Da praza ao Concello, das mareas aos feitos

Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez CC-BY-SA Praza Pública

Os novos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol dialogan publicamente por primeira vez. Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), Martiño Noriega (Compostela Aberta) e Jorge Suárez (Ferrol en Común) sentarán este mércores á mesma mesa para abordaren o reto que teñen por diante: pasar do liderado das candidaturas de unidade popular coas que veñen de acceder ás alcaldías de cadansúas cidades a facer o propio cos gobernos locais que comezan a traballar este luns.

Nun diálogo aberto organizado por Praza.gal e eldiario.es e conducido polos xornalistas Montse Dopico e David Lombao os alcaldes falarán da situación que veñen de atoparse en cada concello para comezar a gobernar, do xeito en que as candidaturas confeccionaron os equipos de goberno e tamén das primeiras medidas que se propoñen tomar. Tratarán, igualmente, a relación entre as cidades do país e as oportunidades que neste ámbito abre o cambio político.

Asemade, durante o encontro Ferreiro, Noriega e Suárez analizarán o xeito en que os gobernos que agora encabezan deben relacionarse coa base social que os apoiou durante o proceso de conformación das candidaturas e a propia campaña electoral, así como a maneira en que canalizarán a participación cidadá que prometeron antes das eleccións. O panorama político aberto tras a 24M e os vieiros polos que pode transcorrer a política galega nos vindeiros tempos estarán tamén sobre a  mesa.

Ademais dos temas formulados polos xornalistas os alcaldes tamén responderán as preguntas ou reflexións que se formulen dende o público.

O encontro celebrarase este mércores, 17 de xuñona aula magna da Facultade de Xeografía e Historia da USC (Praza da Universidade, 1) e o acceso é libre ata completar aforo. Tamén se poderá seguir ao vivo a través de streaming en Praza.gal.

CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.