"De 700 persoas que traballan na Deputación de Ourense non atopamos vínculos co PP en 15"

Ignacio Gómez, voceiro socialista na Deputación ourensá CC-BY-NC-SA PSdeG

Ignacio Gómez recoñece que para desenvolver o seu labor político cómpre un chisco de "valentía". Como voceiro do PSdeG na Deputación de Ourense correspóndelle levar boa parte do peso político da formación que presentou a querela contra José Luis Baltar por 104 contratacións presuntamente irregulares, concretadas poucos días antes do congreso celebrado polo PP nesa provincia en 2010. Como membro do Partido Socialista asegura que na súa formación "nos sentimos moi sós" durante moitos anos denunciando as prácticas laborais da familia Baltar. Non obstante dálle "a benvida á Xustiza, aínda que sexa tarde".

Por que cre que a xustiza actúa agora? Vostedes están a lembrar que levan anos denunciando os casos de presuntas contratacións irregulares...
É unha boa pregunta, pero a verdade é que non temos a resposta exacta. Dise que agora Baltar pai neste caso xa está fóra da política, que a posible condena que lle puidese caer sería tardía porque sería unha inhabilitación. En calquera caso, nós o que fixemos foi facer unha denuncia no 2010 e cremos que ao mellor a tardanza se debe a que a Fiscalía fixo un traballo por aclarar a cuestión pouco a pouco, chamando a declarar a xente que estaba dentro deste tema, como xefes de servizo da Deputación, ata facer un informe de máis de 700 páxinas. O noso obxectivo principal non é buscar unha condena de ninguén, non estamos perseguindo a ninguén; nós denunciamos o presidente da Deputación, non a José Luis Baltar. Gustaríanos que fose no seu tempo, porque o obxectivo é rexenerar esta provincia despois de tantos anos. 

Ata onde saben ou sospeitan que poden chegar estas contratacións, alén das 104 que agora se investigan?

"Nestes anos púidose beneficiar a máis de 8.000 persoas vinculadas ao PP, parece ciencia ficción"

O abano é enorme. Moitas veces parece ciencia ficción. Cando nós falamos de que pensamos que, probablemente, se puido beneficiar a 8.000 persoas vinculadas ao PP dun xeito ou doutro, non estamos dicindo ningunha barbaridade. Ao longo destes anos foron multitude de contratos. Agora non se lembra, pero o hospital Santa María, por exemplo, que no seu momento dependía directamente da Deputación, era un niño de contratacións. E non o digo eu, hai poucos días saían declaracións nos medios de persoas que dicían abertamente que foran colocadas alí por Baltar ata que chegou o momento de facer uns exames e non puideron seguir. O abano non se pode cuantificar, é moi amplo. Tamén estamos falando de cando había unha entidade financeira, que todos sabemos cal é [Caixa Ourense] e que tamén estaba controlada pola Deputación. Tampouco é unha invención nosa; é moi curioso que moitos alcaldes e cargos do PP nesta provincia traballan ou traballaron nesa entidade bancaria. É unha sucesión de casualidades que, dende logo, non cremos. De 700 persoas que traballan na Deputación, só hai 15 casos nas que non damos localizado ningunha vinculación do PP. Así é moi doado gañar eleccións; historicamente ese é o triunfo do caciquismo: cando peor está a xente é cando se recorre a este tipo de técnicas e iso é o que aconteceu durante máis de vinte anos mentres moita xente mirou cara a outro lado

Politicamente, que marxe de manobra lles queda despois de que o PP vetase a investigación interna na Deputación?

"Pódese dar un escándalo maiúscula, da oposición en franca minoría gañando a votación e que se teña que abrir unha investigación"

Politicamente, xa veremos, porque nós fixemos algo que legal e democraticamente nos outorga a lei: recorrer esa votación que se fixo no pleno extraordinario. O secretario, a petición nosa, informou verbalmente no pleno de que os deputados do PP tiñan o deber de absterse se algún deles tiña algunha vinculación familiar ou doutro tipo coas persoas contratadas das que estabamos a falar.  Dos 15 deputados do PP, 14 teñen algún tipo de relación con esta xente; en moitos casos son fillos ou donas, noutros teñen vinculacións políticas moi claras. Pedímoslle ao secretario que sexa escrupuloso coa legalidade e ao mellor ten que informar con valentía algunhas cuestións. A vía política pódenos outorgar, creo, o que sería un escándalo maiúsculo, que unha oposición en franca minoría [PSdeG e BNG suman 10 deputados] gañe a votación contra un do PP e se teña que abrir unha investigación política. Se isto non ocorre, hai a posibilidade de acudir á vía xudicial, porque o presidente estar incorrendo nun delito de prevaricación. Ademais, nós imos seguir denunciando todo o que teñamos que denunciar e o seguinte paso, unha vez que remate este primeiro proceso, é pedir todos os expedientes de contratación destas 104 persoas e despois, que se cuantifique o gasto que supuxo este capricho, porque as responsabilidades non remataron cando marchou José Luis Baltar. Os propios funcionarios están dicindo que non poden garantir que haxa un rexistro de expedientes que non se manipule.

Valoran estender estas accións contra o actual presidente?
Estamos valorándoo. Quen ten a responsabilidade de saír defender os contratos é o presidente. Unha cousa vai unida á outra. Quédannos dous anos e medio de mandato se non acontece nada raro. Van ser bastante duros, tamén para a oposición, porque ao final isto tampouco é prato de gusto de ninguén.

Manuel Baltar acúsaos a vostedes de promover o enchufismo... e mesmo de militar no PP

"A foto é de alcaldes imputados, alcaldes inhabilitados e tránsfugas que son deputados do PP recibindo a Baltar no xulgado"

Non é táctica só da Deputación, é unha táctica que segue o PP e que estamos vendo a nivel de todo o Estado español: “e ti, máis”. No fondo, durante moito tempo funcionoulles moi ben. Eu non son das persoas que ten adhesións inquebrantables por ninguén, e se alguén do meu partido comete unha ilegalidade, o que ten que ocorrer é que a Xustiza actúe sempre. Pero por cada problema que pode ter ter o Partido Socialista, o PP ten cen. E nesta provincia en concreto, esa desculpa non lle vale. A foto [do pasado mércores] eran alcaldes imputados, alcaldes inhabilitados, tránsfugas recoñecidos por primeira vez na historia da democracia, imputados que a día de hoxe son deputados provinciais... Un senfín de persoas con problemas na Xustiza recibindo a Baltar no xulgado. Meter a todos no mesmo saco? Nós, con esa estratexia, non nos imos frear nas nosas denunicas. 

Hai quen chega a considerar que estas prácticas son endémicas na política ourensá...
Aquí ocorreu algo que non se dá en moitos casos: na Deputación de Ourense nunca houbo alternancia, polo que non se nos pode acusar de facer nada nesta institución. Eu coido que estas institucións terían moito que mellorar en todo o Estado, pero maiores casos de mal funcionamento e de escándalos nas deputacións sonlle tres en toda España. Castellón, no seu momento a de Lugo, e a de Ourense. As tres teñen un denominador común, estiveron gobernadas case sempre polo PP. E cando entra outro goberno distinto, non hai eses escándalos. Cando o PSOE ten un problema de corrupción nalgunha administración no PP son expertos en utilizar todos os adxectivos: ladróns, despilfarradores... Agora ben, cando son eles, a culpa é dos políticos en xeral.

Ignacio Gómez, voceiro socialista na Deputación ourensá CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.