. Dende logo máis que os avisos lanzados en 2005 por Manuel Fraga, que chegara a sinalar o perigo dun "goberno de comunistas" ou a afirmar que "dentro de pouco teremos aquí a ETA".

"Queres quedar sen as túas fincas?", preguntaba o encabezamento do escrito anónimo distribuído en varias vilas ourensás pouco antes das eleccións galegas de 2009

Máis alarmista foi a campaña (anónima) que a tres días para as eleccións autonómicas de 2009 encheu varias localidades da provincia de Ourense con panfletos que alertaban das supostas perversas intencións de socialistas e nacionalistas. "¿Queres quedar sen as túas fincas?", preguntaba o encabezamento do escrito, cuxa impresión e difusión foi atribuída ao PP. "Se goberna o BNG e o PSOE pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa excusa de que non as traballas", continuaba o texto. "Se goberna o BNG e o PSOE non podes vender e mercar as túas fincas libremente", agregaba, antes de citar varios artigos da lei do Banco de Terras. "O PSOE e o BNG queren quedarse coas túas terras", "en defensa da liberdade e da propiedade das túas fincas, o 1 de marzo di non ao bipartito", culminaba.

Núñez Feijoo pediu o voto para o PP para evitar evitando que Sarria se convertese "nun pobo de Venezuela ou nun pobo de Grecia"

Nos últimos dous anos o ascenso de Podemos e a aparición das candidaturas de confluencia fixo que este tipo de campañas apocalípticas se multiplicase, converténdose en algo case que habitual. Núñez Feijoo pediu en Sarria o voto para o PP co argumento de que "Sarria siga sendo Sarria, un pobo da provincia de Lugo e un pobo galego", evitando que a vila se convertese "nun pobo de Venezuela ou nun pobo de Grecia". As referencias aos bolivarianos, ao populismo e ao comunismo son hoxe constantes, sobre todo nos discursos de PP e Ciudadanos, pero tamén nos do PSOE.

O pasado ano o daquela aínda presidente da CEG, Fernández Alvariño, alertaba de que a chegada ao poder de "partidos populistas" suporía unha ameaza á "estabilidade" do sistema económico

O mesmo sucede cos grandes empresarios e coas súas organizacións. O pasado ano o daquela aínda presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño, alertaba de que a chegada ao poder de "partidos populistas" suporía unha ameaza á "estabilidade" do sistema económico. O máximo mandatario dos empresarios españois, Juan Rosell, que en febreiro sinalaba ante un posible pacto de goberno PSOE-Podemos "non teño medo a Podemos, pero preocupación toda", este mesmo martes se amosou máis comedido: "Despois dos resultados das eleccións veremos cales son os programas dos gobernos. Entón será cando poderemos opinar".

 

Juan Miguel Villar Mir © Executive Forum España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.